Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

Alalá

09:30 21/08/2007

Alalá é un programa da Televisión de Galicia adicado á música tradicional galega. Un programa marabilloso que percorre Galicia de punta a punta descubríndonos sons case olvidados polo paso do tempo e historias e tradicións que sobreviven neste noso país gracias á memoria da nosa xente.

Un programa que pretende recuperar a nosa Galicia, o que fixo que hoxe sexamos como somos, unha viaxe ó pasado que nos rescata como galegos e galegas no presente.
 
O outro día, por exemplo, descubrín a Malvela, un grupo de mulleres de Mos, que, despois do seu traballo se reunían polas noites a ensaiar e que acabaron gravando un disco. Recoméndovolo, soa marabillosamente.
 
Para min, este é un dos programas que simbolizan o cambio na TVG. É un dos que contribue a que pasemos dunha televisión de pandereta a unha televisión pública, que dea servizo ós cidadáns e cidadás.
 
Mais non é o único. Agora, por fin, temos un programa de debate na televisión pública, o “Hai Debate”, que nos permite ver ós representantes de todos os partidos unha vez á semana falando de temas de actualidade. É unha maneira máis de achegar a política e as institucións ós cidadáns,e, ademáis, contribúe a consolidar a democracia. Un programa impensable na anterior etapa.
 
Tamén mudaron bastante os informativos. Agora podemos escoitar á oposición, as súas propostas e as súas críticas, igual que escoitamos ó goberno. Non sei para vós, pero para min é un cambio importante, antes non viamos a ninguén do PSdeG nin do BNG nin por aposta. Faime gracia cando escoito ós do PP protestando porque saen pouco no telexornal. Non se deben acordar da súa etapa, na que a oposición non é que saíse pouco, é que non saía.
 
Iso sí, pasamos de ter a Fraga ata na sopa, a ter a Touriño e a Quintana facendo declaracións, inaguracións e actos varios por doquier.
 
Creo que outra das mellares cousas que ten a TVG son as series de producción galega. Empezaron, hai xa uns anos, co clásico “Mareas Vivas”, serie de moito éxito, e seguiron con outras como “Terras de Miranda”, “Libro de Familia” ou “A vida por diante”, todas tamén con notable éxito. Supoño que é porque son ficcións onde nos podemos ver reflexados unha grande parte dos galegos e galegas, que falan de cousas que suceden ó noso redor, e nas que mesmo os nomes dos personaxes podemos identificalos cos dos nosos veciños, cousa que non pasa nas series españolas, que, ás veces, falan de realidades totalmente alleas á galega.
 
Pero tamén quedan aínda moitas cousas por mudar. Queda, por exemplo, a máis importante, que tal e como se prometeu en campaña, e como xa se fixo a nivel español, o director da Compañía da Radio Televisión de Galicia se elixa no Parlamento de Galicia(A ver si temos mellor ollo que co Valedor do Pobo) por maioría cualificada. Que sexa un director ó servizo dos cidadáns e non ó servizo do Goberno de turno. Esperemos que se aborde no seguinte período de sesións.
 
E logo hai cousas que, cando menos, chaman a atención. Que se siga emitindo LUAR, tremendamente criticado por algúns dos que hoxe están no goberno(Ollo!, eu creo que non debería suprimirse, pois a súa audiencia demostra que é un programa do que gusta moita xente, e que colabora na difusión da cultura e da música galega). Ou que un dos presentadores ós que tamén lle choveron críticas abondas, agora teña programa propio e sexa, ademáis, acompañante fiel do Vicepresidente da Xunta nas Festas dos Maiores. Si, sí, esas coas que o PP pretendía enganar ós nosos maiores, segundo o BNG, pero que agora se adica a potenciar o número dous da Xunta. En fin, cousas veredes.

2,76/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...