Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Mera

O debate das ideas

09:00 14/07/2008

Hai quen pensa que abonda con facer unha boa xestión e ter unha actitude persoal coherente pra que o proxecto político que se alenta medre e se consolide. Este xeito de entender a actividade política está moi afortalado tanto nas tarefas institucionais como nas sociais no noso país. Porén, ningunha alternativa política e social avanzou se non é capaz asemade de que os seus principios e obxectivos, as súas análises e reflexións sobre o pasado e o presente, gañen os corazóns de grandes franxas da poboación, que deste xeito se sumarán ao cambio, facéndose primeiro protagonistas pasivos e despois activos. Pra avanzar necesítase organización, entrega e teimosía, formación da militancia, moita información a toda a sociedade e contar con todos eles de xeito activo na construción do poder popular.

O practicismo, o empirismo, de pouco vale sen a reflexión, sen unha análise que rectifique erros e agrande virtudes, sen a posibilidade de buscar decote a complicidade social nos conflitos, mesmo os máis cativos, e sen que faga participe de cada vitoria á maioría social. Por exemplo, ademais dun intre propicio, dunha militancia entregada, e dunha caracterización correcta do devalar do franquismo e do albor da transición, o movemento nacional popular galego entendeu as necesidades sociais e asemade fixo de cada loita unha bandeira. A ANPG, as CCLL, a ING, ERGA, a Fronte Cultural, déronlle á propaganda (á divulgación) un papel central. Foi por iso polo que, aínda tendo moitos menos militantes, historia como organizacións, e medios que outras forzas, se acadaron resultados tan positivos. Hoxe moitos conflitos nacen e morren sen que se faga unha asemblea, realice unha análise política e espalle un panfleto; cóidase que abonda cuns bos resultados económicos. Outro tanto pódese dicir da xestión nas institucións (cando é positiva). Gáñase prestixio persoal e organizativo no tema en cuestión, porén non se vencella á situación de inxustiza social e de colonización nacional, deixáselle todo o campo ás ideas hexemónicas, que son as das clases dominantes. Como lle aconteceu a Pirro, gáñanse as batallas e pérdese a guerra. Ademais, este estilo economicista termina por impregnar a actividade interna da organización, o debate, os métodos de traballo, o que contribúe á súa reprodución.

A eiva comentada anteriormente constitúese no maior atranco de calquera proxecto que procure cambios radicais no sistema, máxime despois da enorme revolución informacional das últimas décadas, aproveitada pola globalización neoliberal, xa que foi funcional pra concentrar poder e riqueza. É verdade que tamén abriu fiestras a ideas alternativas (especialmente internet), mais se colocamos os dous aspectos nunha balanza os resultados finais son aínda moi negativos. Os movementos de liberación, a esquerda, non estiveron á altura do momento, se cadra por mor da queda do Socialismo soviético, que ademais das consecuencias ideolóxicas desmontou unha rede mundial informativa alternativa, que mesmo servía de estrada aos sectores marxistas críticos coa ortodoxia. Así mesmo, os medios informacionais de masas, empresas privadas case que todos eles, esmagaron o papel tradicional da militancia como transmisor das ideas da organización, dándolles aos dirixentes todo o protagonismo, alentando deste xeito tanto o paternalismo como o elitismo, mesmo nas forzas de esquerda. Evidentemente isto incidiu menos nas organizacións de base, moi achegadas á problemática social e ao simpatizante, malia que tamén foron atinxidas (como xa se dixo) nos métodos de traballo e no pesimismo sobre os obxectivos estratéxicos.

A crise da militancia partidaria aínda non foi superada, e as eivas que teñen os novos modos organizativos pra consolidar proxectos de cambio (por exemplo na América Latina) e avanzar na sociedade e nas institucións (en Europa) reflicte estes atrancos, xa que falta organización e existe unha extrema dependencia dos medios de comunicación de masas (controlados polas clases hexemónicas). Así mesmo, sacralizouse o necesario pluralismo e o individualismo. O arco da vella é necesario porque suma, aínda que sen un núcleo central férreo é moi difícil (imposíbel?) consolidar unha alternativa estratéxica. Mesmo alí onde a pluralidade e a horizontalidade axudou a gañar o Goberno, amosou axiña as súas grandes debilidades, especialmente porque as clases dominantes explotan as contradicións (Venezuela, Bolivia, etc.). Calquera alternativa debe ser plural, porque a mesma clase traballadora, maioritaria na nosa sociedade, está hoxe fraccionada, e a crise do sistema botará deste lado a autónomos e pequenos empresarios. Porén, pluralidade do proxecto e hexemonía dunha alternativa estratéxica (da clase obreira, ao meu entender) son compatíbeis e necesarias. Hoxe esta alianza dáse coa hexemonía no outro extremo, con centro na gran burguesía, sacralízase desde o poder como a democracia perfecta, só está cuestionada por minorías, malia favorecer sobre todo a un sector estreito da sociedade.

Ningún destes atrancos será superado só desde o empirismo, desde a práctica desprovista de reflexión, de debate, de formación e de información. Como se sabe, sobre isto reflexionou moito Lenin, o practicismo conduce ao economicismo e o teoricismo ao infantilismo. Agora ben, como non hai escenario no que non existan estas tendencias, o movemento de liberación fará a súa andaina entre estas dúas gabias, só superábeis coa praxe, co unión de práctica e teoría. Neste intre a tendencia dominante é o economicismo, non o ideoloxismo esquerdista, o que é lóxico nun contexto de moita hexemonía ideolóxica das clases dominantes (por máis que algúns pequenos grupos se sintan cerne do mundo).

O movemento nacional popular galego, aínda que máis morno que hai tres décadas, segue sendo a forza máis combativa do país e na que existen maiores potencialidades de transformación individuais e organizadas (xa que non todo no interior actúa igual e predica o mesmo). O que se xerou durante décadas, nun intre histórico determinado, non é substituíbel ou modificábel só pola vontade individual de minorías; cómpren ademais causas obxectivas. Agora ben, as minorías poden incidir cando saben seleccionar, teñen obxectivos claros e actúan como un grupo moi cohesionado.

Desde o meu punto de vista, hoxe o máis efectivo, e onde os resultados prácticos son máis urxentes, é en todo o relativo á loita no eido das ideas (da cultura, da historia, da lingua, da interpretación da realidade social). E esta tarefa ten moitísima importancia no movemento obreiro e na mocidade. É verdade que o traballo reivindicativo e de xestión (que é fundamental) ten resultados económicos e sociais inmediatos, mentres que as tarefas ideolóxicas e formativas necesitan de procesos máis longos, é que son máis complexos, porén os resultados finais tamén son moito máis sólidos, menos conxunturais.

En resumo, nesta etapa é fundamental todo o esforzo que se faga a prol da formación e información (a todos os niveis, pra cadros, militantes, simpatizantes, poboación en xeral), así como arroupando determinados conflitos (tamén tarefas de goberno, cando signifiquen unha conquista social), facendo deles centro de atención, xa que son unha ensinanza práctico-teórica colectiva doada de socializar. A loita das ideas está en primeiro plano, aínda que se presente coa camuflaxe da Eurocopa de fútbol ou do rescate de Ingrid Betancourt...; se non a damos con máis medios, organización e claridade ideolóxica, non poderemos seguir avanzando na acumulación social, na construción do poder popular, aínda que a medio prazo tampouco gañando votos e cotas de poder institucional, nin reforzando as organizacións sociais, por máis que avanzasen nas últimas décadas e haxa aínda quen pense que é unha tendencia natural.

2,89/5 (18 votos)



Manuel Mera

Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972.Fundador de ERGA en 1972. Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e
Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 ao 2001. »



Anteriores...