Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A patria dos números

11:00 02/08/2007

Acabamos de celebrar o Día da Patria Galega. Día da Patria Galega ou Día da Nación Galega, que Galicia é tanto patria coma nación, nación como patria. Un día de celebracións de distinto carácter e natureza segundo os partícipes dos eventos. En plena resaca (suave) de tan grande festa, o presidente do goberno galego anuncia que o paro da patria – nación caeu por debaixo do 8%.

O presidente amosouse eufórico: un 7,5% de desemprego en Galicia fronte a un 7,9% de España, cunha diminución anual do 9,7% versus o 4,2% do conxunto do Estado. Tales cifras animaron ao conselleiro de Traballo a prognosticar que o país podería acadar o pleno emprego no ano 2010.

A estatística quixo traernos un agasallo o Día da Patria Galega, tamén coñecido por Día Nacional de Galicia. Claro que os regalos desta “señora” deberíanse tomar coa debida precaución porque non sempre son o que parecen.

Galegos no exilio profesional
O Día de Patria Galega coincidimos con Ana María, quen entre cunca e prato, dábanos a noticia que ela tanto temía: casa o Migueliño. Miguel estudara Químicas e, dado que non atopaba traballo de químico, meteuse en Enxeñería Agrónoma pensando que nun país coma o noso, sempre habería sitio para un experto nas cousas do campo. Pero tampouco. Migueliño rematou en Madrid, onde leva currando seis anos. E agora que xa cumpriu os 35, casa; o que máis temía Ana María. Ela di que xa non volve.

Ana María sabe ben o que lle espera. Sábeo polo que lle pasou ao fillo da Conchita, a súa veciña de “toda a vida”. Juan traballaba na conserveira. Cansado de ter que recorrer á axuda da nai para compensar o desfase entre ingresos e gastos, decidiu coller os trebellos e poñer rumbo ao Sur. Dende entón, se a Conchita quere ver os netos, debe mercar un billete de avión para Fuerteventura; un billete de ida e volta.

No bar de Ana María, coincidimos con Rosa, da Coruña. Rosa quería coñecer mundo, probar ambientes distintos, e marchou estudar á Complutense. Despois fixo un master de finanzas e axiña entrou a traballar no departamento financeiro dunha multinacional, onde desenvolveu unha frutífera carreira profesional. Pero Rosa non pode máis. Cada oportunidade que lle xurde ao longo do ano, tira para a súa Terra. Di que necesita volver, que non atura seguir naquela cidade inhóspita. Leva tempo tentándoo, pero as dúas ou tres propostas que recibiu non chegaron nin ao salario de subsistencia.

Ao día seguinte, chama Marcos. Marcos é licenciado en Físicas. Traballou de consultor internacional sempre coa vista posta en Galicia, ata que apareceu o posto que esperaba. E regresou. Só puido quedar catro anos, ao cabo dos cales o proxecto pechou. Déronlle seis meses para atopar emprego. Buscou ata nos últimos recunchos disposto a renunciar a calquera esixencia ou recoñecemento profesional, pero nin sequera así. Houbo pedir unha prórroga. Un día de novembro do 2005 dixéronlle que o prazo vencía co ano. Así que mandou varios curricula a vacantes anunciadas en El País. E principiou o 2006 vivindo en Madrid e traballando para unha empresa do sector de telecomunicacións. O seu magnífico soldo dálle para vir cada fin de semana a Vigo, a visitar o país e a súa moza.

E para rematar a semana do Día da Patria, tocou viaxe a Barcelona. O taxista escóitame falar en galego polo móbil e, discretamente, comenta que a súa familia tamén é galega, a nai de Navia de Suarna e o pai de Os Peares. Andrés toca a gaita, tivo a Foxo de mestre en Barcelona. Acaba de regalarlle ao seu sobriño, tamén gaiteiro, unha do obradoiro dos Seivane. Naceu en Barcelona, si, pero síntese galego 100%: “meus pais inculcáronme o amor a Galicia dende o berce”. Cada verán pasa tres semanas percorrendo o pequeno país, e cada verán busca a oportunidade de ficar. “Se saíse algo, collo a muller e o neno e marchamos cos ollos pechados”.

Números e realidade social

A economía, de ser algo, é unha ciencia social, non matemática. E aínda que os economistas (supoño que eu debería incluírme no grupo) gosten moito de presentar cifras núas e tirar conclusións delas, ás veces esquecen que un número debe ilustrar unha realidade, pero non substituíla. A nación, ou sexa, o pobo, define a súa propia dinámica, que non sempre é descrita fielmente pola estatística, isto é, polos números.

Miguel, Juan, Rosa, Marcos e Andrés son persoas reais que viven, no ano 2007, historias reais. Os números que nos presentou o presidente hai que lelos cos pés no chan, ou sexa, chantados na realidade social do país.

Porque detrás deses números un pode atopar outros que demostran que a xente nova de Galicia segue a marchar na busca de oportunidades laborais. E os que marchan, madía leva!, desaparecen das cifras do paro. Así pois, recibamos as estatísticas como o que son, coma un sinal de que a destrución de emprego na economía galega parece ter rematado. Pero aínda queda todo por facermos se queremos frear de vez a continua perda de poboación, isto é, se queremos acabar coa emigración que seguimos a padecer tamén no século XXI.

Caer na autocompracencia ante uns números máis ou menos favorábeis sería un erro inxustificado e unha neglixencia lamentábel. O conselleiro de Traballo cualificou de “agoireiros” a quen quixo matizar a euforia desmedida coa que se presentou a estatística; uns números, por outra banda, que semellaban representar un mérito persoal máis ca un logro colectivo. E logro, falemos claro, polo momento non houbo ningún.

Porque se Galicia continúa pola senda demográfica dos últimos decenios, rematará sendo un país de xubilados. E nese caso, tamén conseguiriamos eliminar por completo o número de parados.

3,92/5 (25 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións