Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

Historias de Inmigrantes, e xentes do país

15:00 02/08/2007

Denunciou hai poucos días a CIG que sesenta uruguaios, que chegaron como turistas, foron traídos por unha empresa auxiliar (con sede en Madrid) e realizaron traballos durante un mes nun estaleiro de Vigo, cuns salarios mensuais de 575 dólares, moi por debaixo do pactado no convenio do metal da provincia de Pontevedra. Cando, informados polo sindicato, esixiron o que lles correspondía rematouse axiña a súa necesidade e foron devoltos ao seu país de orixe. Unhas contratacións ilegais que resultan difíciles de aceptar e entender sen que se enteraran as autoridades, que deben velar polo cumprimento da lei e os convenios, e consentida pola direción do estaleiro na que se fai o choio. Complicidade?... falta de meios?... ordes superiores?... avaricia?...

Outro caso. Seica quince de senegaleses foron contratados nun centro de distribución dunha gran cadea comercial en Sigueiro, no concello de Oroso, pra realizar as tarefas que facían dez traballadores do lugar. Todo moi legal neste caso.

Porén, a persoa que me contaba o feito engadía que entre os veciños había moito cabreo, porque na zona hai moito paro. Sen dúbida os inmigrantes non son os culpábeis, senón vitimas da falta de emprego e pobreza no seu país, da explotación da periferia, do troque desigual así como doutras razóns internas. Neste caso tanto eles como os galegos que perderon o emprego son vitimas. Con seguridade a empresa non fixo os contratos por solidariedade, que en calquera situación debía comezar pola xente da bisbarra e do país (como se esixe en todos os lugares do mundo).

Os motivos reais pra esta substitución en Sigueiro poden ser moi variados... ¿achegas públicas polas novas contratacións?... salarios máis baixos?... persoal sen coñecemento da lexislación e pouco integrado?... Sexan cales foran as razóns hai unha substitución de man de obra. Así, de nada serve o medre da economía, e entendese nidiamente porque continua con folgos a emigración de mozos e mozas galegos ao exterior. No ano 2006 foron 75.000 os que fixeron contratos noutras autonomías ¡unha situación extrema que non parece preocupar na Xunta de Galiza, nen aos empresarios, nen as clases medias acomodadas!.

Lembremos feitos máis graves, como a condena a varios empresarios galegos por trafico de inmigrantes colombianos, pra realizar tarefas forestais no concello do Saviñao, sen dereitos laborais ningúns e con salarios de miseria. En total foron uns vinte os afectados, algúns seica pagaron pra conseguir o emprego. Non é un caso aillado, a cotío repítense situacións semellantes, non só en actividades agrarias, senón tamén na construción, pesca e servizos. Son casos de explotación extrema das que Galiza non tira ningunha vantaxe; que como dixen atinxe negativamente aos residentes no país desempregados, que son moitos, e só favorece a unha minoría cada vez máis poderosa e avariciosa. A cifra de desemprego da EPA, que se dá como argumento pra publicitar un escenario de falta de man de obra, non é críbel. Non hai realmente menos de cen mil persoas desempregadas, como di a EPA, cando os anotados nas oficinas de colocación son 140.000, un número do que ademais se exclúen moitos supostos.

De ren vale que medre a economía, se este aumento acumulase exclusivamente nun lisco pequeno da povoación; se a mocidade continua a emigrar en masa; se os inmigrantes son discriminados laboralmente, utilízanse pra substituír man de obra do país e teñen poucas posibilidades de ascenso social. Non existe progreso se non remata a emigración e se asegura o seu retorno, e se os inmigrantes non teñen todas as garantías!!!.

É necesario refugar calquer discriminación, procurando a integración dos inmigrantes a todos os niveis, senón en pouco tempo teremos unha sociedade fragmentada e enfrontada por motivos étnicos e culturais; o que seria un novo engadido negativo a unha sociedade xa abondo des-estruturada como a nosa. Un exemplo deste escenario é a postura dun inmigrante (reproducida nun xornal de Compostela) diante das protestas operarias polo convenio da hostalería, cando di que “el está contente coas condicións vixentes e que os galegos protestan porque non queren traballar”. Son opinións preocupantes, hoxe minoritarias, porén negativas e que deforman a realidade, e que só se evitan cando existe unha integración real. Agora ben, pra elo compre que o inmigrante estexa disposto a integrarse respetando a cultura nacional; fai falla impedir que a súa contratación substitúa operarios galegos ou residentes permanentes; e resulta urxente que tanto o Governo central como o Governo galego regulen os procesos migratorios e aseguren o cumprimento das leis e normas aos patróns... Cumpre sobre todo que se pense máis no conxunto, na xente, e menos nos gaños das empresas, porque unha nación é moito máis que unha suma de fábricas, oficinas e fincas.

Moito me temo, que se a esquerda nacionalista non ten en conta estes feitos terminará perdendo forza tanto entre a clase obreira do país como entre os inmigrantes. Hai exemplos sobre estas consecuencias moi perto de nós, en todos os países da Unión Europea que recibiron inmigración masiva, aínda mesmo cando estes levan moitos anos morando na nación de adopción. Nunca ten solución o que non se quere ver.

3,64/5 (14 votos)



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...