Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

Matria, Lingua e Poesía

20:01 19/04/2007

O sábado, vinteún de abril 2007, o Premio Esquío, coa presentación do libro “Poesía viva, pura poesía”(antoloxía:1981-2006) e a Festa dos seus 25 anos (máis un),  honra unha arquitectura de Feira Antiga, xa Patrimonio, na vila pontevedresa de Agolada. Pode ser un día distinto para moita xente do común. Sempre hai unha data significativa nos agradecementos. Con certeza vaino ser tamén para min. Un embigo grande medra en cadaquén e hai un tempo inescusábel para o desabafo ou o ridículo: esta é a miña crónica coa Lingua en sesenta anos de intemperies. E pido desde xa perdón se ofende tanta cativeza para tisnar de biografía unha columna xornalística.

Cando eu chegaba por primeira vez a esta vila labrega viña nos ollos dunha nai que me vestía de cariña redonda e cabelos de ondas en periquetes rechamantes; gastaba unha fala en castelán que sorprendía por novedosa e era un neno cariñoso e pregunteiro con calquera que visitaba nos días e nos meses posteriores a xastrería do meu pai. Porén a infancia medra e os arredores marcan nas viradas. Non tardei en falar o galego coma ti e en sentir que os xogos e os amigos levan cara adiante. A miña nai foise afacendo a esta mutación lingüística do seu único fillo, que chegara coma un galano serodio á súas vidas. Nunca un mal xeito, nunca unha palabra de desprezo para a lingua de Santa María de Melide e de Quian de Carmoega: os seus niños de alma.

Xa perto das súas definitivas ausencias, cando a vida non pode, sóubenos felices coa miña decisión de usuario do galego, sen renuncias, e co respeto polas outras linguas que eran de achegas na conversa, en libros, tvs, radios e xornais.  A miña nai foi o derradeiro elo coas estirpes. No ano de  1989 recibía desde O Ferrol a nova da sorte polo Premio Esquío. Díxenllo coa ledicia daquel outro neno grande, xa case careca e da cara longa do común dos feos consentidos. Sorrimos e démonos un bico ao pé do leito que a tiña de acollida na nosa casiña de Cangas. Na edición do poemario estaba a adicatoria: “Pra Antonia”. Ollou e soubo do arrecendo a obra nova na que escoitaba o seu nome por primeira vez en letra de libro. Bagullamos un chisco e ficamos de volta alborecidos coma ouriolos no Sobreiral do Arnego ou nas fragas de Coiro ou de Abelendo.

Cando dei en profundar na tolemia dos enquisas que anuncian a ruina e a case morte para a Lingua de noso, tirei da carabina da memoria e relataba, na oportunidade das miñas clases de galego cos alumnos dos Institutos do Santa Irene de Vigo, do Ramón Cabanillas de Cambados e da Xunqueira de Pontevedra, nun silencio abraiante, esta crónica rendíbel cara aos afectos de familia que agora digo aquí, en hora e día en vísperas da miña estimación cara á Sociedade de Cultura Valle Inclán de Ferrol, por nos ter de Festa nos Pendellos da vila que me ollou  en medras sucesivas, en sintonías coas palabras daquelas voces que xa non están e fóronse, coma os meus pais, cabo de lonxe, deixando herdanza e compromiso. Cómpre saber que a Lingua, máis e antes que calquera arquitectura e arte e nombradía que nos conmove, é quen resiste e vai identitaria de compaña coas idades do Amor e das entregas.

Pois velaí a miña tripla emoción -explícita no título- por esta data. Que a fundacional “Pousa de Augalevada” que din as crónicas de antigo, emerxa definitiva SOBRE A PEDRA de noso, que son patrimonio, para a reconquista da cultura, a modernidade e o progreso-tal soñara, hai máis de setenta e un anos, Primo Castro Vila: labrego, alcalde e taberneiro. E haxa outrosí Poesía neste País de Sempre Poetas.

4,77/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...