Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

Circo político en Navarra

11:40 21/07/2007

Hoxe quero falar da situación política de Navarra tralas últimas eleccións autonómicas. Gustaríame opinar sobre como se está convertendo o que tiña que ser un pacto político pensando nos cidadáns de Navarra nun caseque circo político que non beneficia a ninguén, moito menos ós cidadáns navarros que o pasado 27 de maio acudiron ás urnas a expresar a súa opinión.

Milito nun partido político, o Partido Socialista,e fagoo porque son e síntome socialista, aínda que non sempre coincida con todas e cada unha das decisións que toma. E así como o digo e me felicito do que considero que está ben, creo que, para ser honesta, non debo obviar aquelo que non me gusta. E, neste caso, sempre dende a cautela e case dende a ignorancia con respecto a Navarra, cos seus cidadáns e coa súa situación política, e só dende un punto de vista persoal e de simpatía por este pobo, non comparto a actuación dos meus compañeiros e compañeiras socialistas navarros.

Os cidadáns navarros déronnos a posibilidade de constituir gobernos de progreso en Navarra ó quitarlle a maioría absoluta a UPN. Dixéronlle ó PP, co seu voto, “ata aquí chegamos, basta de mentiras”. Non creron nos pronósticos catastrofistas de que o que pretendiamos era que Navarra non fose España nin en cousas polo estilo que o PP se dedicou a dicir en precampaña e campaña electoral e baseándose nas cales incluso convocou unha manifestación. É responsabilidade nosa, e dos outros partidos, traballar para que se cumpra a vontade do pobo navarro. E, ó meu xuízo, non estamos cumprindo.

Aínda que levou tempo, fomos capaces de sentar as bases programáticas de cara a un futuro goberno de progreso nesta comunidade logo de tantos anos de goberno da dereita. Un acordo no que NaBai firmou respetar o modelo institucional e constitucional de Navarra, a pesar de ser un dos seus postulados políticos fundamentais unha consulta ós navarros sobre a posibilidade de anexión con Euskadi, posiblilidade, por outra parte, recollida na tan traída e levada Constitución Española. Un acordo pensado en Navarra, para os cidadáns navarros, e que tiña no punto de mira as políticas sociais.

E partir de aí, xa case todo me parece un cachondeo, e desculpade pola expresión. Primeiro, o PSN obtería a presidencia de Navarra, pretendendo tamén, a maioría das Consellerías e non respetando a proporcionalidade que dan os votos. Logo, pretendía incorporar a independentes ó goberno. E digo eu, independentes de quen? E xa o último é o do goberno de concentración. Pero acaso en Navarra non se vive nunha situación de normalidade democrática, con partidos democráticos e que respetan a democracia? Cales son as circunstancias que aconsellan facer un “goberno de concentración”? E non me vale iso de que a sociedade de Navarra é moi plural, porque é igual de plural que a de moitos outros lugares de España onde se ten chegado a diferentes acordos con diferentes ou semellantes partidos. Eu, e perdoade a miña probable ignorancia, pero é que non o entendo.

Os cidadáns xa falaron
E hoxe mesmo, cando xa estou a piques de enviar este artigo, escoito que Fernando Puras, candidato á Presidencia de Navarra, pensa que o mellor é que se repitan as eleccións. Paréceme, sinceramente, unha falta de respeto ós navarros, que terán que pagar voltando ás urnas a falta de vontade de entendemento político dos partidos políticos. Os cidadáns xa falaron, e dixeron o que pensaban, é responsabilidade dos políticos transformar esa voz en goberno. O outro, é darlle a razón ós que din que todos os políticos somos iguais, discurso que me nego a compartir.

E discrepo da súa actuación porque creo, ademáis, que esto non fai máis que facerlle o caldo gordo ó discurso do PP. Temos que facer todos os esforzos para demostrarlle ó PP que en democracia cabemos todos os que respetamos as reglas do xogo, tamén aqueles que propoñen cousas diferentes ás que nós defendemos, e incluso contrarias.

Na Bai é un partido que está nas institucións e que respeta as normas das que nos dotamos aínda que algunhas non as comparta. Un partido que ten membros que renunciaron á violencia, que din non ó terrorismo, e que optaron pola vía política para defender os seus postulados. Non é eso o que lle pedimos a Batasuna? Por qué logo condenamos a Na Bai ou a Patxi Zabaleta? Ou acaso olvidamos que Na Bai en Navarra está formado polo PNV, Eusko Alkartasuna e Aralar? Non temos xa pactado con algún destos partidos? Non só nos, tamén o PP, o que desmonta o seu hipócrita discurso.

Creo na democracia como a casa común na que todos podemos defender as nosas ideas, por moi diferentes que sexan, e defendo, sobre todo, o dereito de todo o mundo a defender, dentro das reglas do xogo, as ideas que teñen, aínda que non as comparta. Aínda que alguén me di que son unha utópica por pensar iso, non estaría en política se non tivese o convencemento máis profundo de que iso é así.

P.D: Con respecto ó meu anterior artigo, “Orgullosa de ser galega”, e para que os lectores e lectoras non confundan a mala fe dalguén coa realidade, direivos que din catro mítins nas eleccións municipais da Coruña, un deles co alcalde. En todos eles falei en galego. Creo que é algo que xa non tería nin que explicar, porque é o coherente co discurso que defendo.

2,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...