Porque o Ministerio de Fomento, a data do 18 de outubro de 2006, adxudicou a unha empresa as obras de conservación na N-554 e modificacións substanciais. O orzamento era de 5.167.777,80€ . A realidade é outra.
Por esta estrada de competencia estatal circulan unha presa de vehículos durante toda a xornada. A primeiras horas da mañá é constante o tráfico que se dirixe a Pontevedra ou Arcade partindo dende O Morrazo e mesmo dende Vigo cando se liberalizou a peaxe de Rande.
As beiravías non chegan na maioría dos tramos a 20cm cando nas estradas estatais (nacionais oficialmente) a lei marca... A lei non marca nada! Manda truco na Habana.
Ás mañás unha chea de cativos camiñan por esas mesmas beiravías, tanto en rectas como en curvas pechadas. Mais tamén son as mariscadoras que van cedo a traballar, cos seus carros, os que saen da súa casa para ir á fonte ou mesmo os que se dirixen a labrar a terra. Mesmo seica un día houbo unha importante retención por mor dunha señora que levaba un carro cargado do marisco nun tramo en que invadía a calzada.
Aquelas obras parece non se teren iniciado nin feitas. As beiravías deberían terse ampliado a 1,5m. Mentira. Reforzo do pavimento. Mentira. Construción de beirarrúas nos tramos densamente edificados. Mentira. Aumento da plataforma para as paradas do bus. Mentira. E outras máis e máis mentiras.
O que máis arrepía é mirar os pequenos camiñar por eses carreiriños, neses días de nadal escuros como a boca do lobo, e a xente mangada pola estrada. Seica houbo protestas, houbo carteis pendurados e algún feito máis. Descoñezo as posíbeis modificacións que se asinasen dende o 2006 mais o caso, o que se o albisca, é que só unha desgraza poderá atraer a atención dos césares. Logo choraremos o que hoxe poderiamos tratar de evitar, ou canto menos, dotar de maior seguridade á cidadanía que aínda que vivan no rural e xa Correos no chegue aló, non deixan de ser menos cós empresarios do CEP.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »