Está a caer o centenario do himno de Galiza, poema de ouro dun pobo de ferro, escrito polo bardo bergantiñán. E ao seu son soa a música do Pascual Veiga, mindoniense cuberto polas tebras do esquecemento, propias da Mariña lucense en todos os sensos.
Na illa de Cuba soou e cantouse tal egrexio símbolo nacional, no antigo teatro do Centro Galego, hoxe propiedade do pobo cubano e renomeado en tempos recentes como Gran Teatro da Habana, que ten como sala principal a García Lorca. É un edificio maxestoso, varudo, de estilo neobarroco, ergueito perante o Parque Central, altivo na Habana vella, á beira do mesmo capitolio. Disque é o teatro máis antigo do mundo.
Nestes días repítense as novas que fan referencia a tan ilustre data patriótica cargadas de sentimento “galeguista” e dun ton de exaltación banal do valor das accións dos emigrantes. Repítense as gabanzas á emigración ultramarina á vez que se marxinan as razóns fondas daquel éxodo bíblico. Non se me entenda mal: cómpre os recoñecementos mais “non des a esquecemento da inxuria o rudo encono”, que xa pregoa o mesmo canto, nun brado de xustiza histórica do pobo galego.
Canto máis se loa un feito axiña se esquecen as circunstancias do mesmo. O desequilibrio estrutural de Galiza, os motivos políticos, as arelas dun futuro mellor e mesmo o tráfico de emigrantes (como Fuco Gómez denunciou en artigos na prensa galega da Habana) son algunhas das razóns que motivaron tal.
O sentimento solidario e humanista describen as súas tarefas irmandiñas: servizo de saúde, escola, talleres de oficios, arte, caixa de aforros, avogados... Cantos anónimos en tan elevadas funcións abnegadas, movidas pola moral e a ética. Moitos foron os casos dos que non cobraron nunca un can polas súas funcións alí, como un Constantino Horta que mantivo unha asesoría xurídica durante anos.
Sestao, 2007. Un emigrante de 57 anos érguese ás sete da mañá para actualizar unha web da súa aldea natal, con información de todo o concello. Dúas horas despois entra no seu centro de traballo.
Barcelona, 2007. Un emigrante de 32 anos traballa na construción doando parte do seu salario para a recuperación da escola da súa aldea.
Santa Cruz de Tenerife, 2007. Un emigrante de 26 anos, enfermeiro, forma parte da banda municipal do seu concello.
Madrid, 2007. Unha emigrante de 29 anos traballa nunha empresa de deseño industrial e volve cada fin de semana á súa terra para unha recolleita de topónimos deturpados e indicadores erróneos cos que logo informará ao concello.
Non é unha invención o escrito.
Os tempos son chegados.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »