Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Son neofalante

12:25 20/10/2009

Nunha entrevista a Xurxo Souto, publicada por un medio escrito, afirmaba que o futuro do galego estaba nos neofalantes das cidades, en barrios como o vigués de Coia que vén sendo o meu berce.

Nacín nos Campos da Fontaíña, na aldea do Resío, en Coia (San Martiño de). Seino grazas ao traballo de Iván Sestay que recuperou a toponimia tradicional nun espléndido traballo publicado pola Área de Normalización Lingüística da U. de Vigo. Nacín no Resío que non no Rocío. Falan algúns tarugos de castelanizar os topónimos cando hai casos tan dantescos como o da miña parroquia: pois resulta que a igrexa dixo que había que facer dúas parroquias na antiga de San Martiño de Coia e entón inventou a da “Virgen del Rocío”. Na igrexa está a figura virxinal. Montan tal parroquia a partir da castelanización do topónimo Resío. É para rir ás cachizas! Pero o conto évos ben triste polo dominio imperial da ignorancia. Din que chove e mexan por nós!

 En Coia só os vellos falan galego. Hainos que ir escoitar ás mañás dos días laborais aos parques. O resto, agás contados casos, son castelán falantes. Son castelán falantes os traballadores pois Coia é un deses barrios obreiros que no seu día foi arrabalde. Son castelán falantes os fillos dos traballadores que acoden á escola onde, malia recibiren aulas en galego, se relacionan unicamente en castelán. Son castelán falantes a mocidade dos institutos e os que xa traballan. Son castelán falantes os dos bares, os dos quioscos, os da panadería, os da mercería... son castelán falantes. Eis o barrio onde medrei e eis a realidade do galego nunha comunidade urbana de clase media-baixa.

Neste seo nacín e medrei, sendo castelán falante até os 17 anos. Só falaba castelán. Para que precisaba eu o galego naquel contexto? Os meus amigos todos falaban castelán, a miña familia falaba castelán, na escola falábanme en castelán, no equipo de fútbol tamén... non tiña aldea onde escoitar o galego (son da xeración urbana pois son dos poucos que ten a estirpe no Berbés) nin tiña lugares onde escoitalo de viva voz. Só a televisión, a radio, a música e algún vello do parque, incluídos veciños do meu edificio, moito mariñeiros xubilados. Que era o galego entón? Unha lingua allea a min e eu era un estranxeiro na miña patria.

Cando medrei tiven as miñas inquedanzas e unha delas foi o galego. Entroume aquel becho logo de saber que os meus avós foran aldraxados na miña cidade por falaren galego publicamente; entroume o becho porque o meu nome en galego vén dende que os meus pais me bautizaron relixiosamente; entroume o becho porque atopaba noutros amigos casos en que nas súas casas se falaba galego pero fóra non; entroume o becho que era a conciencia de ser galego, de identificarme con Galiza e procurar a miña identidade. Foi un proceso parello a outras inquedanzas.

Aquela treboada de ideas eran compartidas por outros mozos da miña escola e comezamos a escribirnos notas en galego e mesmo a identificarnos como “Xeración Ceibe”. Son trangalladas de rapaces pero aquilo ía marcando pois para nós o galego pasaba a ser a nosa lingua de comunicación. Logo comezamos a esforzarnos para facer os exames en galego en materias impartidas en castelán. Mais si, fóra de nós, seguiamos falando castelán. Non tiñamos problemas pedagóxicos nin psicolóxicos por estudar en galego ou en castelán segundo a materia, nin precisabamos de traducións como afirman os catro gatos piollosos.

Rematei a escola e pasei á universidade. Decidira estudar filoloxía galega e tiña a oportunidade de mudar radicalmente a miña escolla lingüística. Fíxeno. Non foi nada doado. Cando un muda a súa lingua dun día para outro atopa atrancos en moitos lugares, prexuízos bastardos e incomodidades. Por exemplo, no meu edificio e no meu barrio, onde sempre falara castelán, ao falar en galego algúns preguntábanme con retranca: agora es do Bloque? Había problemas de comunicación na miña familia cando facía escollas léxicas patrimoniais que eles non comprendían. Cos meus amigos non fixo falla moita explicación pero algún compañeiro da escola que me tiña atopado tempo despois preguntaba estrañado: ahora hablas gallego?

Confeso que onde máis dificultades atopei foi na miña propia familia. Pasara 17 anos falando só castelán. A miña familia trataba de facer o esforzo de falarme en galego pero acababan indo ao castelán. Foi un proceso moi lento pero había que manterse firme. Para min o máis complexo pero que foi felizmente superado.

Son neofalante. Cando me pasei ao galego sabía que non falaba un galego correcto. Incluso tiña as miñas dúbidas: debo falar o galego das normas ou recuperar o galego cos trazos dialectais de Vigo? Sabía que foneticamente era penoso e que no léxico tiña moitas lagoas. Tiña que traballalo e esforzarme. Non me podía botar atrás.

 Aquí quero reflexionar porque na miña experiencia téñome atopado xente que me dicía: con ese galego tan mal falado é mellor que fales castelán. Por que? Por que en determinadas persoas pesan eses comentarios? Está claro que non queremos que se fale un galego deturpado pero no canto de facer esas aseveracións canónicas cómpre arengar aos neofalantes a mellorar o seu galego. Hai que comprender que se na nosa sociedade é raro e difícil facer unha vida en galego imaxinade como será de difícil para unha persoa que medrou falando só castelán e se pasou ao galego sendo xa mozo ou home dentro dun contexto urbano.

A miña experiencia foi moi positiva pois conseguín co tempo que os meus irmáns se dirixan a min en galego e, cando estamos xuntos toda a miña familia, manteñamos parolas en galego (feito inaudito antes); conseguín que algúns dos meus amigos (que son os mesmos dende que teño 15 anos e algúns antes), quen falaban só castelán, sexan hoxe tamén galego falantes; conseguín que para os meus sobriños pequechos haxa na familia alguén que lles fale galego e eles se dirixen a min, con dificultades pero fano, en galego; conseguín que a miña familia e os meus amigos opten pola opción do galego para recibir información, para redactar papeis oficiais ou para dirixirse a calquera institución.

Todas estas persoas que conforman o meu íntimo conforman hoxe tamén un bastión da defensa do galego cando naceron e medraron rodeados de castelán. Somos neofalantes.

Cómpre arengar e animar, potenciar o galego no mundo urbano pois malia o que digan os paparolos liderados polo supremo destes, Fernández Alvariño, en Coia, en Vigo, en calquera cidade galega, queremos vivir en galego!

4,73/5 (168 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...