Tradicionalmente, a paisaxe asociouse cunha acepción estética que non superaba o valor, máis ou menos subxectivo, dunha imaxe fixa. Así diciamos, por exemplo, “Suíza ten unha paisaxe bonita” ou “non me gusta a paisaxe de Castela”. Eito a eito, o concepto paisaxístico foi adquirindo unha maior significación ata acadar a valoración que actualmente ostenta nas sociedades desenvolvidas.
Hoxe en día, a paisaxe considérase un elemento clave na conformación sociolóxica dun territorio e un símbolo fundamental da madureza e potencialidades das comunidades que nel residen. Disque as rexións cunha meirande sensibilidade estética incluíron antes o coidado da paisaxe entre as súas pautas de comportamento colectivo. Polo contrario, aqueloutras que non valoraron a imaxe de seu ou que non deron evolucionado cara a unha concepción socioecolóxica da paisaxe, tratarían o seu territorio co desleixo propio das comunidades máis arcaicas (eis o exemplo de Europa do Este).
A paisaxe é produto de dous factores obvios: a configuración natural das rexións e o resultado da acción do home. Unha observación incluso superficial do noso país permítenos confirmar as privilexiadas dotacións coas que nos agasallaron as forzas creadoras do planeta. Non vou relacionar os moitos recursos paisaxísticos de Galicia por non caer no bucolismo e por manter este artigo no eido da colaboración xornalística.
Nunca fomos coidadosos coa nosa paisaxe, esa é a verdade. Sen embargo, o tópico grao de subdesenvolvemento da nosa economía condicionou “positivamente” a dimensión das agresións contra o medioambiente do país. Así, ata os anos 70, a maioría das vilas, bosques, chairas, ríos, costas… galegas respectaron a súa fasquía tradicional e mantivéronse en sintonía cos valores culturales e ambientais propios.
Todo cambiou nas últimas décadas. O progreso mal entendido, as ópticas miopes, as políticas mesquiñas e o capitalismo descontrolado terminou por dexenerar a nosa paisaxe ata extremos inimaxinábeis en anos anteriores. A degradación acadou un nivel de alerta xeral que pon en grave risco a sostibilidade non só dos nosos recursos senón, especialmente, da idiosincrasia do noso medio natural.
Galicia debe tomar unha determinación: ou aposta pola recuperación paisaxística e medioambiental que permita a rexeneración do territorio e a identificación do país con valores ecolóxicos e telúricos, ou renuncia definitivamente aos piares seculares do país para abrazar descaradamente as teses dos que pretenden converter o seu territorio nunha fotografía homoxénea onde o valor paisaxístico se reserve para “resorts” turísticos e parques etnográficos.
Á vista dos feitos, coido que se pode afirmar, sen caer en terxiversacións, que o anterior goberno do PP favoreceu o espolio paisaxístico de Galicia e a submisión do seu medio natural a intereses económicos afastados do ben colectivo. Atendendo ás declaracións do novo goberno (que xa leva máis de dous anos gobernando), poderiamos deducir a súa determinación pola defensa dun modelo de sostibilidade económica que promova o respecto ao contorno en contra dos intereses espurios de calquera signo ou cor.
En efecto, nos últimos meses asistimos ao anuncio dunha “imprescindíbel” ordenación do territorio (“tarde piaches”, que diría miña avoa), da creación dun Banco de Terras, da próxima promulgación da Ley da Paisaxe, da constitución prevista dunha Axencia de Legalidade Urbanística, da multiplicación dos espazos protexidos, etc. Serán medidas positivas se algún día se chegan a aplicar, e perdoen o escepticismo.
Estamos a ver que, tamén nesta lexislatura, do dito ao feito hai un longo treito. Porque o noso Presidente seica tomou boa nota do lema predilecto do presidente español, ese de “ti promete e logo xa veremos”. O meu escepticismo non nace do coñecemento das falcatruadas dos alcaldes socialistas enlamados (case tanto coma os populares) en casos de corrupción urbanística, nin das concesións a grupos que explotan os recursos naturais a cambio de moi pouco, nin sequera do desastre do lume no pasado verán. O meu escepticismo é fillo da xebre realidade, das imaxes visíbeis para todos os galegos que viaxen de cando en vez pola súa Terra.
Hai un ano, escribín para Vieiros “A praxe do feísmo”. Naquela colaboración, dábase conta dun dato estarrecedor: no traxecto dende Ribadeo ata Begonte, contábanse 350 edificacións sen rematar, unha rea de espantallos urbanísticos de todo tipo e condición visíbeis dende a estrada E-70. Hai uns días repetimos a viaxe; pois ben, volvemos contar e comprobamos que a cousa pouco mudou. Desta vez, prestamos atención ademais ás casas abandonadas ou derruídas para descubrirmos que ao longo de moitos dos tramos percorridos, máis do 50% das contrucións estaban en ruínas ou inacabadas. Un espanto!
Viñamos de Asturias onde non vimos nin un só exemplo similar nos quilómetros percorridos nin nas vilas visitadas. Pero hai máis: coido que na recta de San Miguel de Reinante, no Concello de San Cosme de Barreiros, dexergamos máis guindastres que en todo Asturias. Trátase, como sabemos, de urbanizacións que se están a construír para non ser habitadas, isto é, con fins claramente especulativos e de consecuencias perniciosas para a paisaxe e para a demanda de infraestruturas (que apenas se utilizarán) no Concello.
Outra información comparativa interesante: Asturias acolle vilas de valor cultural, etnográfico e turístico como Cudillero, Lastres, Tazones, Potes… e centos de aldeas que forman parte da paisaxe sen ter perdido as características tradicionais da arquitectura popular. Levan anos executando un programa de rexeneración das vilas rurais cuns resultados óptimos. En Galicia, salvando Allariz, traten de mencionar unha soa vila que se distinga polo coidado da súa arquitectura e cuxa visita se poida recomendar con orgullo.
Se atendemos á vexetación, o disparate é parecido. Seica xurdiu ultimamente unha meirande concienciación verbo dos nocivos efectos de especies alóctonas coma o eucalipto. Disque a acción popular, os homes e mulleres de boa vontade, están tomando a iniciativa (como tantas veces ocorreu na nosa historia) e actúan con independencia dos poderes públicos. Porén, esta corrente positiva non abonda para virar a situación.
Galicia presenta unha porcentaxe de especies alóctonas superior á de autóctonas. Unha comparación simple achegará o alcance real da cifra: un 58% das especies arbóreas en Galicia son eucaliptos ou piñeiros; en Asturias, un 28% e Cantabria un 21%. Basta con mirarmos os montes do país para comprobarmos dolorosamente que o eucalipto é a especie predominante en Galicia, a árbore que caracteriza xa a nosa paisaxe.
Pero o máis grave nin sequera é a situación actual, non. O máis grave é a tendencia: todas, absolutamente todas as novas plantacións (menores de dous anos) que se atopan nos Concellos galegos da nosa ruta pola provincia luguesa son de especies alóctonas, eucalipto a meirande parte. Seguindo a evolución destes anos, é doado prognosticar que dentro dunha ou dúas décadas, as especies autóctonas teranse reducido a contías anecdóticas.
O Goberno galego está tomando as cousas con calma e timidez. Dirixe o país en clave de continuidade, como se os seus obxectivos fosen de “mellora e optimización”. Se cadra, aínda non se decatou da situación de emerxencia que vive o país a cal esixe medidas urxentes propias dunha xestión de crise. As situacións de crise demandan medidas decididas e exemplarizantes que transmitan nitidamente os sinais que marcarán as políticas de agora en adiante.
Por tal motivo, á espera dos grandes planos de desenvolvemento do medio rural que se prometeron dende a constitución do novo Executivo (e da “imprescindíbel” ordenación do territorio), propoñemos tomar canto antes catro medidas de carácter autonómico:
-Formular un acordo nacional dos tres partidos principais co compromiso de expulsión inmediata dos alcaldes ou concelleiros con intereses urbanísticos ou sobre o territorio en xeral.
-Implantar a prohibición temporal de plantación de eucalipto naquelas terras que, pola súa directa vinculación á industria, non dispoñan dunha autorización explícita; planificar asemade a tala progresiva do eucalipto nos espazos de elevada consideración paisaxística ou medioambiental, tomando as medidas oportunas de compensación aos propietarios.
-Fixar un período dun ano para rematar as casas e anexos inacabados e para “poñer en valor” (como lle gusta dicir ao noso vicepresidente) os edificios abandonados ou esborrallados.
-Deseñar un plan de rexeneración das vilas con potencialidade para se converter en referencias de recuperación urbana. Empezando pola costa da Coruña, deseguido atopamos casos como Caión, Malpica, Corme…
Por suposto que todas estas medidas requiren abondosos recursos, mais con tal de reducir un 10% o presuposto de Cidade da Cultura, xa poderiamos financiar o conxunto das actuacións a emprender.
Hai uns días, o amigo Alberte, promotor da loábel “Operación Carballo”, mandoume un bonito agasallo: o libro de Jean Giono “El hombre que plantaba árboles”. Na súa dedicatoria, dicía: “Agardo que a lectura deste libriño nos dea folgos para continuar a defender o noso”. Outrosí espero eu que a lectura deste artigo contribúa a proseguir esa mesma loita.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza