O prezo do barril de petróleo está a roldar os 80$. Lonxe quedaron os 29$ do 2003 ou os 10$ de 1999; a anos luz os 3,5$ de 1973. Difícil atopar outro ben que amose un aumento de prezo de tal nivel. A razón básica é que o petróleo, a enerxía que move o mundo, esgótase. E o peor é que non temos substituto á vista.
Alén da esquizofrenia invasora USA, o prezo do petróleo sobe porque a súa oferta non pode medrar (hai reservas para tres décadas nada máis), porque non dispoñemos dunha fonte substitutiva fiable (por riba das complicacións xeoestratéxicas, o gas esgotarase en 60 anos) e porque, malia a gravidade extrema da situación, a demanda continúa o seu ascenso imparable.
Por unha banda, as economías emerxentes tiran da produción aproveitando as vantaxes dos seus custos nunha contorna globalizadora. Por outra, as sociedades de consumo esixen novos e máis sofisticados produtos, a era tecnolóxica reduce ao mínimo a vida útil dos artigos, os gobernos aceleran a carreira armamentística, os utilitarios cámbianse por todoterreos a utilizar como “só-asfaltos” e os teitos falsos das casas ínzanse de halóxenos e luminotecnia variada.
O 76% do consumo enerxético de Europa procede de fontes fósiles, un 50% de petróleo e o 26% restante do carbón e o gas natural. Ademais do tremendo problema que supón o esgotamento destes recursos, debe subliñarse o feito de que representan a causa principal das emisións de CO2 á atmosfera, o que provoca o efecto invernadoiro e, consecuentemente, as ameazan medioambientais que asolan a Terra hoxe en día.
Achámonos ante un problema de dimensións colosais: un sistema económico mundial baseado no crecemento permanente, unha emisión de gases claramente excesiva para o estado de saúde do planeta, e a principal fonte de enerxía que presumiblemente estará esgotada contra o ano 2040.
Tanto dende a Unión Europea como dende organismos especializados, lévase anos facendo fincapé na solución das enerxías renovables. As autoridades europeas proxectan acadar, como obxectivo, o 20% do consumo total en Europa procedente de enerxías renovables en 2020. Vexamos a grandes pinceladas cada un dos casos.
Fontes de enerxía renovables
Biocombustibles: son a alternativa que máis se cita ultimamente. A partir de sementes oleaxinosas como a colza ou o xirasol, prodúcese biodiesel, un produto substitutivo do gasóleo, mentres que a partir de produtos sacaróticos como a cana de azucre, a remolacha ou determinados cereais (millo, trigo, cebada), prodúcese bioetanol, de uso equivalente á gasolina.
Os biocombustibles emiten menos CO2 neto en comparación co petróleo, pero non teñen capacidade para alcanzar máis do 5-6% no total da torta enerxética, e iso dedicándolle grandes superficies de terreo aos cultivos bioenerxéticos, o cal pode supoñer unha presión importante sobre algunhas zonas; eis os síntomas de deforestación no Amazonas. Tamén pode implicar un alza de prezos nos cereais, xa sexa pola maior demanda deles dende o sector enerxético ou pola substitución de terreos onde se cultivaban cereais con fins alimenticios; velaí o conflito da “tortilla” mexicana.
Porén, analizando os datos, a suba brutal do prezo dalgúns cereais en Europa, non se pode achacar aos biocombustibles. Máis ben haberá que localizar os motivos nas malas colleitas ou nas prácticas intereseiras (retención de stocks, por exemplo) dalgúns canles intermedios.
Hidráulica: aínda que se consideran enerxías renovables, coido que non se poden ter en conta á hora de determinar un substitutivo dos combustibles fósiles. Se o petróleo presenta indicios nítidos de esgotamento, non digamos os recursos hídricos, un fenómeno do cal temos en Galicia dolorosos exemplos.
Enerxía eólica: as autoridades europeas confiren á enerxía eólica un potencial grande dentro das enerxías renovables e estiman que pode acadar en poucos anos un 10% da enerxía total requirida. No obstante, os aeroxeradores presentan importantes inconvenientes. Un deles é o custo do quilovatio, que resulta ser o máis alto entre todos os tipos de enerxía detrás da solar. Está tamén o seu elevado consumo primario, ou sexa, a enerxía consumida para xerar enerxía. Outro problema a salientar é o seu negativo impacto paisaxístico, realmente inadmisible nalgún caso.
Solar: pode supoñer unha contribución para determinados usos domésticos ou de consumo a pequena escala, pero nin os seus custos nin a súa limitada capacidade produtiva permiten ver nela unha alternativa relevante ao petróleo.
Outras: a biomasa, ou sexa, a produción eléctrica a partir de refugallos forestais, parecía ser unha boa opción, pero a realidade estase a revelar demasiado complexa para facer viables os proxectos. Hai outras liñas, coma o biogás a partir de residuos ou a enerxía maremotriz, que en ningún caso semellan ter capacidade abonda para ser tidos en consideración, polo menos no estado actual de desenvolvemento.
Modelo dominante de futuro
Ante o panorama aquí sucintamente descrito, cabe unha alternativa que se está a impoñer como o paradigma triunfante. Desbotada a enerxía nuclear por fisión, tanto pola incerteza respecto do tratamento dos residuos radioactivos como por la probabilidade dun accidente, emerxe a fusión nuclear, sobre a que non me atrevo a pronunciar pero que, segundo distintos estudos técnicos consultados, permitiría eliminar por completo ambos os dous problemas.
Claro que a solución aínda vai tardar en chegar... se é que chega. Se as previsións se cumpren (cada quen adoptará a súa combinación particular de expectativa e inxenuidade), Europa podería empezar a producir enerxía por fusión nuclear a partir do ano 2035, sempre que o proxecto ITER, a gran aposta europea que conta cun investimento de 10.000 millóns de euros, resultase satisfactorio.
A enerxía por fusión nuclear si tería capacidade para substituír os combustibles fósiles, a prezos, ademais, previsiblemente máis baratos. Pero, xaora, estamos a falar dun futurible con moitos interrogantes no seu longo camiño.
O complemento de calquera modelo enerxético de futuro vén da man do hidróxeno. Sexa cal for a fonte de produción de enerxía, o hidróxeno vai permitir (de feito, xa permite) a súa almacenaxe en pilas transportables e utilizables no momento no que se precise. Imaxinemos, por exemplo, a enerxía dos aeroxeradores non consumida ben por falta de demanda nun momento determinado ou por exceso de produción. A tecnoloxía do hidróxeno permitirá a almacenaxe en baterías desa enerxía para poderse distribuír no intre necesario e adaptada ás particularidades de cada uso. Un dato que reflite ás claras a transcendencia desta tecnoloxía emerxente: Estados Unidos asignou un orzamento de 4.000 millóns de euros aos programas de I+D relacionados co hidróxeno.
Seica nese modelo de futuro composto por enerxía nuclear de fusión e o desenvolvemento do hidróxeno poderían ter cabida fontes alternativas coma a enerxía eólica, pero sempre que a produción puidese competir en custo e eficacia coa alternativa da fusión nuclear.
Qué facermos
Coma sempre, unha política de altura habería dirixirse ao curto e ao longo prazo. Se mantemos á vista un horizonte temporal de cinco-seis anos (iso é curto prazo no mundo da enerxía), coido que en Europa haberíamos intervir no sector da alimentación para evitar a suba desmesurada dos prezos dos cereais, e suprimir a cuestionable norma do barbeito (manter improdutivo o 10% das terras dispoñibles). En Galicia, deberiamos profundar aceleradamente na ordenación do territorio para organizar a produción dos cereais no novo contexto, e poñer en marcha o Banco de Terras xestado por Medio Rural. Así mesmo, coido que é necesario racionalizar as instalacións de parques eólicos de maneira que non esteamos a lamentar a súa profusión dentro duns anos.
Tamén deberiamos potenciar o Instituto Enerxético de Galicia e dotalo de ferramentas de promoción e captación de proxectos de I+D+i vencellados á enerxía, tales como a eficacia produtiva dos aeroxeradores, o aforro no consumo primario de enerxía, o tratamento de residuos forestais, o rendemento da colza ou o xirasol na nosa climatoloxía ou a aplicación do hidróxeno en sectores prioritarios da economía galega.
A estrutura do INEGA componse de dous departamentos e seis áreas; en ningunha delas noméase a investigación e o desenvolvemento. Baviera, por exemplo, leva máis de dez anos xestionando arredor de 300 proxectos de I+D relacionados directamente coa enerxía. Galicia, como produtora importante de enerxía, está en condiciones de integrar verticalmente as fases de I+D e manufactureira das fontes enerxéticas.
En breve prazo, podemos cubrir a meirande parte do consumo eléctrico a partir de fontes renovables. O resto da produción, dirixirase a outras zonas. Galicia ten que aproveitar esta situación para captar centros técnicos e integrarse en proxectos internacionais de investigación vencellados ao hidróxeno, á enerxía eólica e ao aforro do consumo primario, entre outros campos. É fundamental amosar a visión estratéxica que nos permita aproveitar esta grande oportunidade que para o país supón a revolución enerxética no mundo.
E por suposto, haberá tamén que estar moi atentos ao proxecto ITER que se está desenvolvendo en Cadarache, Francia, e a toda canta iniciativa vaia xurdindo en relación coas fontes enerxéticas alternativas, sobre todo con aquelas cunha maior aplicación no noso territorio.
Complementariamente, creo necesario liberar algúns dos ríos galegos da presión abafante que están a sufrir, en especial naqueles casos nos que se superaron os períodos de rendibilización económica. Isto pouco ten que ver coa crise enerxética pero moito coa dignidade e co dereito colectivo sobre os recursos naturais.
Porque a enerxía debe ser xestionada como a fonte que move o mundo pero, tamén, como a ameaza que pode acabar con el.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza