O domingo regresei de París dunha viaxe na que compartín un par de días con descendentes de galegos e galegas que un día tiveron que emigrar en busca dun mundo mellor, ou simplemente en busca da supervivencia.
Os 21 eran mozos e mozas que non pasaban dos trinta anos, só dous deles naceran en Galicia, os demais naceran noutros países: Alemaña, Francia, Suíza, Holanda…
O primeiro que se me fixo raro é que cando os escoitei falar tiñan un acento galego… coma se nunca saíran da nosa terra. Ademais, cada un reproducía os trazos do bloque dialectal ó que pertencía. Non daba creto que rapaces e rapazas que naceron, viviron e viven noutro país foran capaces de manter ese galego tan noso, tan…galego, sen un chisco de contaxio de acento alemán ou francés.
O segundo que me sorprendeu foi o coñecemento que tiñan sobre Galicia. Sobre a Galicia actual. Eligio, un holandés nacido en Urdilde, falábame da autovía Santiago-Brión coma se todos os días pasase por ela para ir ata Santiago, e do corredor que ían construír e mesmo dos distintos posicionamentos sobre a variante de Noia…
Logo descubrín que tiñan un amplo coñecemento sobre a cultura tradicional e actual galega. Case todos sabían tocar a gaita galega ou a pandeireta, e ata co sacho facían música… Mesmo sabían máis do que sabemos moitos que vivimos en Galicia.
Abraiada quedei cando preguntándolles de onde eran o que respondían non era Zurich, Nüremberg ou Xenebra, senón Verín, Guitiriz ou O Carballiño.
Algúns querían “volver” a Galicia. Volver? Pensaba eu… Como se volve a un lugar do que nunca marchaches? Que errada estaba, Galicia é o seu lugar, o seu país… Son holandeses porque naceron en Holanda, porque viviron alí… pero eles séntense galegos e galegas, por iso non din que queren vir, senón que queren volver, porque a nosa terra tamén é a súa.
Levan tan dentro a Galicia… se non o vise cos meus propios ollos non o crería. E non só iso, son os mellores embaixadores do noso país.
Ialma Música, por exemplo, que vai polo seu terceiro disco, cinco rapazas descendentes de galegos e galegas, que crearon un grupo e cantan en galego… en Bruxelas… e en todo o mundo…
O certo é que me quedou un regusto amargo ó rematar a fin de semana, un regusto como de culpabilidade. Porque cando estaba con eles, que se sentían tan galegos coma min, cando compartía risas, conversas e música con eles dábame conta da ignorancia na que vivimos as mozas e mozos galegos de que existe outra mocidade, que sente a nosa terra tanto coma nós, á que nunca temos en conta porque para nós non existe.
Suízos galegos, alemás galegas, franceses galegos, belgas galegas… tan galegos coma nós.
Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »