Cada día teño máis claro que os grupos políticos non acertaron á hora de propoñer e votar o Valedor do Pobo.
Non empezou ben a súa andaina facendo unhas declaracións sobre a nosa lingua que poderían merecer moitos cualificativos salvo o de afortunadas.
Non é a idea que eu teño do que debe ser o Valedor do Pobo, non é propio desta institución que o seu titular faga declaracións como as que fixo sobre a lingua galega, sobre todo porque creo que estas non coinciden co que pensan maioritariamente os galegos.
O señor López debe ser un destes personaxes que cando chega a un cargo público gusta de saír en todos os sitios, de xerar polémicas coa única intención de ver a súa foto nos xornais, porque se non, non o entendo.
Logo desas primeiras e desafortunadas declaracións, viñeron outras non menos graves. O Valedor pensa que non é necesario que a Xunta de Galicia xestione as competencias de tráfico, tema mediático por excelencia nas últimas semanas.
Para unha vez que os grupos políticos están de acordo en algo, ten que saír o Valedor a opinar o contrario. E digo eu, case parafraseando o Presidente da Xunta de Galicia, pero de xeito máis informal, a este home quen lle deu vela nese enterro?
Queixas de oficio
E como non hai dous sen tres, esta semana atopo que o Valedor tramita dúas queixas de oficio ante o Concello da Coruña e unha no Concello de Santiago polo tan traído e levado tema do botellón.
Empezo a pensar que é un problema de ego, pois neste tema concreto existe unha preocupación da Administración local, e mesmo da Xunta de Galicia, polo conflito que o botellón xera nalgunhas cidades.
Supoño que a interpretación que se lle debe dar a esta actuación é que intenta defender o dereito dos veciños a descansar. O que me pregunto é, quen defende o dereito ó ocio da mocidade? Quen defende as mozas e mozos galegos da criminalización que están sufrindo por parte dalgúns medios de comunicación? Por que non se dedica a poñer sentido común a todo este tema en lugar de botar máis leña ó lume?
E é que neste tema concreto un dos sectores implicados, como é o da mocidade, é o que está máis desvalido. Ou alguén contou con nós en todo este tema? Alguén nos fixo partícipes da busca da solución? Alguén nos preguntou por que facemos botellón? Alguén se cuestionou por que os adultos teñen dereito a usar os espazos públicos e ós máis novos se lles restrinxe este uso? Ou é que neste país só bebemos os mozos e mozas, só nós facemos ruído ou só nós temos carencia de educación ambiental?
O neno no bautizo
Non quero frivolizar con este tema, porque entendo que hai que conciliar o dereito dos veciños a descansar co dereito da mocidade a divertirse. O único que digo é que ninguén está contando con nós, coa mocidade, á hora de buscar posibles alternativas.
E tampouco conta con nós o Valedor do Pobo. A impresión que dá é que quere ser o neno no bautizo, o noivo na voda e o morto no enterro. E non creo, sinceramente, que ese sexa o seu papel.
En fin, por se tiñamos carencia de superheroes en Galicia, nace o Supermán Galego, Benigno López, a salsa de todos os guisos.
Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »