No ano 1907, fai agora cen anos, nace Solidaridad Gallega (SG), sen dúbida respondendo á realidade social e política do momento, onde as organizacións obreiristas, por unha banda, e aquelas sustentadoras do réxime, pola outra, deixaban á marxe e desatendidas as inquedanzas dunha parte importante da povoación, especialmente ás reivindicacións relacionadas coa problemática agraria e nacional galega. Tampouco se pode ignorar o efecto do éxito de Solidaritat Catalana, como amosa o mesmo nome da forza política galega, así como os contactos persoais con dirixentes desa organización, esenciais pra lle dar azos ao nacemento de Solidariedade Galega.
En SG axúntanse republicáns, como o Médico Rodríguez e Moreno Barcia, con incidencia na Coruña e Ordes, e Vicenti desde Madrid, onde reside; rexionalistas, centrados tamén na Coruña, liderados por Murguía, Pondal, Naveira, Galo Salinas e Uxío Carré Aldao, e Salvador Golpe con incidencia en Betanzos-Pontedeume; e neocarlistas, ou tradicionalistas, entre os que destaca Vázquez Mella, con moita incidencia no distrito de Arzúa.
O programa de SG sintetízase en conquerir unha representación parlamentar propiamente galega, eliminación do caciquismo, estudar a economía galega –sen moitas concrecións-, e dar unha particular atención aos problemas da agricultura do país.
A convivencia das distintas sensibilidades non foi doada, e os resultados en materia eleitoral tampouco permitiron crear un espazo político propio, porén en troques a incidencia sobre o movemento agrario e a política municipal acadou maior peso. Concretamente, entre 1907 e 1910, a súa acción afianzouse nos distritos de Coruña, Carballo, Ordes, Arzúa, Betanzos, Pontedeume e Muros na provincia de A Coruña; Monforte, Chantada e Láncara na prov. de Lugo; así como O Carballiño e Viana do Bolo en Ourense. Pola iniciativa de SG creáronse 400 sociedades agrarias, das que en 1911 aínda estaban afiliadas a esta organización 85. En 1908 calculase que había unhas 30.000 familias asociadas. Asemade SG será chave na convocatoria das tres asembleias agrarias de Monforte (1908, 1910 e 1911). Desta mesma época é a Unión Campesiña, dirixida por anarquistas (Moreno Bello e Martínez López), e o Directorio Antiforal de Teis, de clara tendencia agrarista (Chinto Crespo). Unha e outra asociación manteñen relacións intensas cos solidarios, que as veces son tensas.
Sen dúbida este éxito no campo foi favorecido sobre todo polo estado de animo dos labregos ¡non hai outra razón máis importante!, ao que contribuíu a Lei do 28 de xaneiro de 1906, completada polo Regulamento do 16 de xaneiro de 1908, pola que se permitía a asociación de campesiños en forma de sindicatos, cámaras agrarias e comunidades, sempre que tiveran como finalidade a adquisición de maquinaria agrícola, sementes, abonos, etc. Aínda con estas limitacións legais abriu as portas ás reivindicacións agrarias, e sobre todo dotaría á secular rebeldía do rural galego de programa e dunha importante estructura organizativa pra loitar contra as inxustizas
A entrada no agro fíxose da man de Lugrís Freire, Xulio Pol, Rodrigo Sanz, S. Golpe, os irmáns Naveira e Casares Quiroga. A capacidade de convocatoria de SG foi grande, por exemplo nun mitin realizado en Irixoa en febreiro de 1908 asisten 5.000 persoas, e os actos numerosos. "En resumo, segundo estimación que parece en exceso comedida, ao inicio de 1910 as reunións celebradas por SG achegábanse ao medio cento" (J.A. Durán).
A plataforma convértese axiña en expresión do descontente existente, dando lugar a unha radicalización da loita agraria. "Concentracións multitudinarias, queima de montes, atentados persoais, detencións, feridos e mesmo mortos, son o ronsel que provoca Solidariedade no campo galego" (X.R. Barreiro Fernández, Historia de Galicia, Edade Contemporánea). "Entre 1908 e 109 houbo talas en Paderne, talas e incendios en Oza, talas en Aranga, talas e incendios en Irixoa, talas en Coirós, sendo estes feitos se non novos –xa que é un xeito de vinganza tradicional- dun carácter colectivo, que nen por frecuencia nen por importancia se coñeceran até entón" (Agrarismo e movilización campesina en el país gallego, J.A.Durán). O caciquismo non cedeu o espazo gratuitamente: detencións, multas, intervencións da Garda Civil, batidas polas aldeas, etc.
A radicalización da conflitividade fai que se vaia abrindo unha fenda entre a mocidade e os fundadores, urbáns e de clase media acomodada, que de vagar van deixando a organización, polo que en 1912 fica practicamente esmorecida. Porén xa tiña cumprido o seu papel histórico abríndolle o camiño a "Acción Gallega", cunha base inicial na provincia de Ourense e que tiña como figura central a un axitador radical como foi o abade de Beiro, Basilio Álvarez. A rebeldía labrega continuaría, mesmo iria a máis, preparando o vieiro pra un novo chanzo no nacionalismo galego, co nacemento das Irmandades da Fala, e completar a loita pola redención dos foros.
Artigo publicado na canle da revista Murguía
Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »