Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Plans, parroquias e impostos

12:51 17/09/2009

Hai pouco escoitei a un paisano dicir a outro: “pariu a conexa”, cando ambos miraban as obras do Plan E. O outro replicoulle: “si, ho. Con estas aceras podían parir cinco!”.

Trala retranca dos paisanos agóchase unha inquedanza que padece boa parte da cidadanía: o Plan E. Non vou ser eu quen critique o necesario investimento público en obra civil ou noutras de carácter social. Mais moita xente non comprende por que se meten tantos cartos en anchear beirarrúas ou levantar un firme cando xa era bo dabondo o anterior. Non se comprende ben que é iso da “humanización” das rúas. Si sabemos que entende Corina Porro, a alcaldesa de Vigo no poder paralelo da Autoridade Portuaria: flores, macetas, árbores… rodeados de boas doses de cemento e granito no centro da cidade, no centro onde viven os que sempre viviron.

Pero claro, quen pode comprender o concepto de “humanización” cando aos tradicionais postes publicitarios se lles chama agora “soportes de libre expresión”? Mais do baleirado dos conceptos e a súa “recalificación”  xa falaron outros colaboradores en Vieiros e noutros xornais. 

Volvamos ao rego. O Plan E, xestionado polos concellos, debería axustarse ás necesidades da cidadanía. Pero coñecen os concellos esas necesidades? Quen lles fai chegar ás cámaras municipais esas necesidades? As Asociacións Veciñais maioritarias que son correas de transmisión do poder gobernante?

Cando o nacionalismo galego fala do recoñecemento xurídico-político das parroquias é porque pretende estar máis preto do pobo. As parroquias, malia o cegamento do poder, seguen a funcionar como noutrora e seguen a cumprir as súas funcións sociais dentro dos seus límites. O recoñecemento da parroquia facilita a relación entre administración e cidadanía: é unha entidade máis directa e máis doada de contactar. Pero que podo dicir eu que non dixera xa o nacionalismo neste tema? Polo tanto o Plan E podería ser máis útil se os cartos fosen xestionados polo poder parroquial ou, canto menos, aseguraría que nese lugar puideran haber melloras sociais.

O Plan E foi unha medida estatal para frear a creba do sector da construción tralo estoupido da burbulla (cedo haberá outra: a enerxética). Outra medida foi a subida de impostos temporal no IRPF ás rendas máis altas. Unha medida que non pode ser nin temporal nin quedar niso pois se os grandes estados dixeron que o sistema capitalista non era viábel, logo haberá que realizar mudanzas sistémicas deica un sistema produtivo máis xusto, equilibrado e sostíbel. Sacaron a lingua a pacer e máis nada.

U-las medidas para pechar os paraísos fiscais? U-las medidas para loitar contra da evasión fiscal? U-las medidas para promover un sistema fiscal progresivo? U-las medidas nos salarios dos altos cargos? U-las medidas de maior control sobre a banca e as caixas de aforro? U-las medidas para evitar monopolios encubertos como de feito se dá no sector enerxético ou no bancario? U-la revisión dos produtos que conforman o IPC?

 Fume de palla.

 O aforro do goberno Habichuela é unha falacia que recunca na liña da farsa da dereita. Apoian esoutra medida estatal da conxelación salarial no funcionariado e promoven a mesma para os asalariados. Con isto aínda hai xente que lles quere aplaudir por ese esforzo! Por que non falamos de redución, si, redución salarial nos altos cargos? Por que non regulamos legalmente o salario dos filisteos, tecnócratas e xestores políticos? Por que non se cuestionan as ganancias das súas actividades profesionais cando son cargos públicos?

 A cidadanía precisa dun rearme ideolóxico e precisa ser consciente do que é. Dostoievsky, por quen gardo unha especial devoción, narra nun capítulo chamado “O grande inquisidor” (dentro da novela Os irmáns Karamazov) como as persoas cederon a súa conciencia á Igrexa. Hoxe habería que lelo substituíndo a Igrexa polo Estado.

 Si, pódeno ler en galego porque hai unha tradución aínda que para o señor Habichuela e o caloteiro Velázquez todo isto son “despilfarros económicos” e “imposicións nacionalistas”. Xa se sabe: abajo la inteligencia! que dixo Millán Astray, un bo español para o voceiro popular da Coruña, Carlos Negreira.

 Pariu a conexa, carallo se pariu!

3,9/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...