Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

30426 e memoria histórica

11:00 13/12/2007

Causa número 30426. Só isto xustifica a Lei de memoria histórica. É o número de causa que tiña o proceso seguido contra 57 persoas acusadas de pertencer ás Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) ou ó Partido Comunista de España.

A Lei da memoria histórica, que ben podería chamarse da xustiza histórica. A lei que lles pon nome ós esquecidos, ós perdedores, ós condenados, ó esquecemento durante décadas.

A lei que lles pon nome a trece mulleres que loitaron pola liberdade; a lei que recorda o nome das Trece rosas.

A Lei de memoria histórica que lles pon voz a  Pilar Bueno Ibáñez, condenada por formar parte do Comité Provincial das JSU e por organizar a sección feminina destas; a Virtudes González, por colaborar na tarefa; e a Joaquina López Laffite polo seu cargo de secretaria feminina e de secretaria xeral.

Que lles pon voz a Carmen Barrero Aguado, por confeccionar un plan de traballo para a sección feminina; a Dionisia Manzanero por ser enlace entre diferentes membros das JSU; ou a Anita López Gallego por formar parte das JSU e participar nas súas actividades; o mesmo que Antonia Torres Llera, Victoria Muñoz García ou Elena Gil Olaya.

Que lle pon voz a Luisa Rodríguez de la Fuente, a quen lla roubaron por ser xefa duns dos grupos das JSU.

Que lles devolve a dignidade que un día lle roubaron a Blanca Brisac Vázquez e Adelina García Casillas, condenadas por intervir en traballos de organización e actividades das JSU.

Unha Lei de memoria histórica que recoñece a dignidade de Julia Conesa, condenada por vender billetes do tranvía naquel Madrid que se resistía á ocupación das tropas franquistas.

Dende aquel 5 de agosto do 1939  Julia, Blanca, Carmen, Virtudes... permaneceron non só no esquecemento dos cemiterios senón no esquecemento da memoria dos vencedores. Quixeron borrar non só da historia senón tamén da memoria a aqueles que morreron defendendo as súas ideas.

Herdeiros dos vencedores
E os herdeiros dos “vencedores”, algúns ós que se lles enche a boca falando de dignidade, de xustiza ou de liberdade cando se refiren ás vítimas de ETA, ás que tamén lles quitaron a voz por pensar diferentes, eses, os mesmos, argumentan que non se poden desenterrar os mortos nin reabrir vellas feridas.

Reabrir? Pero quen pechou esas feridas? Si, durante moitos anos o réxime botoulle terra enriba, pero canta terra se necesita para non sentir os latidos do corazón daquelas que esperaban non escoitar o seu nome nas noites de “saca” na prisión das Ventas? Canta para non imaxinar a dor de Elena, de Victoria ou de Anita cando lles aplicaban correntes eléctricas en peitos, pulsos e dedos de pés e mans? Canta para non escoitar os berros das trece rosas inmediatamente antes de ser fusiladas? Canta para non sentir como esvaecían os corpos de trece mulleres tras os disparos da inxustiza?

Reabrir? Non se pode reabrir o que nunca se pechou, o que viviu no corazón dos seus familiares, na memoria dos seus compañeiros e camaradas.

Reabrir? Non. Esta lei non gaña unha guerra que perderon os que defendían un goberno lexítimo, esta lei non gaña a guerra que perderon os que non a empezaron.

Pero a aqueles que a empezaron, ós que baixo a súa bota someteron todo un pobo non lles gusta, non vaia ser que perdan a guerra que un día gañaron inxustamente, non vaia ser que a memoria os poña no lugar que merecen.

Non. Esta lei dá voz e xustiza, esta lei pon a cada quen no lugar no que debeu estar.
 
É o mínimo. Porque ningunha lei nos devolverá os asasinados, ningunha lei enxugará as bagoas que verteron as nais das fusiladas, ningunha lei lles devolverá os anos perdidos que estiveron no cárcere ou no exilio… Ningunha lei lles devolverá a vida nin a palabra, pero cando menos recoñeceralles a loita pola democracia, recoñeceralles a valentía, recoñeceralles a dignidade que moitos intentaron que esquecésemos.

Unha lei que cumpre, tarde, pero con xustiza, aquilo que Julia Conesa lle pedía á súa familia naquela última carta escrita poucas horas antes da súa execución: “Que mi nombre no se borre de la historia”.

Un pequeno homenaxe a Julia, Virtudes, Anita, Joaquina, Blanca… ás trece… e ós miles de treces que deixaron a vida defendo a liberdade.

2,71/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...