Os salarios dos alcaldes e concelleiros convertéronse en noticia nos últimos anos, tanto porque nalgúns casos tratase de cantidades excesivas pra un cargo público, como porque os aumentos están por riba da media, ou, as menos, porque se converten en arma política. Neste tema de vagar, como noutros aspectos, foron desaparecendo as diferenzas entre dereita e esquerda, evidenciando a penetración do individualismo, e polo tanto do pensamento neoliberal.
Hai salarios de cargos políticos nos concellos que son un escándalo, xa que están varias veces por riba dos ingresos medios da clase obreira. O argumento que se utiliza sempre é: que nunha empresa privada gañarían máis. Non é certo, dependería do tamaño, do sector, do lugar, da experiencia. Asemade sobre-entendese cunha persoa que se apresenta a un cargo institucional ten unha actitude solidaria, polo que ademais de facer unha boa xestión e ser creativo debe servir de exemplo en todos os aspectos. Nos últimos anos estes casos son a excepción.
Tampouco é valido o argumento de que, se non se ofrecen estes salarios, os máis preparados foxen pra actividade privada. Amosa unha vision elitista, que nega a capacidade de análise e de ofrecer alternativas daqueles que non teñen formación académica universitaria ou son autodidactas. É unha leria máis, porque despois a maioría dos cargos institucionais teñen unha preparación técnica que pouco ten que ver coa xestión dun concello, e a practica reflicte que moitas veces unha total incapacidade pra dar respostas axeitadas aos atrancos e eivas existentes. Non esquezamos asemade que os concellos teñen persoal técnico e se fora necesario poden contratar a especialistas ou facerse asesorar por eles, e os cargos institucionais son elixidos para tarefas políticas.
Os salarios de alcaldes ou alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, convertéronse ademais en moeda de troque e presión política; como acontece nos municipios de Porriño e Gondomar, onde o PSOE apoiou ao BNG pra alcaldía, non hai pactos de governo, e agora veta liberacións e salarios, atrancando a direción cotiá do concello. Premendo co desgoverno pra conseguir un acordo que lle favoreza. Son xeitos de proceder negativos, onde todo vale, que afastan á povoación da política.
Esta situación non se pode manter, hai que rematar coa lei da selva, e garantir que os cargos eleitos podan realizar a xestión cotiá. Cumpre asemade que o número de liberacións, salarios e medios económicos dos cargos institucionais se axusten a uns criterios homologábeis, a uns mínimos e uns máximos dentro dos que se teñen de desenvolver. Autonomía municipal si, porén facer dela unha feira non. Este é un tema político importante porque atinxe á democracia e á participación.
Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »