Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

O que dá pulo á discriminación e o racismo

09:35 29/10/2007

Todos os días hai feitos violentos por motivos racistas ou étnicos, dirixidos case que sempre contra inmigrantes, que non se poden permitir e deben ser duramente condenados por todos e todas. Lembremos casos moi recentes como a agresión a unha moza ecuatoriana no metro de Barcelona; ou a intervención nun bar de Vigo rexentado por bolivianos durante unha festa, con detencións, sen que houbera ningunha denuncia veciñal, onde todo indica unha actitude abusiva por parte da policía local; ou o pago que se lle impuña a 35 traballadores bolivianos contratados por unha empresa asturiana pra un estaleiro de Vigo, aos que nun contrato anexo se lles obrigaba a pagar máis de 12.000 euros polo traslado e formación.

Agora ben, non abonda co discurso preventivo e a forza da Lei se ao mesmo tempo desde a realidade cotiá se alimenta decote o enfrontamento, e as actuacións deslexitiman o que os governos e outras institucións predican e publicitan coa boca grande. Acaso non hai racismo cando no estreito morren miles de persoas todos os anos, polo delito de vir de África, mentres polo aeroporto de Barajas entraron millóns de inmigrantes de América Latina sen maiores atrancos na última década, agás algúns casos moi comentados por inxustos?... Algúns no Estado español din que este é o racismo bo, xa que incorpora persoas afíns culturalmente (algo discutíbel pra alén de que falan castelán).

Non menos racista é a mensaxe de que os inmigrantes veñen a cubrir postos de traballo que os nacidos na península non queren por estar mal pagos, xustificando os baixos salarios e a discriminación laboral posterior. Tampouco se pode ignorar que estas persoas vense forzadas a emigrar por mor da explotación que as multinacionais (moitas españolas, e algunha galega) fan dos seus países e o intercambio desigual que se lles impón desde os estados centrais do sistema (que concentra e centraliza o poder e a riqueza).

Hai outro racismo, do que non se fala desde os que governan, por exemplo, aquel que marxina aos que teñen o galego como lingua habitual. En concreto ¿cantos empresarios contratan a unha persoa, non sendo de peón, se utiliza o galego na entrevista inicial?... por qué se traduce nos medios de comunicación cando se fala en galego?... por qué se admira a paisaxe mentres se fai da aldea noticia decote de sucesos?... por qué se lle outorgan casas gratis a algúns colectivos marxinados (algo necesario e xusto) e non se fai propio cos galegos e galegas que se atopan nas mesmas condicións socioeconómicas?... Hai discriminación secular cara dentro, que agora é menos ostentosa, porén que se mantén vixente e agora ampliase aos inmigrantes.

En todo caso, o certo é que se buscou no exterior moita man de obra barata e que se puidera incorporar axiña e sen custes formativos. Priorizáronse única e exclusivamente os obxectivos empresariais, pra os caes canta máis inmigración millor, mesmo irregular, xa que o exceso debilita as reivindicacións laborais. Claro hai un limite, porque se o desemprego é multitude pode aumentar a violencia até estremos incontrolábeis, e sobre todo os custes sociais,... daquela o discurso empresarial pode ser menos altruísta e multiculturalista. Que a patronal é a gran beneficiada fica confirmado por un recente informe da Unión Europea onde se di que no Estado español e Portugal teñen moita máis posibilidade de conseguir traballo os inmigrantes que os que naceron no país, aínda que (engade) estes tamén teñen unha temporalidade moito maior na contratación.

En Galiza, cunha longa tradición de emigración, e moita sensibilidade no tema, o discurso dominante fixo mella e aceptouse este novo fenómeno acriticamente. Mais de vagar vaise impondo unha actitude menos receptiva, especialmente nas clases populares, empurradas por unha taxa de desemprego estrutural moi alta e por ducias de miles de persoas que teñen que marchar fóra cada ano. Unha aclaración necesaria, lembremos que o desemprego supera o 12% segundo as oficinas de colocación, con persoas con nomes e apelidos, aínda que se maquille coa EPA pra xustificar a entrada de máis man de obra de reserva.

Cada día vese máis ao emigrante como un competidor, mesmo aos irmaus de Portugal que traballan no sector da construción. E aliméntase esta actitude de enfrontamento desde a propia Xunta cando se van formar en América Latina a 15.000 novos traballadores pra construción e hostalaría, non se garante o cumprimento dos convenios colectivos en vigor pra todos e todas (especialmente a inmigrantes e traballadores transfronteirizos), e son ignorados medio millón de galegos e galegas que foron forzados a emigrar ao Estado español. E isto último tamén é racismo, por máis que sexa o racismo de toda a vida coa aldea, co barrio, e o máis grave é que ninguén fale del.

Destruír a identidade
En moitos casos hai substitución de man de obra galega por outra de fóra. A queda da natalidade e a emigración, por unha banda, e a inmigración sen control pola outra, dan folgos aos intentos do poder de destruír a identidade do país e fracionar á clase obreira, e isto non se pode aceptar pasivamente. Mesmo recoñecendo que as migracións son unha traxedia e que moitos inmigrantes son vítimas da máxima explotación, o certo é que sen querelo tamén serven de ariete aos intereses da patronal máis avariciosa, e ademais axudan ao centralismo e asimilación. Solucionar esta contradición, que pode enfrontar a traballadores contra traballadores, non é posíbel ignorando o fenómeno, pechando os ollos ás consecuencias. Cumpre debate sen prexuízos, políticas de integración efectivas (laborais, e tamén culturais e lingüísticas), planificación e control do proceso migratorio, e sobre todo que se cumpra a lexislación laboral vixente en todas as empresas.

Todo indica que se nos veñen enriba momentos económicos malos, con aumento do desemprego, e as tensións serán moi fortes. Neste novo contexto os que abriron as portas sen control, por avaricia ou pra acumular poder, serán con seguridade os primeiros en querer pechalas e expulsar aos que viñeron atraguidos por promesas poucas veces cumpridas. Serán intres nos que se debe impor a solidariedade entre os traballadores!!!. E daquela axudaría moito que o seguro de desemprego cubrise máis tempo e a súa cuantia fose maior, algo que hoxe é posíbel, e que os procesos de integración estiveran moi avanzados evitando grupos pechados, e sobre todo campañas máis fortes por un mundo xusto e solidario. Non facelo seria seguir cedendo aos poderosos e aceptar como válida a inxusta caricatura que converte en preguiceiros aos pobres ou parados, tanto sexan galegos como inmigrantes, e o que seria máis grave, como xa dixen: que uns se enfrontaran a outros, debilitando a alternativa de cambio, en beneficio das clases hexemónicas.

3,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...