Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Resultados eleitorais, crise e posíbeis escenarios

18:55 28/03/2008

Xa pasou o proceso eleitoral e o nacionalismo galego, ou cando menos a parte maioritaria que é que ten posibilidades de obter representación nas institucións, coida que acadou un bo resultado, mesmo a militancia máis crítica respira cunha certa tranquilidade xa que as previsións non eran demasiado boas. Aínda que é unha leitura optimista dos resultados ten unha base real, se analizamos exclusivamente o momento e o reducimos todo ao institucional e mediático, porque nos últimos procesos sempre se baixou e houbo máis unha vez, porén agravada, unha tendencia moi dominante a polarizar o debate entre ás dúas grandes opcións neoliberais: Partido Popular e Partido Socialista Obrero Español. Asemade, os partidos nacionalistas estancáronse ou perderon representación, mesmo nas nacións periféricas do Estado que se consideran como moi consolidadas e se toman como exemplo do que facer na vía político institucional.

Tampouco se pode ignorar que nestas eleicións o marco dominante aínda é o do medre da economía (moi alto durante anos, en comparanza co entorno), tamén a xeración de emprego. E, malia que xa se deran os primeiros atrancos, e sexan moitas as voces que anuncian a recesión, seus efectos máis negativos non se notan polo dagora na sociedade. Aproveitando este novo contexto a dereita fixo moito énfase no discurso económico, mais o certo é que non foi quen de convencer como alternativa, máxime cunha socialdemocracia seguindo de perto o seu discurso ideolóxico. O nacionalismo con presenza institucional non tivo pra este tema un discurso propio, en ningunha das nacións periféricas. Nomeadamente, en Galiza recoñecía a crise porén restáballe importancia, cando menos publicamente, se cadra pensando inocentemente que deste xeito dáballe confianza aos consumidores e investidores afastando os efectos máis perversos. Seguramente pesa moito máis nestas consideracións a súa condición de forza xestora do existente, neste intre histórico, que a necesidade de amosar as limitacións do modelo territorial e social imperante, na procura dunha ruptura.

A globalización neoliberal esmaga ás nacións dependentes
Se analizamos o período de expansión da economía da última década no Estado español podemos ver que foi un tempo no que os nacionalismos periféricos se debilitaron. Ser español converteuse no imaxinario colectivo en sinónimo de poder, de crecemento, de cultura e identidade que formaban parte dos que mandaban no mundo. E isto engaiolou a moitos, que buscaron na asimilación incorporarse ao clube dos gañadores. Porén tamén favoreceu esta situación á actitude de moitas organizacións, dirixentes e militantes que se deixaron arrastrar pola tendencia ideolóxica dominante, no millor dos casos pensaron que isto ía pra moito tempo, esperar a momentos millores aínda lonxanos, ou que era definitivo e que había que salvar o que se podía. A postura dos medios de comunicación de masas, maioritariamente comprometidos co españolismo e a estratificación social, fixeron o resto. Tampouco o ensino foi alleo a esta tendencia, malia todos esforzos realizados, por exemplo en materia lingüística.

Podemos engadir a este escenario a queda do chamado socialismo real, os avanzos tecnolóxicos ao servizo do imperialismo, etc, aínda que non faltaron no período revoltas e protestas contra o sistema imperante, por recolonizador e sustentador da inxustiza social. Ademais, deuse a contradición de que o nacionalismo gañou peso eleitoral, e ía xestionar nas institucións –o millor posíbel ao servizo do povo- o que a medio prazo é, pola súa propia natureza, se non hai cambios radicais (na correlación de forzas e no modelo), o camiño da súa derrota, non só estratéxica senón mesmo identitaria.

Asemade, esta etapa xerou unha fenda nas organizacións nacionalistas. Mentres que as ligadas ás institucións intentaban xestionar ben o modelo, mesmo coa boa intención de eliminar as arestas máis agresivas e coa máxima entrega, aquelas que representaban os intereses da base mantiñan a contestación social fronte a un sistema que, como xa dixen, en esencia dá pulo á explotación social e á destrución das identidades dependentes ou moi débiles. A dobre militancia e as relacións históricas xeraron confusión fronte ao novo contexto, aínda que tamén axudou a evitar unha ruptura entre o concreto e o institucional que tería sido negativa, xa que o momento alenta posturas que dan folgos ao illamento dos movementos sociais da loita política, iso de “todos son iguais”, sen ofertar alternativas superadoras viábeis e que dean pulo ao poder popular na construción dun novo bloque histórico hexemónico. Estas contradicións non fican no pasado e terán que se solucionar dun xeito positivo pra conseguir a liberación nacional e social deste país. E, cómpre dicilo, aínda que dependerá do contexto, da práctica social e política, sen reflexión e análise non será doado que se acade superar estas eivas (por suposto, cunha análise sempre afastada de calquera subxectivismo).

Os luscos e fuscos da crise
Malia que a crise só é inmobiliaria pra algúns, todo indica que en realidade é moito máis profunda e de maior dimensión que a simplemente económica. Estamos diante dunha crise do sistema, que os máis optimistas coidan que se resolverá con rectificacións e un novo modelo. E os máis pesimistas, desde o punto de vista das clases subordinadas, coidan que máis unha vez o capitalismo será capaz de canear sen mudar os alicerces esenciais do sistema: explotación das maiorías sociais, avaricia e individualismo. Claro que desde o pesimismo non hai nada que facer, só resta xestionar menos agresivamente o sistema ou ir pra casa. É moi cedo pra saber cal será o futuro escenario, en todo caso dependerá moito da correlación de forzas, do atrevemento, da teimosía e da oportunidade política, ou sexa: dunha práctica de masas e dunha estratexia correcta.

Como dicía antes, a crise non só é económica ¡tamén é cultural!. A sociedade, a xente, está orfa de identidade en moitas partes do mundo, só vive o presente sen ilusión e sacralizando as novas tecnoloxías, mesmo pra fuxir da dura realidade cotiá, pra alén de que estas lle sirvan pra se comunicar, formarse e informarse, dun xeito máis eficiente e profundo. O control sobre o ideolóxico, sobre a formación da conciencia social, acadou neste período de globalización neoliberal a máxima alienación. O control sobre os medios de información e formación de masas é total por parte do imperialismo –do que participa o Estado español-, e sumase á hexemonía militar e das finanzas, etc. Daquela, mentres medrou a explotación laboral en todo o mundo –máis nos países dependentes e periféricos-, e aumentou a dualidade e estratificación social, a un tempo afortalouse a hexemonía da ideoloxía dominante.

A protesta social, malia non devecer neste período, mesmo a máis radical fíxose conxuntural e táctica, é dicir pouco perigosa pra o sistema imperante, por máis que lesione ao partido no poder. Ademais, por mor deste control das clases hexemónicas sobre os medios de comunicación de masas, a mobilización das clases populares perdeu capacidade de chegar pra alén do lugar onde se produce, manterse no tempo, e xerar simpatía e dar folgos a un medre da conciencia crítica pra alén de onde acontecen os feitos. Por isto, o debate no eido das ideas, a formación e a información, teñen unha importancia fundamental neste período, mesmo pras organizacións sociais de base, ¡non entendelo é hipotecar a construción dunha nova hexemonía!.

A crise actual ten asemade unha importante dimensión económica e de sustentabilidade. O esgotamento das enerxías fósiles e seica tamén dos metais, así como os graves problemas ecolóxicos, non son atrancos conxunturais e que se podan resolver con pequenas rectificacións. A civilización do automóbil, a sacralización do individualismo, chegou ao seu fin. A ocupación imperial de Iraq e Afganistán consumen aos Estados Unidos, porén tamén a Unión Europea está entrampada. O ascenso de China e India son irreversíbeis, por mor da avaricia do imperialismo que os converteu nos seus talleres, e isto con todas as súas contradicións muda a correlación de forzas e pluraliza (e crea fisuras) nas clases dominantes a nivel internacional, mesmo hoxe no contexto da globalización neoliberal. Neste marco hai experiencias alternativas que desexan superar o neoliberalismo, sobre todo na América Latina, que aínda que tarden en se consolidar e teñan avances e retrocesos (e contradicións no interno), significan un centro de referencia e ruptura co modelo imperante; que non se pode nen debe ignorar, e que compre apoiar. Estamos diante dunha crise profunda, a máis importante da historia moderna, aínda que isto non queira dicir que o capitalismo vai caer polo seu propio peso, ou que a crise non se escenifique no tempo con avances e retrocesos, mesmo que o imperialismo non utilice mecanismos moito máis represivos (tanto externos como internos) pra manter a centralización e concentración da riqueza. Abonda pra vermos isto as medidas tanto governativas como xudiciais contra as protestas sociais e laborais en Galiza, ou unha postura militar intervencionista (seica preventiva) en todos os lugares do mundo onde hai interese por acaparar materias primas ou produtos enerxéticos.

Claro que a crise, ademais de dar a razón aos que veñen denunciando as limitacións e barbaridades do sistema, das actuacións imperiais, tamén ten amarguras pra toda a sociedade, e moi especialmente pra os máis débiles, xa que as clases dominantes intentaran que estas paguen máis unha vez os pratos rotos. No caso concreto do Estado español, moitos ficarán entrampados pola adquisición de vivendas a prezos esaxerados, a destrución de emprego atinxirá a colectivos como os inmigrantes, as mulleres e a mocidade, porén tamén aos menos cualificados laboralmente, nomeadamente aqueles que proceden bo ámbito rural. Frear estes efectos perversos, converter a potencialidade da protesta que pode orixinar en cambios radicais e superadores do sistema dependerá da iniciativa e coherencia das forzas que procuran a liberación nacional e social, tanto en Galiza como no resto das nacións do Estado español.

Estratexias de acumulación pra un novo escenario
O portavoz do nacionalismo frontista afirmou, despois destas eleicións, que agora nace unha nova organización, sentíndose avalado polos resultados pra deixar atrás o pasado. Porén mesmo recoñecendo que se mantiveron dous deputados, os resultados son inferiores aos de fai oito anos, tanto en votos, como en porcentaxe, como no número de deputados conseguidos. Non é pra cantar vitoria, nen pra se sentir gañadores. O novo frontismo anunciado todo indica que máis unha vez mira cara o pasado, inmediato porén pasado ao fin e ao cabo. Ignora ou agocha que a globalización e o crecemento xa é historia, que está nunha profunda crise (faino por motivos ideolóxicos ou de oportunismo ou por táctica?...), que a moderación política non pode acompañar ao ascenso da protesta social, e moito menos aproveitar seus efectos políticos. Ademais os socialdemócratas –españolistas- aumentan as distancias, pérdese peso nas cidades, que sempre terminan arrastrando ás zonas rurais en termos de futuro. Gañouse tempo, non pra se dobregar ao sistema senón pra rectificar e entender o mañá, pra aproveitar as experiencias de governo, pra mobilizar e tensionar á sociedade, xerar a polémica, mudar as conciencias.

Sempre é millor analizar e construír desde unha base sólida, é máis difícil e moitas veces imposíbel desde a derrota. Daquela que este sexa un bo intre pra análise, pra rectificar o necesario. Polo tanto non se pode esquecer tan rápido ou desvalorar, asemade, que vai poucas semáns milleiros de persoas protestaban en Compostela, e antes en varias vilas, por problemas ambientais e doutro tipo, sen que a direción frontista se sumara e recibindo críticas públicas dos manifestantes, malia que unha boa parte das organizacións e persoas presentes son da súa base social.

Por outra banda, a nación mudou abondo neste últimos anos en composición de clase. Un 75% da povoación activa son asalariados ou desempregados, ou sexa: clase traballadora. Aínda excluíndo a aqueles que sendo asalariados están intimamente aliados coas clases dominantes a maioría social da clase traballadora, dentro da povoación activa, é moi ampla, mesmo nos concellos rurais. O núcleo duro dos asalariados e asalariadas, a clase obreira, aqueles que realizan traballos manuais, teñen un peso decisivo, como nunca antes acadaran. Non só son a fración máis explotada senón que ademais son os máis combativos, e os que teñen maior conciencia social. As folgas do metal e construción en Pontevedra, da ITV, da limpeza no concello de Compostela, e unha ringleira de exemplos máis así o confirman. Menten ou pechan os ollos á realidade os que negan esta evidencia, algo que é moi grave cando se fai desde a esquerda e o nacionalismo. Un dado sobre a conflitividade social, o ano pasado houbo 2.800 mobilizacións e protestas públicas no país, ¡oito ao día!. Ademais, por se non chegara, agora, a diferenza de vai uns anos, cando encetou a globalización, a clase obreira sabe, especialmente os mozos e mozas, que mañá será peor que hoxe, que aumentará a explotación e as condicións laborais e os ingresos serán máis ruíns.

Durante o período de crecemento dos últimos anos consolidouse unha alianza entre a clase alta –a burguesía, esencialmente española- e sectores moi amplos das clases medias –especialmente de profesionais e asalariados acomodados- que fragmentou e illou á clase obreira. Unha tendencia que se afortalou coa postura entreguista de sectores da direción –do sindicalismo estatal- e da actitude agresiva dos medios de información de masas. A alianza recreou no imaxinario dun sector das clases medias a ilusión da segunda casa, o iate, varios coches, as vacacións no estranxeiro, e nos altos ingresos como algo normal. As vellas reivindicacións sociais estreitáronse –pra tranquilizar a conciencia dos máis críticos- a atender as situacións de pobreza máis estremas ou situacións radicalizadas; e aos dereitos individuais básicos, negados polo conservadorismo. E pra aqueles que reivindicaban os dereitos nacionais, dun xeito morno ou sen ilusión, chegou con transferir algunhas competencias máis en materia cultural e lingüística –non sempre-. Ademais ¡porque non! –pensaron os colonizadores máis lucidos- xa que a globalización faría de apisoadora, estas cesións non impedirían a asimilación, e a efectos prácticos actuarían como a máis efectiva anestesia. A crise económica –e cultural- desestabilizará esta alianza, co tempo e se hai alternativas.

Recompor as alianzas, ou cando menos fracturar o bloque hexemónico actual, é fundamental pra clase obreira galega, e pra avanzar nos dereitos sociais e nacionais. Pra isto compre saír da fábrica, da situación reprego actual, e actuar de xeito ofensivo no eido político, incidir sobre as organizacións ideoloxicamente máis próximas, afastándoas do tacticismo e do oportunismo eleitoral . Non abonda con mobilizar por problemas concretos, nen mesmo facendo unha folga xeral –aínda que sexa un paso adiante moi grande-, se non hai un discurso globalizador, estratéxico. Non se trata de suplantar os partidos e organizacións políticas, que teñen un papel esencial, senón de empurralos ou/e ter unha ampla presenza na súa direción. Só deste xeito os dereitos e intereses da clase obreira estarán garantidos. Dáse o paradoxo de que medrou significativamente a porcentaxe feminina nas candidaturas e direcións dos partidos e organizacións políticas –tan necesaria-, mentres devecía a presenza de militantes da clase obreira ate mínimos históricos, sen que houbese ningunha autocrítica ou vontade de rectificación. É unha tarefa pendente.

Só aumentando o protagonismo da clase obreira a todos os niveis poderase rachar a fenda que existe hoxe entre os partidos e as organizacións sociais, nomeadamente as sindicais. Unha fenda que favorece os intereses do capital, ao restar base militante, especialmente obreira e da xuventude, ás organizacións da esquerda e dos movementos de liberación nacional. E isto notase moito despois das análises e decisións. Non é só un problema dos partidos políticos, senón tamén das organizacións de base, polo que non abonda só con atribuír quen ten máis responsabilidades. Entendo, xa o dixen en moitos máis artigos, que nesta etapa é básica a formación e a información, o coñecemento da historia, da cultura e patrimonio, a ideoloxía. A loita no eido das ideas debe ficar en primeiro plano, mesmo pra manter na conciencia colectiva folgas como as do metal ou da construción, e tirar delas conclusións que contribúan ao saber facer da clase obreira, e moi especialmente dos seus cadros. Os que desprezan ou relativizan a teoría, especialmente aquela que toma como base fundamental a práctica cotiá da organización na que militan, botan pola borda experiencia histórica, capacidade de expansión, e as posibilidades de transformar a realidade a fondo. Os erros non só fican presentes nos partidos políticos, xa que a ideoloxía neoliberal inseriu en todos os poros sociais.

Sen dúbida neste contexto, pra unha organización que se plantexa acumular desde a oposición, mobilizando, así como construír desde certas instancias do poder institucional, ter propostas pra crise que abre un novo período político é moi necesario e urxente. Non é finalidade deste artigo abondar nas propostas concretas senón no marco global e na súa incidencia política e social. Coido que esencialmente as alternativas pasan por dar importantes pasos adiante na soberanía e a redistribución da riqueza, mais tamén nun sistema menos agresivo co medio ambiente. En todo caso nunca ¡nunca! aínda que leve décadas, e o avance sexa máis lento, se pode renunciar ao discurso liberador, aquel que forma a conciencia social e alenta á militancia, o que polo tanto garante a liberación nacional e social. Calquera recomposición da alianza de clases, que teña como cerne á clase obreira, en Galiza, debe partir destes dous alicerces básicos. Non é casual que o sindicalismo nacionalista, visto como moi radical nestes dous aspectos, teña o peso que ten e medre arreo, malia os atrancos e a agresividade patronal e do poder político e xudicial.

Cando analizamos a actual crise económica, o fracaso do neoliberalismo, a maior dependencia e o atraso en relación co entorno, a enxurrada migratoria que se mantén, o aumento da explotación laboral, o dualismo da sociedade e o medre da estratificación, os atrancos á igualdade de xénero, como se esmaga a defensa da identidade nacional, como se torce a cotío a vontade social, a maior represión social e nacional, etc. ollamos que son todos aspectos importantes e relacionados entre si. Daquela, o nacionalismo debe estudar se durante os últimos anos, de auxe neoliberal, se malia a importante presenza nas institucións e acordos de governo, foi quen de avanzar na xeración de conciencia nacional e de clase, se isto serviu pra acumular forzas. Penso que non, malia o inxente traballo institucional e social realizado, facer máis morna a mensaxe e gañar algúns sectores medios da sociedade. Cómpre polo tanto repensar como hai que participar nas institucións, cal debe ser a estratexia e a mensaxe, e cales teñen que ser as relacións entre os cargos e o partido, e entre partido e organizacións sociais. Hai que rematar cos compartimentos estancos e o elitismo, coas visións subxetivas. Fai falla unha análise máis obxectiva, colectiva, compre darlle protagonismo á clase obreira e ás clases populares, rachar cun modelo onde a presión está toda en mans da patronal, e grupos de elite, e a maioría social cercada e sometida a todo tipo de medidas excluíntes e represivas.

A crise, económica e cultural, obriga a estudar o papel do nacionalismo neste novo contexto, non podemos converternos en táboa de salvación dun sistema que nega a nosa identidade colectiva, é socialmente inxusto e cada día máis represivo e elitista. Debemos aproveitar o intre pra aumentar a conciencia de clase e nacionalista, acumular forzas, servíndonos da presenza nas institucións, e forzando desde alí políticas redistributivas, de crecemento sustentábel, e que permitan avanzar cara a liberación. De non facelo, teremos un (bautizado novo) frontismo mirando ao pasado neoliberal, que a algúns pódelles parecer moderno, por problemas de idade e tempo histórico, porén trátase de algo obsoleto, fracasado, imposto pola ideoloxía dominante, empurrado polos George Bush, Tony Blair, Sarkozy, Zapatero,... A Globalización neoliberal é un modelo socioeconómico, cultural, que elevou ao seu máximo grao a explotación e a opresión imperialista, a colonización. Un modelo noxento, agresivo coa humanidade e o ecosistema, que nunca se debeu poñer en práctica.

A crise significa unha conmoción social, un marco de cuestionamento profundo da realidade e da ideoloxía dominante, pódese resolver a prol da clase traballadora e da xustiza social ou máis unha vez rematar en frustación e un reaxuste a prol dos intereses das clases dominantes. Que sexa dun xeito ou doutro dependerá sobre todo do papel das organizacións sociais e políticas que en Galiza loitan pola liberación nacional e social. Como se actúe no eido institucional será chave, xa que máis que nunca fai falla coherencia e atrevemento. De non ser así, perderanse oportunidades e medios, e as clases populares procurarán exclusivamente na rúa saídas á explotación e á opresión.

3,17/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...