Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

Galicia-Jamaica

10:35 21/08/2008

Son as 16:40 da tarde de onte, mércores, 20 de agosto 2008 candoUsain Bolt acaba o seu recital de marcas e espectáculo nas Olimpiadas de Beijim. E, aínda no respiratorio do éxtase masculino, unha compatriota súa, de quen non sei escribir o seu nome (velaí o machismo dominante a nivel internacional), rebenta tamén a atmosfera das pistas chinesas para se proclamar vencedora na proba feminina dos valados. Porén a figura emblemática de Jamaica, e por acaso do mundo nestes Xogos, sexa Usain: a lebre que non quere ser senón da Illa que o conleva nos orgullos. Jamaica existe!

Comento en familia, e agora aquí neste espazo que se me concede, que será de nós, nas horas que xa están a se anunciar desde a capital chinesa, cando Sonia Molanes, Teresa Portela, Carlos Pérez e David Cal escriban, sobor das augas do continente inmenso e misterioso que subscribe o mundo, os seus nomes de galegos do Morrazo, Cangas, Pontevedra, Galicia. Con ou sen medallas, xa están aí. Nas intemperies. Soñamos para elas / eles medallas ou diplomas. Son participantes do mundo, sen complexos. Jamaica pequeniña. Nas diásporas das elites mediáticas. Caladiñas/caladiños. Coma foron antronte Xabier Gómez Noya e Iván Raña: “exaustos”- din as crónicas que chegaron ao tempo dos diplomas olímpicos. Están, estamos nos ollares do mundo. Será fermoso o podium das medallas. Xa é unha marabilla a súa permanencia en Beijim, silandeiros, solidarios coa Terra que os emigra neste mes de agosto 2008, portadores das nosas esencias de por vida e por historia: trunfadores e humildes nas sendestancias dos océanos, moito alén de Cabo Home e Soavela, onde o mar respira.

4,38/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...