Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

As letras da crise

09:11 02/02/2009

Seica os economistas están cansos de tratar con números e así apelan agora ás letras. A nova pregunta é: que forma adoptará esta crise: V, U ou L?

Os gráficos teñen a virtude de amosar de forma, iso, gráfica, ou sexa, a de ilustrar, unha realidade normalmente expresada de maneira textual. Traducindo á inversa, unha crise en V sería aquela de rápida recuperación, normalmente dun ano; a crise en U sería aquela que remansa unha vez se produce a caída da produción, probablemente arredor de tres anos; e finalmente, a crise en L é aquela na que, tras unha redución forte da actividade económica, se abre un período longo, máis de cinco anos, de inactividade.

Existe unha certa equivalencia entre estas formas gráficas e os chamados (e ultimamente deostados) ciclos económicos. Fálase así do ciclo curto ou de Kitchin ó período de tres-catro anos tralo cal se produce unha corrección do crecemento acelerado propiciado, normalmente, por unha forte presión da demanda sobre a oferta e a consecuente suba dos prezos. O ciclo medio ou de Juglar adoita acontecer cada oito-dez anos e procede, tamén habitualmente, dunha gran facilidade de crédito que conduce a un exceso de endebedamento, o cal á súa vez xera unha burbulla no valor dos activos e a un problema posterior de insolvencias e impagos. Este ciclo, loxicamente, esixe un período máis longo de recuperación. Por fin, temos o ciclo longo, que sucede cada corenta-cincuenta anos segundo Kondratieff, e que se corresponde cunha revisión do modelo económico de crecemento pola variación dalgún dos seus elementos esenciais como podería ser nalgún momento, por exemplo, o esgotamento das principais fontes de enerxía. Ademais destes ciclos económicos xerais, subsisten ciclos sectoriais entre os cales quizais o ciclo da construción, dunha duración estimada de vinte anos aproximadamente, sexa un dos máis estudados. Por último, os ciclos poden ser globais ou rexionais, é dicir, poden atinxir ó conxunto da economía mundial, a unha parte concreta do planeta ou a un país específico.

A maioría dos gobernos, bancos centrais, organizacións multilaterais coma o FMI ou institutos de investigación, limítanse a achegar previsións a doce meses as cales revisan cada trimestre, sempre á baixa ultimamente. Se o pensamos ben, ¿non significa isto asumir que a economía é un fenómeno determinista, que se faga o que se faga, as variables económicas evolucionan á tenza do ciclo vixente en cada momento? Se así for, que máis terían as decisións a tomar e as medidas a implantar? De feito, que máis tería a política dun goberno ou doutro, a orientación dunha liña estratéxica ou doutra na dirección contraria? ¿Por que as previsións non contemplan os distintos escenarios en función das políticas a adoptar?

O determinismo conduce irremediablemente, ben ó derrotismo, ben á irresponsabilidade. Temo que o goberno español optou por esta segunda ecuación: está convencido de que “o que teña que vir, virá” así que se limitan a propugnar medidas de curto prazo, efectistas, de impacto nulo cara á competitividade e á mellora dos factores básicos de futuro como educación, eficiencia, mercados exteriores e innovación.

Coido que chegou o momento de mollarse. Velaquí a miña opinión: a economía española e, por proximidade, tamén a galega, atópanse nunha crise en forma de U, de ciclo medio. A implicación desta crise nunha contorna global máis a coincidencia coa fin do ciclo inmobiliario, nesta ocasión especialmente incisivo, van provoca-la extensión da parte chá dese U. Por iso é dunha gravidade extrema que o goberno español continúe coa adopción de medidas de curto alcance, coa aplicación dunha política en V. V de votacións (inminentes) e de (falta de) vergonza.

3,58/5 (19 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións