Nesta terra nosa tan dada ás lendas, se cadra sexa a Costa da Morte a rexión cunha meirande carga de misterio. O propio nome agocha unha sorte de maldición que se foi cumprindo ó longo dos preto de cen naufraxios rexistrados no seu litoral os cales deixaron varios milleiros de mortos así como desgrazas medioambientais que permanecen, e permanecerán durante décadas, nas nosas mentes. Alén desta sorte de destino tráxico, a Costa da Morte presenta unha vizosa realidade recomendable de coñecer.
Recomendo iso, vivir a Costa da Morte.
Recomendo facer parada e fonda, por exemplo, no Ínsula Finisterrae, por variadas e poderosas razóns que deberedes comprobar por vós mesmos.
Recomendo entrar na Lonxa e no Castelo de San Carlos, en Fisterra, a entender como van e como foron as cousas do mar.
Recomendo degusta-los longueiróns da Langosteira, os mellores do mundo sen dúbida de ningunha caste.
Recomendo un plan de rehabilitación masivo e un programa de acción contra o feísmo da Costa da Morte que amañe esas casas, esas rúas e esoutros espazos desleixados.
Recomendo de paso repudia-lo alcalde de Fisterra, vestixio en persoa nova do caciquismo máis rancio e paralizante.
Recomendo tamén, por seguir na liña vindícante, condena-lo actual goberno da Xunta, que revogou a decisión do anterior para instalar unha base de salvamento marítimo en Lires (co apoio do propio alcalde!).
Recomendo percorrer precisamente a Ría de Lires, metro a metro buscando as distintas perspectivas que tanto fan varia-la paisaxe.
Recomendo revisa-lo Plan acuícola e ver se compensa a granxa troiteira meirande de Europa.
Recomendo pasar pola aldea onde se instalou a primeira casa de turismo rural e saudar a Raúl que había busca-los seus hóspedes en burra por falta de camiño.
Recomendo abrir 1.000 galescolas na Costa da Morte para nunca perdérmo-la lingua que lle dá sentido e integra as marabillas que a conforman.
Recomendo esixir que liberen de vez a Fervenza do Xallas, que nos pertence a todos e non só a un.
Recomendo San Xiao de Moraime e Santa Locaia de Frixe, antes San Julián e Santa Leocadia, e Santa María das Areas e sempre o románico galaico.
Recomendo contar e reconta-los hórreos ou cabazos e distinguir as súas sutís diferencias.
Recomendo un programa de potenciación da artesanía propia para non termos que andar vendendo a mercadoría de Euzkadi ou Indonesia.
Recomendo tentar arbitra-lo pulso de forza que ten lugar cada xornada en Touriñán entre o Atlántico embravecido e o vento do Nordés.
Recomendo busca-los recunchos tradicionais de Muxía, que aínda quedan algúns.
Recomendo escoitar a Darío no Museo Fernando Blanco, evocador do ensino e da ciencia pioneira en Cee.
Recomendo pasear pola beira da vila de Corcubión contra o lusco fusco e perderse por entre algunhas das ruelas que soben desde o peirao.
Recomendo aprecia-los verdes e azuis de Lourido distintos ós de Nemiña, nome de aldea e de praia procedente da voz celta Nemeh, “bosque sagrado”.
Recomendo recoñecer que na Praia do Rostro, desta vez si, xa non queda chapapote ningún.
Recomendo sentar a agarda-lo solpor nos arredores do Mar de Fóra.
E recomendo queima-la roupa vella no Faro da Fin da Terra, punto derradeiro de tódolos camiños...
Recomendo a Costa da Morte.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza