Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O dereito a vivirmos en galego

09:32 18/05/2009

Teñen os galegofalantes os mesmos dereitos cós castelanfalantes? Velaí unha das dúas cuestións clave de calquera política lingüística a desenvolver no País. A outra sería a evolución do número de cidadáns que deciden utiliza-la lingua galega como instrumento habitual de comunicación. Neste artigo, escrito ás portas de celebrármo-lo Día grande das Letras, centrarémonos na primeira cuestión.

A semana que termina resultou cumprida en trámites e xestións os cales se foron inserindo entre as angueiras cotiás coa naturalidade que se deriva do exercicio de calquera dereito ou obriga cidadáns. Xuntaremos eses trámites nunha soa xornada intercalándoos coas angueiras diarias a fin de reproduci-lo que podería ser unha xeira completa en torno ó uso do idioma en Galicia.

Así pois… Erguinme ó son dun espertador cuxas funcións operan en castelán. Almorcei escoitando unha emisora dun dial onde dispoño dunha canle en galego e máis de vinte en castelán. Ducheime, mudeime, saín á rúa e camiñei arrodeado de letreiros, carteis e mensaxes escritas, calcúlolle, nun 90% en castelán. Empezo a cumpri-los meus deberes laborais nun centro de traballo onde absolutamente tódolos manuais, formularios, normas, contratos, instrucións operativas, comunicacións internas, xuntanzas e presentacións se desenvolven en castelán. A media mañá, tomo un café ó tempo que leo a prensa do día podendo escoller entre oito periódicos nos que a presenza do castelán abrangue en torno ó 99% dos contidos. Achégome á Delegación de Facenda para responder un requirimento; presento as alegacións en galego sendo atendido en castelán ó tempo que a funcionaria vai traducindo o meu texto tamén a castelán para pasalo ó expediente (verídico). Regreso ó devandito centro de traballo cuxos equipos, ferramentas e aplicacións tamén funcionan só en castelán. Vou xantar a un restaurante próximo onde o menú se ofrece exclusivamente en castelán; pido robaliza e o camareiro non me entende. Achégome ata a notaría para ver se por fin podo recolle-lo testamento trala chea de borradores fallidos por mor da miña inaudita solicitude de te-lo documento en galego; o texto final redáctoo eu mesmo (tamén verídico). Volta ó centro de traballo onde as cousas respecto da lingua non mudaron, naturalmente. Saio, chego á casa e collo a correspondencia que mestura publicidade en castelán e algunha carta. Unha procede dun hospital do Servizo Galego de Saúde; esta ábroo xa no ascensor. Corresponde coa contestación a unha queixa presentada por min ante o que considerei unha mala atención no Servizo de Urxencias; reclamación escrita en galego, resposta recibida, atención!, en castelán. Collo a bolsa de deportes e marcho para un centro municipal onde a atención persoal, a sinalética e as actividades se expresan enteiramente en castelán. Regreso e, mentres ceamos, prendémo-la televisión onde podemos escoller entre unha canle en galego e o resto en castelán, incluída a local. E remata o día coa lectura dunha escolma de relatos de Elena Poniatowska… felizmente traducidos ó galego por unha editorial do País.

Dereitos civís
Cada quen ten os seus intereses e defende as súas posicións, lexítimas seguramente. Xentes coñecidas amosan a súa resistencia á normalización do galego na nosa sociedade tal como poñen publicamente de manifesto xa sexa a través de artigos, declaracións ou mesmo cartas editoriais, querendo trasladar ás autoridades a súa visión do galego como lingua secundaria. Perfecto, as opinións son sempre respectables. O que xa non se entende nin se pode admitir é que os castelanfalantes traten de impedi-lo exercicio do dereito básico dos galegofalantes a empregármo-la nosa lingua. A condición cidadá de ámbolos dous colectivos debe artellarse en equivalencia ante a lei, ante as distintas administracións, ante a contorna e o contexto comúns e ante os servizos públicos. O galego debe acadar canto antes unha posición legal e funcional equitativa ó castelán. É a única maneira de garanti-la igualdade de dereitos duns cidadáns e dos outros. Estamos a falar dos alicerces democráticos, dunha esixencia irrenunciable e elemental desta sociedade onde unha parte importante está a ser discriminada en función da súa lingua. Vai sendo hora de corrixi-la situación. 

Unha última valoración: non coñezo a ninguén que se opoña ó uso e presenza pública do castelán en Galicia. Porén, a cotío ponse en cuestión calquera iniciativa para facer vale-los dereitos dos galegofalantes.  E no medio, o Goberno...

4,54/5 (48 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións