Que María S. Soengas fale en nome do seu grupo, dende o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e nos convoque á súa ledicia (...)
Que María S. Soengas fale en nome do seu grupo, dende o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e nos convoque á súa ledicia, que tamén é a de toda a Ciencia universal, despois dos avances meritísimos para activar a autofaxia no cancro de melanoma, fainos erguer os ollos más alá do niño da montaña do Farelo, onde nacera hai corenta e un anos. As crónicas dinlle coruñesa; nós dicímoslle galega e nosoutros nomeámola filla natural da Aldea do Monte, parroquia de Ventosa, no concello da vila pontevedresa d´Agolada. Velaí as certezas: as nais das aldeas da Gallaecia seguen dando esa riqueza, de xeito caladiño, coma se un ovo de perdiz ou de andoriña para encantar o mundo.
Hai máis: os seus primoxénitos son da miña quinta e van de nada señoritos, de nada afoutes nos andares e dicires; son de seu humildes e falangueiros; manteñen en pé a súa Lingua da infancia, xuventude e madureza. María pode acreditar, xa o proban os seus feitos dende a perseverancia científica, deste orgullo de galegas / galegos, que é a súa casa : “Gostaría colaborar tamén con hospitais da miña terra”. Fica dito. E eu regreso, “porque si, porque me peta e quero e dame a gaña” (Celso Emilio Ferreiro), ás dúas aldeas que teño ao carón desta maquinola na que escribo: a Aldea do Monte e máis Fonfría, esta última no concello de Antas de Ulla, onde pai Luis soñara tamén de neno con filla así e muller e esposa amada. Bicos grandes para os tres e que siga a Vida.
Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »