Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Un cuarto de millón na rúa

15:00 15/06/2008

O pasado 5 de xuño duascentas cincuenta mil persoas manifestáronse polas rúas de Lisboa convocadas pola CGTP-IN, moitas delas chegadas en autocares desde todos os recunchos do país, mais sobre todo da área metropolitana da capital. Foi unha mobilización moi importante de oposición á contrarreforma laboral que quere impoñer o Governo do “socialista” José Sócrates. Despois deste éxito a Intersindical Portuguesa anuncia novas marchas de protesto o vindeiro 28 de xuño, agora en cidades espalladas por todo Portugal. As medidas propostas atinxen ao despido, ao computo horario, aos convenios colectivos e outros aspectos das relacións laborais. Son unha nova volta de torca contra as conquistas da clase obreira.

A contestación dos traballadores e traballadoras, moi centrada na CGTP-IN e no Partido Comunista, ven quentando motores desde fai meses. Lembremos algunhas das últimas mobilizacións: unha manifestación de cen mil profesores en Lisboa en marzo deste ano; o 16 e 17 de abril en Lisboa e Porto saíron á rúa 60 mil e 40 mil persoas pra repudiar a ofensiva contra os dereitos e os salarios; de novo en Lisboa un protesto contra a precariedade o 28 de abril que axuntou de dez mil xoves traballadores.

A situación económica e social en Portugal foise deteriorando de vagar na última década, despois de que nos primeiros anos da entrada na Unión Europea semellaba que todo ía sobre rodas (casualidade?). Un medre do PIB moi baixo e aumento da estratificación social e a precariedade, salarios cativos e perda de dereitos laborais, polo que aínda que o desemprego se manteña en porcentaxes baixos (inferiores ao 8%), en comparación cos galegos, non compensa o aumento da explotación e a falla de perspectivas. Os miles de traballadores que a cotío atravesan a raia, desprazándose en moitos casos grandes distancias, co aumento da xornada laboral real e os perigos da estrada, son un exemplo dos atrancos polos que pasa a clase obreira.

Hoxe esta nación irmán e Grecia son cerne da loita laboral e social na Unión Europea, por máis que haxa outros estados como Francia onde as mobilizacións teñen maior repercusión exterior aínda que non acadan a persistencia e politización destes dous países periféricos. Neles non casualmente os partidos comunistas manteñen unha gran presenza social e un certo éxito eleitoral. Se cadra por este último feito desde os meios de comunicación dominantes, baixo a hexemonía das políticas neoliberais, agóchanse estas loitas ou terxivérsanse seus obxectivos, mesmo é normal que se demonicen. Daquela que facer un esforzo pra espallar o que alí sucede non é secundario, porque reflicte que mesmo nas situacións máis adversas é posíbel facer camiño.

No caso de Portugal o certo é que sempre houbo aposta pola mobilización, porén acentuouse moito desde o último Congreso da CGTP-IN, no que ademais fíxose unha importante renovación da equipa de direción. Sen dúbida a oposición a se incorporar á nova internacional (xurdida da unión da CIOSL e da CMT), que foi unha decisión moi debatida, non está afastada do reforzado alento con que se enfronta agora á loita contra a globalización neoliberal e o que semella é unha presencia máis activa da central na vida política de Portugal. Lembremos asemade que esta nova internacional, con hexemonía da socialdemocracia morna, denuncia os efectos máis perversos da globalización neoliberal porén logo na practica a postura dominante (agás contadas excepcións de organizacións afiliadas) cre nas bondades do capitalismo e pactan decote medidas que garanten a súa continuidade e os efectos perversos que lle son consubstanciais (renunciando á loita de clases e a un proxecto propio; o xeito de actuar de CCOO e UGT no Estado español é un exemplo deste modelo de sindicalismo).

Sen dúbida as grandes mudanzas da humanidade teñen hoxe como puntos álxidos a América Latina e o resultado dos varios conflitos armados que se están desenvolvendo en Oriente próximo e Asía central, así como na loita pola hexemonía dentro do campo da globalización neoliberal entre o imperialismo dominante norteamericano (cos seus socios da Unión Europea e Xapón), por unha banda, e China e Rusia polo outro lado. Agora ben pasan máis cousas mundo e hai outros centros nos que tamén se decide o futuro, ou cando menos se condiciona. Por iso non demos as costas ao que acontece no noso entorno, por exemplo en Portugal e Grecia, non o midamos todo en número, en (seica) realidades obxectivas, tamén o suxeito conta, e moito, especialmente en tempos de crise.

3,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...