Hai en Cuba un periódico que así se coñece por asignarlle algún substantivo do idioma castelán. O Granma, monllo de páxinas pobres, é o principal órgano propagandístico do partido comunista cubano. Tampouco non pretende ser outra cousa.
O Granma non informa, adoutrina. O Granma non analiza a realidade, manipúlaa. O Granma non publica noticias; emite consignas. O Granma non presenta sucesos; xulga e condena. O Granma non reflite ópticas distintas; transmite a única perspectiva verdadeira. O Granma non contrasta a verdade; artella e deturpa ó seu antollo os acontecementos. Para o Granma non hai protagonistas senón heroes e listas negras. O Granma non emprega xornalistas; utiliza gregarios. O Granma non precisa lectores, tan só individuos dispostos a ser leccionados. O Granma non é o xornal dun país; é o periódico dun réxime.
Claro que Cuba, illa caribeña, vén sendo unha ditadura. A diferenza formal entre ditadura e democracia é o modo de chegar e manterse no goberno. A diferenza esencial, profunda, entre democracia e ditadura reside no funcionamento da súa sociedade. Unha sociedade sometida ós poderes reaccionarios, manipulada polas oligarquías sectarias e articulada para garantir os beneficios das clases privilexiadas non pode afirmar vivir en democracia.
E o silencio sempre será de complicidade, e a pasividade de culpabilidade. Continuar como se nada tivese sucedido significaría a aceptación do asoballamento e a claudicación ante a difamación como ferramenta de autoxestión.
Como lector, múdome a Xornal, periódico magnífico de, por e para Galicia. Como cidadán, quedo agardando a reacción dos intelectuais do meu País. Quedo á espera de escoita-la súa voz.
Nota: co meu aprecio cara ós xornalistas galegos que han asumir, porque non lles queda outra, principios e tácticas que rexeitan privadamente.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza