Gastar cartos é sinxelo. Administralo resulta máis difícil. Investilo xa se torna un arte. Cal é a función esencial dos poderes públicos? Gastar, administrar, investir? Habería ser consegui-lo ben común a través da xestión dos fondos públicos.
A crise actual está a recibir moitos e variados cualificativos: dende poliédrica ata multicausal, dende apocalíptica ata prefundacional. As análises e os plans inzan os espazos informativos e os despachos de técnicos, autoridades e institucións. O escenario semella dunha complexidade inédita e o que onte parecía válido, hoxe semella disparatado. As políticas e as medidas discútense, interprétanse e son obxecto de opinións chegadas dende tódolos currunchos. Así é, a cousa está complicada, e sen embargo…
Unha das medidas estrela do goberno español foi a creazón do chamado Fondo Estatal de Investimento Local, cun orzamento de 8.000 millóns de euros. Para que se fagan unha idea máis próxima, o equivalente en pesetas ascende a 1,3 billóns de pesetas. E un pensa que ese billón folgado de pesetas daría para grandes investimentos, proxectos capaces de xerar miles de postos de traballo sostible, de reforza-la competitividade da economía española, de completa-las infraestruturas pendentes, de actualiza-la dotación tecnolóxica dos sectores menos desenvolvidos, de multiplica-lo seu efecto como consecuencia da dinamización do tecido económico da contorna beneficiada… Ou que, alternativamente, suporía a racionalización de servizos públicos básicos para resolve-lo arcaico e nefasto funcionamento de áreas como a xustiza ou a sanidade.
A situación da Xustiza en España acadou un grao tal de deterioro que resulta, nestes momentos, un dos principais atrancos para garanti-la convivencia pacífica na sociedade. Que ninguén se sorprenda: a situación é insostible! O estado da Sanidade en Galicia roza o esperpento. Os servizos de urxencias están completamente colapsados, os doentes reciben un tratamento propio do Terceiro Mundo (isto podo confirmalo con experiencias propias contundentes), as esperas tanto para o diagnóstico como para as intervencións cirúrxicas son simplemente inaturables. A dexeneración deste servizo esencial é continua e progresiva.
Co investimento de, poñamos, 4.000 millóns de euros, resolveríase o colapso da Xustiza. Como? Incorporando persoal (efecto sobre o desemprego), mellorando equipamento e instalacións e transformando por completo os procedementos hoxe en día baseados nos papeis e no labor manual para pasar a sustentalos sobre tecnoloxía e procesos electrónicos e dixitais. Para a Sanidade, unha receita similar. En Galicia témo-lo exemplo da Historia Clínica Electrónica, un proxecto que aínda non deu resultados pero que non habería ser considerado, nin moito menos, coma un punto final senón coma un encabezamento do gran Plan de automatización e dixitalización da sanidade galega inexistente.
Actuacións como as apuntadas no parágrafo anterior suporían o aumento notable de postos de traballo de diversa natureza (médicos, persoal auxiliar, tecnólogos, enxeñeiros, técnicos…), a mellora dun servizos actualmente en estado lamentable e un factor multiplicador sobre o sector da tecnoloxía. Porén, o goberno español decidiu investir 8.000 millóns de euros en proxectos rápidos (velaquí a relación completa) sen capacidade para a dinamización económica senón como mero substituto do seguro de desemprego. Xa o facían as antigas economías da Europa do Leste, co coñecido efecto sobre a súa produtividade xeral.
Así pois, o goberno Zapatero vai destinar millóns de euros a campos de rugby, bares, pombais, pistas de pádel, recubrimentos de herba artificial e autobombo (43 millóns para publicidade!). Iso sí, o 1,7% para protección do medio ambiente e o 0,7% para promoción industrial. Xa diciamos que gastar cartos era sinxelo, pero administralos… tampouco parece tan complicado!
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza