Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Laudelino Pellitero

Aguirre Vasco…., non galego!

15:03 15/02/2009

Cando alá polo 2002, o técnico Javier Aguirre Onaendía, levou a selección mexicana aos oitavos de final no  mundial de Corea do Sur e Xapón 2002, a euforia desatouse entre os aztecas que viñan de obter o segundo posto na Copa América de Colombia 2001.

Á centenaria  Cervexaría Cuauhtémoc Moctezuma, empresa do Grupo FEMSA, líder no sector de bebidas, non se lle ocorreu mellor idea para saudar ao novo heroe nacional, o seu adestrador de orixe vasca, que inserindo nos xornais anuncios co texto: Menos mal que Aguirre era Vasco… no gallego!.

De súpeto entre a diáspora galega radicada en México desatouse unha onda de indignación polo contido do anuncio, mesturada con firmeza na esixencia do respecto á colectividade.

Restaurantes, cantinas, hoteis, bares, clubes, centros... ameazaron con deixar de comercializar toda a gama de bebidas do grupo se non había unha rectificación pública.

 Nunca chegou a reparación pública. Os directivos  da Cervexaría Cuauhtémoc Moctezuma escusáronse argumentado que fora unha idea unilateral dos comerciais da marca, que non consultaran coa xerencia. Desculpa que non convenceu aos emigrantes galegos, que ratificaron a ameaza de boicot.

Tan grande foi o conflito que a embaixada de España viuse na obriga de mediar para distender a tensión. Acordo finalmente houbo, desculpas persoais dos altos directivos do holding, tamén. Mais os extremos nunca se fixeron públicos, aínda que distintas fontes o sitúan en termos económicos para diversas obras sociais ou recreativas da colectividade galega.

Esta episodio de dignidade colectiva, enlaza coa conclusión do Instituto Nacional contra da Discriminación, a Xenofobia e o Racismo (INADI), adscrito ao Ministerio de Xustiza, Seguridade e Dereitos Humanos, comunicada a semana pasada aos galegos que presentaron a denuncia, na que se consideran discriminatorios os chistes de galegos publicados pola Editorial Sudamericana.

Dende hai décadas a seriedade no traballo, a perseveranza, a altísima formación das segundas xeracións, o progreso da Galicia intramuros, foron acabando cos estereotipos de galegos, vinculados a intelixencia, hixiene, idioma ou existencia.

Se queremos prestar unha grande contribución a esta dignificación colectiva da diáspora contemporánea, podemos limpar , depurar todos os mecanismos de votación no exterior, ata que a transparencia sexa modélica. Non merecen que se vincule emigración con irregularidades, diáspora con vantaxismo partidario, Galicia exterior con negación de dereitos cívicos.

Hai moito tempo que o voto en urna é un clamor xeneralizado entre os emigrantes, que tan só se demora por intereses partidarios, non por vontade ou responsabilidade da diáspora.

Haberá que definir dereitos e grao de vinculación con Galicia, haberá que definir os procesos nos que exercerán o voto, pero como cuestión previa, deben exercer o voto en urna, para sacudirse o novo estigma da emigración: o obscurantismo no exercicio do dereito democrático ao voto.

4,62/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu no ano 1958. É analista internacional. Experto en América Latina, onde ten coordenado múltiples encontros internacionais. Coautor de diferentes libros coma: O Conflito dos Balcáns, Cuba: independencia e Revolución, Rusia: das orixes á crise dun modelo, Homenaxes á Lois Tobío... Colabora tamén con A Nosa Terra, A Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Tempos Novos. Foi Coordenador Editorial de Tempo Exterior. Na actualidade dirixe o Instituto para a Proxección e a Análise Exterior (IPAEX). »



Anteriores...