Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

O purismo do BNG

11:32 27/11/2007

Pasamos anos escoitando falar a dirixentes do BNG en termos de limpeza, transparencia, purismo... e xa vai sendo hora de poñer a cadaquén no seu sitio. Primeiro, que nin o BNG nin ningún partido pode dicir “desta auga non beberei”, e ós feitos me remito. Segundo, que non se pode predicar na oposición unha cousa e despois chegar ó goberno e facer xustamente o contrario.

Unha parte dos dirixentes do BNG van de puros, de que son os máis demócratas, os máis de esquerdas, os máis galegos, os máis progres os mais… os máis… os máis… sempre os máis…

Mais parece que todo iso o esquecen cando pisan moqueta, cando se sentan en coches oficiais, cando se ven no palco de autoridades…

E digo isto por tantas cousas que non caberían nun artigo.

Imos ver, os nacionalistas galegos, todo o día reclamándolle competencias ó Estado, dicindo que os servizos se xestionan mellor dende a proximidade. Discurso co que estou de acordo, aínda que ten matices. Iso si, cando lles toca aplicalo a eles mesmos éche outro cantar: están montando unha rede pública de servizos sociais paralela a dos concellos en lugar de colaborar con estes na prestación destes servizos; un bo exemplo son as famosas oficinas de I+B. E un exemplo mellor aínda é o esperpento que montaron durante meses situando os informadores da Lei de dependencia en lugares “tan propios” como as oficinas de Extensión Agraria, onde casualmente traballaba como funcionario o voceiro municipal do BNG (Becerreá sen ir máis lonxe).

Será que os servizos sociais non se xestionan mellor dende a proximidade? Será que non cren na capacidade dos concellos para xestionar os servizos sociais? Ou será unha nova maneira de montar unha rede clientelar como as que tanto lle criticaban ó PP? Onde está ese municipalismo do que falaba o BNG durante os gobernos de Fraga? Éche boa verdade que cada galiña escaravella para si.

Por non falar da limpeza democrática que viñeron reclamando durante anos nos diferentes procesos selectivos que convocaba a Xunta de Galicia e dos que están a facer unha mala fotocopia.

Procesos de selección
Como se contrata a xente das galescolas? Pode ser máis arbitrario o procedemento? Cunha entrevista persoal que supón o 21,05 % de puntos do total das probas de acceso e na que os criterios obxectivos brillan pola súa ausencia.

E a do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, no que sacaron dúas prazas ás que se presentan as persoas que xa as ocupan, e que xa ocuparon prazas en distintos tribunais do Consorcio. Soa un pouco raro, non?

E o que xa me pareceu o colmo estes días foi o tema da FEGAMP. A verdade é que estes do BNG sempre fan igual, “ou nós ou rompemos a baralla”. Y ahora me enfado y no respiro, igual que os rapaces cando collen unha perrencha.

Reproduzo textualmente o que di o pacto de goberno PSdeG-PSOE-BNG:

«Impulsar que a presidencia da Fegamp sexa rotatoria ao longo de cada mandato, asumindo esta, en quendas de igual duración, candidatos/as promovidos por cada unha das tres grandes forzas políticas de Galicia.»

Ben, este era o parágrafo que segundo o BNG os socialistas estabamos a traizoar optando á presidencia da FEGAMP e non facendo quenda rotatoria con eles. E digo eu, non se le claramente que fala das tres grandes forzas políticas de Galicia? Se o PP di non, os tres pasan a ser dous e non cumprirían a letra do acordo. Outra cousa é que os nacionalistas interpreten o artigo segundo lles pete, pero o que pon, pono ben clariño e fala das tres forzas políticas.

Iso por unha banda. E por outra, cantos concellos goberna o BNG para sentirse lexitimado para presidir a FEGAMP? Ás veces tamén hai que mirar un pouco para un mesmo, máis que nada para non esquecer a realidade na que un se move.

E xa me parece o colmo que os do BNG, en plena perrencha polo tema FEGAMP, nos acusen de aliarnos co PP. E non son eles, os que van de puros, os que gobernan co PP en Muros??? Serán dos que ven a palla no ollo alleo e non ven a viga no propio.

E para rematar, só unha cousiña: coa vara que midas, hante medir.

2,58/5 (65 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...