Galicia configura o que se coñece como “un área cultural”, isto é, un territorio delimitado no cal os seus habitantes levan compartindo durante un período de tempo prolongado, unhas pautas de común comportamento consonte ós hábitos, á relación co medio, e o modo de manifestárense e comunicárense. Quen pode dubidar de Galicia contar cunha cultura propia! Cultura que, na súa aceptación individual, vén significando “cultivo do espírito” –o factor que dá sentido ó ser humano– mentres que no sentido colectivo, representa o elemento incontestable de identificación dunha comunidade –factor que dá sentido ós pobos e ás nacións.
Na pasada fin de semana, celebrouse na Coruña a Feira da Industria Cultural Galega, á cal houbo que chamar “Achegarte” para diferenciala da “Culturgal” dos anos anteriores. Na edición de 2008, “Culturgal” atraeu 35.000 visitantes interesados na Cultura do País, no que desenvolven as empresas dedicadas á produción e promoción de produtos baseados na cultura galega. Quizais con esa idea na cabeza, os organizadores de “Achegarte”, amantes do noso principal risco diferenciador, engadiron na convocatoria o lema “A cultura que facemos, a cultura que queremos.”
Malia ese carácter esencial intrínseco ó propio concepto cultural e a pesar da necesidade de promoción dunha industria feble e vulnerábel, o goberno galego rexeitou organizar o que debería ter sido “Culturgal 2009”. Talvez asustouno o éxito de Cultural 2008 o cal daba a pensar que a curiosidade e o interese sobre o noso podía contribuír a espertar ese xigante durmido, tan temido pola dereita, do galeguismo sustentado na defensa da propia identidade. Así que a Xunta cedeu involuntariamente a remuda ó Concello e á Deputación da Coruña que aproveitaron a oportunidade que lles brindaron os medos do Partido Popular.
Non sei se tal apaño será posible noutra das aldraxes deste goberno cara á cultura do País. Refírome á expulsión da Central Folque da Escola de Altos Estudos Musicais. Este Centro Galego de Música Popular representa un proxecto exemplar onde acubillar os sons, notas, ritmos e danzas que forman parte da mesma cerna da cultura galega. Axiña osmaron o perigo, por “centro de música popular” deberon entender “cova de nacionalismo alborotador”, algo así, seica. E retiráronlle o apoio. 160 alumnos dispostos a facer da música con raigame na terra a súa vía de desempeño profesional. Sumamente perigoso, disque.
Pode haber máis. Estes días celébrase a vixésimo terceira edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara nesta cidade mexicana, un dos principais eventos que se celebran no planeta en relación ó libro. Cada ano, os organizadores escollen unha cultura á cal ofreceren un papel estelar no espazo e na programación. En anos anteriores, concorreron España (2000), Cataluña (2004) e Andalucía (2006). Para dar unha idea do nivel do acontecemento, a presentación dos actos organizados pola Xunta de Andalucía estivo presidida por Gordimer, Saramago, García Márquez e Carlos Fuentes. O goberno galego anterior levara a cabo arduas xestións para conseguir que a literatura galega fose convidada de honra da Feira Internacional de Guadalajara nun dos vindeiros anos. O goberno actual parece dubidar se tira proveito desta grande oportunidade.
Os parágrafos anteriores confirman o devastador programa culturicida posto en marcha polo goberno galego do Partido Popular. Eles xustifícano na falta de cartos (e son os mesmos que promoveron o Gaiás!!). Outros pensan que se trata dun perverso cálculo político. Eu cada día inclínome máis por outra razón: a de que conforman, en realidade, un goberno sen corazón; un goberno, así pois, inculto.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza