Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

Xuventude: moeda de cambio

11:01 21/06/2007

Asistíamos en días pasados, unha vez coñecido o resultado das eleccións, ó inicio das negociacións entre os distintos partidos políticos que non acadaron maioría absoluta, substancialmente, entre o PSdeG-PSOE e o BNG, e, en menor medida, partidos independentes e o mesmo PP.

A min resúltame cando menos interesante seguir o proceso destas negociacións, nelas pódese ver cales son as propostas programáticas de cada partido, en cales son capaces de poñerse dacordo e en cales non, o reparto de áreas en función dos intereses de cada partido…

Supoño que por “deformación profesional” tendo a fixarme que pasa coa concellería ou área de mocidade, sempre esperando ver unha loita encarnizada por levar este departamento entre os distintos partidos, con miles de propostas para a xuventude do seu concello. Non é para menos, os mozos e mozas sempre somos unha parte importante do discurso dos políticos, todos van a traballar para mellorar as nosas condicións de vida, para que non teñamos que marchar do noso pobo ou cidade, para que poidamos acceder a unha vivenda digna…

Mais unha vez pasada a contienda electoral ningún partido se acorda de nós.. Pelexase por Urbanismo, (quero supoñer que o motivo é que todos queren darlle unha volta de torca ás políticas urbanísticas e apostar por un urbanismo racionable e sostible), por Facenda, por Obras, por Servizos Sociais… pero…por xuventude? O departamento de mocidade, salvo contadas excepcións, só serviu como moeda de cambio entre os distintos partidos políticos nestas eleccións, sempre formaba parte da proposta que lle facían ó socio, ó outro…

Estrela?
Claro que non sei de que me extraño, esto sempre é así, non só pasa nos concellos, igual pasou na Xunta de Galicia. Os tres partidos que hoxe teñen representación parlamentaria tiñan á mocidade no centro dos seus discursos, eramos unha parte importantísima da sociedade, había que darnos máis participación, ternos máis en conta…bla,bla,bla… En cambio, analicemos o tema:

O PP estivo 16 anos gobernando na Xunta. Durante os mesmos a Dirección Xeral de Xuventude bailou de consellería en consellería dependendo do conselleiro/a de turno; primeiro estivo na Consellería de Cultura, despois na C. de Presidencia, logo na C. de Familia, onde quedou, aínda que, eso sí, subíu de nivel e a Consellería pasou a chamarse de Familia, Muller, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Pero iso sería o menos relevante de terse feito algo máis nesa dirección xeral que políticas de ocio e tempo libre para a mocidade. Política para a xuventude, pero sin a xuventude.

O PSdeG-PSOE, moitos anos na oposición. Reclamando que mudasen as políticas de xuventude do PP, presentando proposición de lei de xuventude…prometendo que cando eles gobernasen a xuventude tería o protagonismo que merecía…e, ás primeiras de cambio, nos pactos de goberno que levaron a Touriño á presidencia da Xunta, cedeulle mocidade ó BNG sin pensalo nin un minuto. Igualmente, a mocidade, moeda de cambio.

O BNG,o partido que, segundo din eles, mellor conecta coa mocidade galega. Recordo na campaña electoral, no seu programa, nos debates de radio…a súa proposta estrela: facer do departamento de xuventude unha secretaría xeral dependente da Presidencia da Xunta de Galicia co gallo de facer desta unha área transversal nas políticas do goberno galego. Finalmente: nin secretaría xeral,(dirección xeral); nin dependente de Presidencia, senón de Vicepresidencia. Transversalidade? A mesma que cando gobernaba o PP. Sigue sendo, básicamente, ocio e tempo libre.

Política coa mocidade? Aínda queda moito para iso.

En resume, en campaña electoral somos a estrela invitada, máis á hora da verdade pasamos de estrela a estrelados contra a hipocresía dos partidos políticos con respecto á mocidade.

2,55/5 (49 votos)



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...