Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Venezuela a contrafío

13:20 22/09/2007

Cando se fala de Venezuela axiña pensamos na riqueza petroleira, na sorte que tivo Chavez de contar con medios, que pode adicar a facer a súa transformación interna e incidir noutros países pra que o apoien neste obxectivo, ou polo menos non se incorporen ao cerco mediatico ao que está sometido polas grandes potencias. Agora ben, esta análise necesita de matizacións, porque non é totalmente acertada. Ante todo o valor actual do petróleo non se debe só a que as reservas teñan prazo de caducidade, xa que iso xa se sabia cando era o prezo máis baixo, e ademais a produción aínda non caeu. En todo caso semella que incidiron máis outros dous factores: a actuación de Venezuela pra afortalar a OPEC, e o aumento de consumo por parte de novas potencias emerxentes, como China. En poucas verbas, non foi un factor casual ou estrutural no que a vontade política non tivera que ver, senón que foi fundamental o cambio que se produciu en Venezuela.

O seguinte aspecto que convén considerar sobre este país é que exerce un gran magnetismo sobre América Latina (e non só nela), por mor de que en Venezuela estanse facendo mudanzas de fundo moi importantes que resolven eivas e atrancos que lastran secularmente o desenvolvemento noutras áreas do mundo. Falo da pobreza, da precariedade en todas as súas formas, da marxinación das povoacións autóctonas e de negros e mulatos, das enormes desigualdades sociais e da falta de todo tipo de servizos esenciais, etc. Mais tamén, o troque desigual, a débeda externa, e sobre todo a necesidade de defender a soberanía nacional fronte ás multinacionais e países centrais.

A economía medrou moito nos últimos anos neste país, despois de caer en picado ao principio do mandato de Chavez. Concretamente segundo dados da CEPAL –un organismo das Nacións Unidas-, mentres que a economía de Venezuela perdía en 2003 un 7,8% do PIB, no ano 2004 crecía o 18,3%, no 2005 un 10,3% e no ano 2006 un 10,3%, e estimase que no ano 2007 o medre estará entre o 6 e o 7% do PIB. Cumpre dicir que a actividade petroleira tivo cifras negativas en 2006 de -1,9%, mentres que o sector da construción aumentaba un 32,1% e as comunicacións nun 23,2%. Ou sexa, como dicía antes, o petróleo non o é todo, aínda que sexa moi importante.

Porén, o esencial, non é só que economía vai ben, senón a quen favorece. Segundo os últimos dados a pobreza pasou de abranguer o 60,9% da povoación en 1997 a atinxir o 36,3% o pasado ano, unha cifra aínda alta en comparación coas europeas, porén moito máis baixa que a de partida e en comparación coa que padecen os países do entorno, mesmo produtores de petróleo e gas. O motivo, sen dúbida, é que o gasto público pasou do 23,7% en 1998 ao 31% no ano 2006, e que desta cantidade a parte social representase no primeiro ano unha porcentaxe do 34,7% e agora o 44%. Máis gasto público e dentro del unha maior porcentaxe de gasto social. Ademais, estas cifras non inclúen os investimentos sociais que fai PDVSA, que no ano 2006 aportou 13.600 millóns de dólares con esta finalidade.

Críticos
Estas estatísticas, que reflicten os profundos cambios sociais que hai en Venezuela, non deixan satisfeitos aos numerosos críticos, especialmente nos estados máis avanzados, máis amosan con claridade porque ten o governo de Chavez tanto apoio social, e porque gaña unha eleición tras outra. Mais, coido que asemade hai outros motivos: a dignificación de clases, colectivos e grupos étnicos secularmente marxinados (indios, negros, mulatos, clase obreira, muller, mocidade, etc), e ademais gañaron en participación e protagonismo social.

Dise, que falta liberdade e que pretende perpetuarse no poder (sometido a procesos eleitorais). Nestas criticas deberían ser máis cautos, porque os meios de comunicación de masas maioritarios naquel país apoian á oposición sen ningunha limitación e, por outra banda, no Estado español, considerado unha avanzada da democracia, o sistema de governo é a monarquía, que como todos sabemos non ten limite de mandato e nunca foi elixida. Se cadra o problema de fundo sexa que non gostan os cambios sociais, e o resto só sexa leria pra adornar esta actitude.

Non todo o que se fai desde o governo de Venezuela semella desde eiqui positivo, porén o esencial e o maioritario, que é sobre o que temos que facer as valoracións en última instancia, amosa un pulo moi grande no camiño necesario, así como un contributo aos que loitan pola xustiza social e a liberdade nacional en todo o mundo. Por iso Venezuela e Chavez son unha referencia, especialmente cando (como no contexto político actual e en Europa) se quere instalar no imaxinario colectivo, por parte das forzas conservadoras e desde a esquerda morna e acomodada, a imposibilidade de calquer cambio que supere os marcos do sistema, ou sexa: realizar cambios que rematen con calquer modo de explotación e opresión.

4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...