Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

No país dos enterradores

09:39 16/05/2007

Sempre as anunciadas, os resignios, a noite neghra. E todo vale na Terra de noso para salferir as voces que se alzan contra as imposturas. Arestora a Lingua, o mellor Patrimonio, e os achádegos do megalítico. Porén unha mau de ave sobrevoa os séculos e os milenios para limpar das arañeiras da miseria unha herdanza que para si soñasen tantas xeografías do planeta que nos cohabita ( non me trabuco: cada galega/o é a terra interior que ama, substantiva ) E nestas fertilidades vaise tecendo a espera de Penélope, polo Mar das Poetas que queren “tamén navegar” ( Xohana Torres) e dos bennados que non deixan nunca morrer (Innúmeros/as). Aínda non hai deserción. E os aíndas son así en nós unha e outra vez filosofía do escarmento, aprendizaxe; o retrouso da sabiduría aprehendida.

Pásanme o corpo do delito desta crónica de maio en cavilacións: o Informe da “Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia”. “Memoria de Trabajos (sic). Proxecto de Documentación e Protección da Pintura Megalítica conservada na Mámoa dos Muíños (Agolada-Pontevedra). Execución: 13 a 21 de Novembro 2006. Promotor: Dirección do Patrimonio, Xunta de Galicia. Executa: Universidade de Santiago de Compostela. Leo e bebo en castelán as palabras gorentosas que alí se din sobre este achádego, catalogado entre os vintecatro monumentos con pinturas prehistóricas do noroeste, e punto central na escasa distancia dun conxunto de seis antas con gravados e outras tres con pinturas: unha marabilla topográfica sobre a páxina de internet e coidamos que o serán un día sobre esta Terra de todos, se as horas da Luz e Obra son chegadas.

A escrita prosegue a súa andaina polos corredores da ciencia con detalles das violacións sucesivas ao monumento megalítico, esa ignorancia en furias consentidas, que levaron aos informantes a considerar a prudencia do seu enterramento como un mal menor para este achádego: o 4º en volume de túmulo (704,6) na táboa que se escribe en páxina sobre os de máis nombradía de Galiza; e o 5º pola súa superficie total. (17,7). As probas fedatarias da “datación radiocarbónica do 3600 ao 3400 cal BC e repintado a mediados do IV milenio”. Aparecen “dúas capas superpostas de pintura, unha vermella sobre suporte granítico, con grafías ondulantes verticais, coa maghenita como materia colorante; hai un revoco branco por enriba desta pintura, para aplicación alomenos de dúas cores superpostas: branca sobre negra”. “ Nunca tiñamos documentado pigmento branco nunha pintura complexa, o que resulta sumamente interesante”. “Estamos absolutamente convencidos do carácter escultórico dos ortostatos da cámara, de tipo antropomórfico”. E despois que un albisca o luminoso e o cariño para o remate da viaxe, ese brindes que vai de mau a corazón, xorde a inesquencíbel labazada da intrahistoria dos galegos: A Noite das Penélopes . Son, apunta o veredito, “0,9 puntos, entre un máximo de 4, para recomendar actuaciones”(sic).

Sobre aquela ledicia do descubrimento aínda arden as apertas de buxo para a inxenieira/o agrónomo ( ou en plural ) quen queira que axexara ao lonxe a mámoa e arredou así dos mapas os perigos das liñas e das máquinas, pois decidira tamén a salvación; e sobremaneira para o Pepe de Fernandiño, labrego de Bidueiros, que nos amosaba na mañá marceña de hai uns poucos anos “as pedras ghrandes que aínda están, había máis” en colo de carballo, en compaña da selva e o desamor que medra en desventuras: come, campea e arde na Galiza interior. De volta no camiño de andar de noso outro túmulo de artificio e medos de futuro ergue arestora na paisaxe: “tanta riqueza en patrimonio e non somos quen de a dar mantido en pé”-debeu ser o último apuntamento do relator antes de o soterrar. Fixéronlle así un mausoleo digno de cortiza e rosas en ciencia 2006-2007 ao vello Dolmen dos Muiños: capoeira e páxinas fedatarias, tabeliónicas dirán de aquí a acolaló dos outros séculos. E encantenón regresen os ventos e as idades dos “feros corvos de xallas”, dos araos das cíes, das andoriñas de quian, do cuco afoute no pedrugallo e no cemento do gaiás, en sucesivas recaladas, asubiando chirlos e muiñeiras do solpor por tanto orgullo e honra, aquí na fraga e no recanto dos sabidos, nas ghabetas dos Informes e o Silencio por favor. Escribo despois de alzar os ollos ao santuario do Facho de Donón, en Cangas, co mar de Soavela e o cariño dos arqueólogos e da veciñanza do Morrazo reclamando e descubrindo as aras e muradellas que lembran ao deus Berobreo. Desenterrar, amosar, agradecer, pór en valor. A un cento de quilómetros, cara ao cerne xeográfico da nosa prehistoria: “...un pobo aquí, outro acolá /o resto é soedá”. Pois aínda non.

4,47/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...