Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

Varela Buxán (1909-1986)

14:10 03/03/2009

Nacías nesta noite de hai cen anos na parroquia de Lamas (A Estrada). Nai pobre paría un neno galego para as Américas. Era o costume. E ti medrabas nas carreiras polas agras e os prados. A paisaxe era axiña de raparigo e adolescente na mudanza dos caseiros polo santo André de novembro. A pouco xa estás en Cercio de Lalín, no lugar das Pallotas. O  hórreo dun craro pinta en soño e ti es quen de músico, zapateiro, mareante que transborda o Val do Carrio no vaporeto que gobernas dende a porta cabeceira. Mociño avanza o océano e todo cadra vento en popa cara a Arxentina. Nunca souben eu canto pagaran Nai Pai pola viaxe, máis ca bágoas.

E fuches aló sempre de noso: aldea, vicus, terra, lingua, cultura, memoria...O Teatro Galego en ti era unha gaita e tamboril a rebrincar ausencias, aquelas que un leva consigo polos mares da China, Groenlandia e As Galápagos. Non hai mundo que nos coute, Daniel. E estabas nas axendas de Castelao, Seoane, Laxeiro... Tiñas nombradía e público contigo. E pintabas Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias, “Tacholas”, nas cabeceiras de cartel de facedoras / facedores da arte nas capitais galegas de Bos Aires e Montevideo, conxuntas para as túas “comedias que fan rir”: non é a redundancia, é a retranca da mensaxe, o feitizo do palique que ti sabes labrar na moa do cuberto coas palabras axeitadas.

Vai de urxencia esta lembranza da época do teu “cumpre”, os 100, coma un billete de feira ou da pasaxe de outroras. Vives. Estás nas nosas casas. Témoste nos retratos da cámara antiga, en familia labrega e mariñeira: terramar que non caduca. Nesta noite tamén cómpre saber quen vai levar a nao e o carro da Xunta pola viaxe de catro anos de goberno cara adiante, en stand by ou a recú. Neste contexto, terás axiña a fotocopia dun guión para esperpento que has pasar tamén ao Valle Inclán e Castelao, para saberdes dun tempo de ignorancia que non cesa: a leción maxistral do neno das vacas.

Lembro a túa voz de terra en quente e a de Otero Pedrayo, a quen un día me levaches para saber da fervenza e do canto das palabras: “sempre galego; e que non medre nunca en ti o autoodio, a desmemoria e a mentira”, dixestes. Era a vosa herdanza. Na alta noite mandareivos un SMS se hai o sorriso ou se regresa o escuro das idades. Bico grande tamén para Luisa e outros para miña nai e Álvaro Cunqueiro, que hoxe suman as súas despedidas. Convida da miña parte a unha chiquita de ribeiro, coma en Cangas, a Xosé María Castroviejo por outros tantos anos coma ti. E botádelle ao mencer un alalá, se o tempo é limpo.

5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...