Non existe ainda no Estado español a consciencia necesaria sobre a gravidade diferenciada da crise económica que padece.
Tanto nas propostas e análises políticas, como nas consideracións profesionais ou académicas, a crise estatal é tratada habitualmente coma parte e consecuencia da global, dominando a tendencia a esperar un remedio que viría de fora. Por muito que os dados sobre a caida do Produto Interior Bruto e do crecimento do desemprego sinalen o carácter específico da crise española (como se ten recollido aquí no Estado español o desemprego subíu a 18%, teméndose un 20%, en tanto que en EEUU se sitúa en perto de 10% e na UE nun ponto menos, con Estados membros nos que non pasa de 3% ou 4%), o Governo estatal non fai máis que esperar a mudanza na situación global. Pola súa parte, aos responsábeis do empresariado non se lles ocorre máis que unha reforma laboral favorecedora do despido e ao Banco de España a idea de acabar co carácter autonómico das caixas de aforros, salvando en todo o caso a de Madrid.
A resistencia de paises como China ou Brasil, que non deixaron de crecer, e o coñecimento de que economías europeas tan determinantes como as Alemaña e Franza medraron 0,3% no último trimestre poden indicar que no que ten de financiera a crise global pode entrar nunha longa fase de solución. (Outra cousa é a crise do capitalismo ultraliberal e a mudanza da estrutura económica e social mundial, que non acaban de ser consideradas). Porén, non ocorrerá así no Estado español, onde afecta cruelmente a millóns de persoas que perderon o emprego por causas que non teñen a ver coa situación global e sí coa abrupta paralización do crecimento irresponsábel da construción.
A procura de traballo para os millóns de persoas afectadas polo 18% de desemprego que sofre o Estado español precisaría de muito máis do que se está a facer. Constituiría unha tarefa de anos, incluindo básicamente a criazón de novas actividades industriais e de servizos de certa altura cultural e tecnolóxica. Non pasaría pola simples ocupación de traballadores sen cualificar nas zonas onde se produciu o desmadre imobiliario (que determinou, por certo, o recente reparto do financiamento autonómico), precisando dun plano de desenvolvimento económico a longo prazo, que neste momento non se albisca.
Para isto Galiza está mellor preparada que a maioría dos paises do Estado. O desemprego relativo é muito menor que a media estatal; a industria está mais desenvolvida e os sectores primarios están ben fundamentados; a economía ten unha deriva especialmente exportadora; a construción non sofre a hipertrofia padecida noutras partes; as nosas condicións sociais e naturais son especialmente boas e dispomos dun bó sistema educativo. Non se sabe se os que governan en Galiza e no Estado, e non só eles, son conscientes dunha realidade que anima a avanzar, ou si no tocante á sociedade galega están ainda na cereixeira.
Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004. »