Un pode entende-lo imperialismo, non si? Non as compartirá nin defenderá, pero un pode comprende-las razóns do colonialismo, os motivos dunha potencia superior a impoñe-los seus principios, hábitos e riscos culturais sobre outra comunidade. O que ninguén cun mínimo de dignidade entenderá é que un cidadán ou goberno renegue dos seus propios sinais de identidade. En tal caso, estaremos ante un cidadán ou goberno indigno e renegado, non si?
Primeiro foi a campaña difamatoria contra os programas de promoción da lingua galega. Despois, o propósito manifestado para derroga-lo decreto no ensino. Máis tarde, a eliminación do requisito lingüístico para acadar unha praza de funcionario público. Entre medias, as declaracións do conselleiro do ramo acusando a cultura galega de “limitativa”. O mesmo señor presenta o seu plan de traballo no parlamento concentrándose no Xacobeo e no Gaiás. Nunha entrevista a seguir, equipara as obras e proxectos en castelán cos desenvolvidos en galego á hora de planifica-la acción do seu departamento. De maneira coordinada, a TVG, responsables do PP e o seu principal medio afín de comunicación, volven cargar contra a Mesa da Normalización Lingüística renovando as doses de demonización correspondentes. Anuncian a supresión dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Paralizan as axudas ó teatro galego. Pechan o programa que máis fixo pola música galega nos últimos anos. Igualmente, dan por concluído o programa de difusión do libro en galego. Restrinxen outros programas coma Diario Cultural ou Extraradio. E ata actúan sobre os sinais de identidade visibles: como distinguir agora a TVG? Como aquela televisión onde ó fondo loce case sempre unha bandeira española!
Estamos no Ano das Letras dedicado a Ramón Piñeiro. Pregúntome o que tal opinaría o intelectual defensor de galeguiza-la nosa sociedade a través da cultura, ante tan destrutiva xeira. E pregúntome tamén pola súa resposta se o máximo mandatario do goberno galego utilizase o Consello da Cultura Galega, do cal Ramón Piñeiro foi primeiro presidente, para expoñe-la súa infame teoría da “imposición lingüística” en defensa do castelán e en contra da expansión do galego. Porque tal foi o que fixo o “próximo ministro Feijóo” no CCG sen ter que escoitar a seguir ningunha réplica contundente. Como tampouco escoitou réplica ningunha, senón todo o contrario, cando o “próximo ministro Feijóo” visitou a Real Academia Galega. E sígome a preguntar se o “próximo ministro Feijóo” vai continuar tan pancho o seu plan de méritos ante o PP-Madrid, se non vai ter réplica de ningunha institución do País na súa campaña de aniquilación da cultura galega, se o noso corpo de organismos, fundacións e demais entidades culturais e sociais, vaise manter impertérrito ante o culturicidio acelerado aplicado polo “próximo ministro Feijóo” e o seu conselleiro traído ás présas dende Nova York para executa-la sentenza. En fin, estaremos condenando a cultura galega a sobrevivir nun mero recuncho testemuñal pero cando menos estaremos axudando o señor Feijóo a chegar a ministro á primeira oportunidade que se lle presente. E desta maneira, o “próximo ministro Feijóo” terá cumprido o seu obxectivo mesmo por riba da historia, da lingua e da cultura do País. Xa poderá ser, cando menos, polo ministerio de Fomento!
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza