Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Alexandre Finisterre en dúas cartas

17:25 28/03/2007

Souben polos xornais do falecemento de Alexandre Finisterre, o pasado 9 de febreiro en Zamora. El non foi só o inventor do futbolín senón un escritor recoñecido, e ademais moi respeitado entre o galeguismo en Bos Aires.

Fago esta afirmación porque na miña condición de secretario da Irmandade Galega asinei en 1969, con Xosé Rodríguez presidente da mesma, unha carta que decidimos enviarlle coa finalidade de lle agradecer o seu "amor á Terra Nai", e que figura anexa a este artigo.

Non lembro moi ven de quen foi a iniciativa, aínda que coido que debeu ser de Moises Da Presa; un nacionalista teimoso e brillante que escribía en A Nosa Terra as "Revoldainas", co alcume de Lourenzo Fragoso, e que militara con anterioridade na Organización Nacionalista Pondal, foi ademais a figura central da chamada "Fouce Roxa".

Pasou o tempo e moita auga baixo a ponte, tanto en América Latina como na nosa Patria Galega, e no ano 1998 Alexandre Finisterre remitiume unha carta, que tamén figura anexa, na que me enviou unha fotocopia da que lle fixera chegar tres décadas antes en nome da Irmandade. Foi pra min motivo de ledicia, xa que non conservaba ningunha daquela etapa da miña vida na emigración, cando cuns vinte anos achegueime ao nacionalismo organizado.

Eu estaba a outra cousa, como toda a mocidade naquel intre e nese país tan axitado pola loita social, máis pensando no futuro que no valor histórico dos documentos, polo que non gardo ningunha carta, nen siquera daquelas persoas coas que mantiña algunha correspondencia, como Lois Soto en México e Cambre Mariño en Porto Rico.

Alejandro Campos Ramirez, tal era o seu nome verdadeiro, naceu en Fisterra o 6 de marzo do ano 1919. Con 16 anos marchou a Madrid onde comezou a traballar na imprenta Murillo (tal como di ao pé da carta que me remitiu).

Documentos relacionados

Ese mesmo ano axudou a organizar un recital de León Felipe, co que mantería unha amizade de por vida, sendo o seu editor no exilio mexicano. Ao remate da Guerra Civil entra en Francia, de onde chamado pola súa familia retorna a Galiza, é detido e pasa 4 meses en cadea. No ano 1947 pasa de novo a Francia despois de varios intentos fracasados.

Desde o ano 1956 fixa a súa residencia en México, despois de vivir algúns anos en varios países centroamericanos. Tamén mantivo amizade con María Casares, tal como se reflicte nun artigo seu publicado no número 783 en A Nosa Terra no ano 1997. Foi durante toda a súa vida unha persoa ligada á loita contra a ditadura franquista e a prol da República.

Nunha viaxe que fai a Galiza no ano 1975 é detido acusado de inxurias ao xefe de Estado polo que se lle pide unha pena de un ano e seis meses e vinte mil pesetas de multa, por mor da distribución no Estado español da "Nueva Antologia de León Felipe", o distribuidor fora multado con 500.000 pesetas. Sería posto en liberdade pouco despois ao aplicárselle o indulto recentemente aprobado, tal como se reflectiu nos xornais naquel intre.

O invento do futbolín non sería o único que fixo Alexandre Finisterre, aínda que foi o máis popular. Esta iniciativa xurdiu durante a súa estadía en Barcelona por mor dunha ferida durante a Guerra Civil, coa finalidade de aportar un xogo pra os moitos raparigos tolleitos. Patentouno en 1937 e durante a súa residencia en Guatemala mellorouno.

Entre as obras da súa creación como escritor salientan: Cantos quintos; Cantos Rodados; 18 de Julio; Cumbres Borrascosas; Café, coña y puro; Historia da danza española; seis danzas catalanas; cantos esclavos; etc. A felicitación que lle fixemos desde a Irmandade Galega fora pola publicación de "Compostela, Revista de Galicia" e "Poesía de Galicia". Finisterre fundou o Ateneo de Galicia en México e era membro correspondente da Real Academia Galega, do Orfeo Catalán e da Sociedade de Autores e Compositores Dramáticos de Francia, así como da Federación Internacional de Periodistas e da Asociación de Escritores de México, da que foi fundador, etc.

En todo caso este artigo só pretende dar a coñecer estas dúas cartas a fin de contribuír a un mellor coñecemento deste galego emigrante primeiro, exiliado despois, e de novo emigrante, que nunca esqueceu a súa orixe. E ademais amosar a tristura polo seu falecemento.

O leitor interesado atopará máis información biográfica na Gran Enciclopedia Galega e nun artigo de Antón Capelán publicado en A Nosa Terra nº 572 no ano 1993. Alexandre Finisterre é unha figura sobranceira da Galiza emigrante, universal e solidaria e ao mesmo tempo cun fundo sentimento de país, de pertenza a unha nación cun caracter especifico e cunha longa historia de seu.

Documentos relacionados:


* Artigo publicado na canle da revista Murguía

4,5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...