Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Uribe de cacería

13:19 11/03/2008

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras. Iso acontece coa imaxe na que aparecen altos cargos militares e policiais de Colombia e diante deles, como un trofeo, o corpo sen vida e saíndo parcialmente dun saco de Raúl Reyes, o membro do secretariado das Forzas Armadas de Colombia (FARC). Nela reflíctese a máxima crueldade, ¡dá arrepío!, xa que fire os sentimentos de calquera cun mínimo de humanidade. Nesta ación tratouse aos homes e mulleres como se foran animais despois dunha cacería no val do Rift, e mesmo este violento turismo de ricos non está hoxe socialmente ven visto –loxicamente-. Abraia que se actúe deste xeito tan bárbaro por parte daqueles que despois se gaban de ser defensores da democracia fronte á violencia, e que contan nas potencias ocidentais cun apoio mediático interesadamente cego.

Raúl Reyes –alcume de Luís Edgar Debia Silva- iniciouse como sindicalista, no departamento de Caquetá, nunha empresa de leite da Nestlé. Na década dos setenta ingresou nas FARC, estaba integrado na fronte terceira desta organización armada (con incidencia en Caquetá, Putamayo e Huila). Foi nos últimos anos a persoa que fixo de intermediario en todas as negociacións de paz e no intercambio de prisioneiros. Un dado a termos en conta porque a súa morte, e como se produciu, amosa a falta de interese de Uribe por atopar unha saída negociada á violencia política neste rico país, tan coñecido mundialmente –de xeito esquemático- polo café, as esmeraldas e a coca.

As FARC, aínda que estean estigmatizadas polos sectores de poder dominantes, non son un grupo marxinal, teñen presenza en 24 dos 32 departamentos do país. Loitan desde 1964 contra os governos oligárquicos e dependentes dos Estados Unidos, e suman uns trinta mil guerrilleiros. Esta organización recolleu o estandarte, xa cunha orientación marxista, dos numerosos grupos do liberalismo que se botaron á loita armada por mor do asasinato do liberal Gaitan no ano 1948 (era un líder antiimperialista e con propostas sociais avanzadas, aínda que non marxistas), que deu lugar a un estoupido popular coñecido como o Bogotazo e despois a unha guerra civil larvada que realmente nunca rematou, por máis que Lauréano Pérez (elixido presidente en 1949) tratara aos insurxentes como bandidos. Os analistas salientan tres etapas na loita dos insurrectos: de 1948 a 1953 a guerrilla partidista; posteriormente o bandoleirismo anárquico; e desde mediados dos sesenta do século pasado a guerrilla revolucionaria.

Ás FARC pódenselle criticar as razóns pra manter a loita armada, e as formas nas que se comporta, porén non se pode ignorar que os moitos intentos por buscar unha saída negociada foron inútiles, mesmo aumentou no país a marxinación e explotación da maioría social e a represión exercida pola oligarquía nativa, sexa conservadora ou liberal. Todos os procesos de paz até hoxe saldáronse coa liquidación física de miles de militantes e simpatizantes que saíron da clandestinidade (Unión Patriótica, M19, etc). A práctica reflicte que as clases dominantes en Colombia non deixaron nunca espazo real pra o pluralismo político, así aconteceu cada vez que se intenta incorporar forzas que cuestionan o neoliberalismo, ou sexa: a avaricia estrema e a apropiación do poder por unha minoría.

Divúlgase decote, sen probas, con fins partidistas e pra desarmar ideoloxicamente aos movementos de liberación, social ou nacional, que os grupos guerrilleiros están financiados pola droga. Este argumento non ten en conta que o país está militarizado, que non é doado desprazarse con liberdade pra traficar coa droga se non hai complicidade coas moi grandes forzas de seguridade (apoiadas ou guiadas directamente pola DEA norteamericana), que son ademais as que controlan estradas, portos e aeroportos. Pode que a guerrilla conviva con campesiños pobres produtores de coca, e se favoreza desa situación, porén o Governo así como o exercito e a policía son os que teñen ¡absolutamente todos os mecanismos pra garantir ou evitar que esta sexa unha das actividades económicas máis importantes de Colombia!.

Cando se trata o tema dos secuestros, tampouco se pode ignorar que o governo fai o propio coas familias dos que militan nos movementos sociais ou participan na guerrilla. En moitos casos son un elemento de seguridade, diante dun escenario no que a violencia se exerce desde o poder gratuitamente e sen contemplacións. En todo caso, nesta engrenaxe os paramilitares son unha peza chave. Durante moito tempo pra axir contra a disidencia caneando a xustiza e as regras humanitarias, servindo ademais de ponte coa produción e comercialización da droga, e agora pra desestabilizar a governos molestos como o de Hugo Chavez.

Apoio loxístico dos USA
A actuación dos militares colombianos, co apoio loxístico e político dos norteamericans, foi condenada pola OEA e mesmo criticada por Francia, xa que se fixo en territorio de Ecuador, sen que houbese enfrontamento previo. Os guerrilleiros foron masacrados mentres durmían, e cando Reyes facía as veces de voceiro das FARC nas negociacións pra liberdade de Ingrid Betancourt e varios lexisladores máis (do que Uribe estaba informado e consentía, tal como ten confirmado o ministro Larrea de Ecuador). Asemade, como “danos colaterais”, entre os perto de vinte e cinco masacrados hai unha ducia de estudantes mexicanos de visita informativa no campamento, algún dos cales salvouse, pra contar os sanguentos feitos. Este feito amosa que non se trataba dun campamento militarmente activo, senón que tiña como finalidade ser base pra negociación. Non era, como con retranca dicían os xefes militares que os guerrilleiros usaran pixamas pra durmir, senon que eles desde os avións e helicópteros asasinaron cos ollos pechados, como fan a cotío desde vai décadas, causando millóns de desprazados internos.

A incursión militar ordenada por Uribe atranca, polo dagora, a liberación de Betancourt así como que se apresente como candidata á presidencia da República. Moitos analistas ven nesta última hipótese os motivos reais pra que o Governo de Uribe axir como o fixo –ademais da presión arreo dos sectores máis conservadores e belixerantes-. Xa que uns e outros temen poda ser unha competidora con posibilidades de éxito, e xa anunciou estar moi disposta a negociar a paz coa guerrilla. Non é a primeira vez que o exercito de Colombia vai de cacería ás nacións veciñas, coa pretensión de que serven de santuario á guerrilla, aínda que así fora seria anecdótico xa que os insurxentes controlan grandes áreas do país. Unha acción como esta non pode ser unha arroutada, seguro que foi consultada con Washington, polo tanto hai que vela como unha estratexia a máis longo prazo, que ten como lóxica tanto a situación de Colombia como o agromar dun eixo de países que pulan pola soberanía e a redistribución da riqueza. Todo amosa que non lles abonda coa guerra informativa e económica, estamos nunha nova fase.

3,96/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...