Fogar de Breogán, ese debería ser o lugar común de tódolos galegos e galegas. Alí onde confluira o sentirse galego a súa maneira que cada un temos.
Mais non, desgraciadamente sucede todo o contrario. Novo enfrontamento no fogar de Breogán, esta vez a causa do himno, o himno de Galicia.
Eu ás veces penso que hai determinados políticos que teñen adicción ós medios de comunicación, gústalles saír, estar na boca de todos. E dígoo porque determinadas propostas xorden así, un día, sen máis, como cando, de súpeto, sacamos un coello da chisteira.
Esto é o que me parece que pasou co tema do himno. Un día o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acordouse que en decembro se cumprían cen anos da primeira vez que foi recitado, alá en Cuba, e deulle por dicir que os rapaces e rapazas tiñan que estudialo nas galescolas.
A min paréceme ben que os nenos coñezan o himno, non sei si un rapaz de 3 anos ten a suficiente “madurez” como para iso, pero, en calquera caso, paréceme normal que se traballe con el nas escolas infantís, pois sempre é positivo que os rapaces galegos se familiaricen con algo que forma parte da súa cultura.
Agora ben, formular esto case como dogma de fe, que é o que fixo Quintana, xa me parece demasiado. É que ademáis é tan evidente que é froito da improvisación que asusta. Imos ver, Vicepresidencia, responsable das galescolas, negociou coa Consellería de Educación o Decreto polo que se establecían os contidos de estudo na etapa de educación infantil, e en ningún momento propuxo de maneira directa o tema do himno. Si supoñemos, como defende algunha xente, que eso xa se contén no Decreto cando fala de coñecer os símbolos e a cultura galegas non entendo esta polémica dende ningunha óptica; e si, polo contrario, entendemos que non está contemplado dentro diso, por qué non o planteou Vicepresidencia no seu momento? Non se pode gobernar un país dende a improvisación.
No caso contrario
Reflexionando sobre isto, e xa digo que a min non me parece mal, o que me pregunto é: que lle parecería a Quintana que o Estado, cando fixa os contidos mínimos dalgunhas asignaturas, fixase, por exemplo na de música, que os rapaces españois teñen que aprender a tocar o himno de España dende pequenos? Pensaría o mesmo que manifesta con respecto ó himno galego?
Ou si o himno español tivese letra, apoiaría Quintana que os rapaces o coñecesen ó mesmo tempo que ó galego? Neste mesmo senso, apoiaría Rajoy para o himno español o mesmo que critica para o galego?
Sobre a estupidez do diario El Mundo con respecto ó noso himno creo que se comenta por sí soa. En calquera caso creo que se resume no propio himno: “non nos entenden, non”.
Xa para rematar paréceme que Quin estivo pouco áxil nesto do himno, mágoa que non se lle tivese ocorrido antes, podería telo presentado ó concurso de Vieiros “A polo ghit” para escoller a mellor canción do verán. Si ademáis lle poñía voz “Superpiñeiro” de seguro que hoxe todos estaríamos gozando ó son de “Os Pinos” soando por doquier nos centos de festas que cada verán se celebran no noso país, tamén nas que organiza a Vicepresidencia. Aí, Quin, faltouche un verán.
Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »