Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

Os dous de sempre honrados

13:00 11/05/2009

Na Casa de Rosalía, pedrón de ouro somos.

Cando eu era un neno das aldeas da Gallaecia a percorrer ese  corredor de familia que hai na Terra do Medio, levaba nas costas un saquete de case nada quilos e moito cariño para a miña tribo de Quian, en ida e volta polas valigotas e carreiros. E foron medrando así aqueles dez e doce, catorce anos de andadura polo entrecosto e os refachos da montaña, que xa eran meus, da miña ensoñación, dos meus minutos. Non era aínda dono da música dos ouvidos para a memoria das voces e dos ecos, e outrosí xa estaba atento aos chirlos dos paxaros, que eran regalía. Naquela nosa infancia, ao abeiro dos últimos anos cincoenta do pasado século, Concha Piquer, Machín, Molina e Antoñita Moreno, unha e tres antonios que honraban a onomástica da mi ñai, tiñan as voces máis garridas da RNE, a SER e os discos da escola do brandi Fundador, fornecedores dos guateques. Nesta trashumancia queriamos o traxe dos músicos das Bandas Populares  e a vasoira era unha bata de cola para acompañar a danza de aprendices acheghados. Por esta garatuxa do maxín atravesaba eu en tempo récord os cols d´A Paradela e de Gharlín, as avenidas elíseas de Santán e Santa Comba d´Agolada, as engrovas de Friufe e de Carral... asubiando os tantos medos que tamén na adolescencia apuntan barba. 

Quere a historia de cadaquén cumprir coas obrigas e arestora a Música está ao meu carón de xeito humanizado, en biografías que baixan ao tallo de sentar na lareira primixenia para sermos amigos / amigas sempre. Teño así o cariño de algún dos músicos daquelas Bandas que aínda viven; de catro ben vestidos no palco das orquestras; dos outros tres que son concertistas de prestixio; dos refundadores do canón de buxo para que a gaita ecoe máis alá de noso e sermos así individuo e colectivo de gaiteiros do profundo, coma os grilos, o ouriol, o xílgaro, o merlo e a laverca...en confraría sinfónica do noso Tempo e Terra. Porén gardo unha especial atención para o canto das palabras da Gallaecia en compango coa música das antropoloxías, ese casorio, ese convívio da fonética e a luz dos pentagramas que nos corresponden. Velaí a memoria dos rueiros de antigo, das carballeiras de sempre, das prazas e alamedas, dos cinemas multiuso, dos espazos de andar e ollar as liberdades, todas. E digo aquí, sen esclusións dos que foran antes ou despois, A Qenlla. Escoito un buxo. Cantan de nós. Son a sintonía dos menceres, madrugueiros.Veñen de xoldra á Nosa Casa. Arrían o petate da camiñada de lonxe e sentan na Mesa dos Amigos / Amigas. A fartura está en telos ao carón da muiñada, da vendima, de seitores e atadeiras do Noso Pan e Peixe cando as searas e o mar eran, son fartura e exercicio sen destempo. O percorrido da Historia Humana e Humanista  desta Terra nas voces e no son do vento que pronuncian: chairego, ribeirán, antropozoico, ceibe. Hoxe están comigo na anunciada desta solporecida de abril, en Cangas, cando escribo, e venta morno do surés. En pouco chove sobre as flores e nace o silencio na Fraga de Coiro. E chove tamén na gándara de Melide e n´Agolada; encarrapucha o Faro e o trovador de Requeixo alúgase na Capela das paxariñas das alturas. Mero e Mini, ou viceversa, empurran do alalá dos corpos coma os bois de outroras: Habemus sempre a Lingua e as Herdanzas.    

5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...