Comunidade? Rexión? Terra? Nación? Territorio? País? Nunca se coñeceron tantas definicións para Galiza. Pobre Risco, el que tanto cavilara na cuestión. E no presente nada. Mais claro, ben se sabe aquilo de que o mozo preguiceiro por non dar un paso dá un milleiro.
O Risco dicía: somos unha fatalidade biolóxica. Ollo! Non somos un desatino natural. Simplemente, somos resultado dunha converxencia histórica e orgánica. O Risco moito bebía dos alemáns. Murguía tamén. Ramón Villar Ponte non. Se cadra por iso se esqueceron del. Ou era un fol de cinza? Non. Mais é obvio que o sentimento ás veces dobrega á razón. Agás aos Villar Ponte. Benzón para eles!
O Ramón vivía na órbita do liberalismo italiano. Refírome ao Mazzini, non ao Maquiavelo. Ramón tiña siso. Puido ser el o pai da patria e ao fin foi o Castelao. Ou alguén o dubida? O Mazzini foi pai da patria italiana. Tamén se dubida?
Dende o xudaísmo até o David Miller, pasando polo Aristóteles, pola Revolución francesa, polo marxismo ou mesmo polo Beiras, moito se ten teorizado ao redor da cuestión nacional. Xa dixemos que somos unha nación, non? Pois somos e non fai falla explicar nada. Xa está explicado todo. Cuestiónasme? Investiga, le e aprende, compañeiro.
O país para algúns é un lindo monte macizo d´O Courel, unha cristalina auga de Cíes (léase con seseo) ou os aturuxos dunha vella na foliada do San Martiño de Coiro no Morrazo. Hai quen din que Galiza é a “nazón de Breogán”. Pois tamén podía ser do John Balan que entre a rapa e a rebola, veña o demo e escolla! E Rosalía cantaba tan ben ás flores que a desposuíron da alma. Cousas. Lerias. Escollan por gusto ideolóxico.
Cantos serán os que poetizan o país converténdoo nun mito? Pasan do materialismo ao idealismo como o demo chisca un ollo, carallo! Danlle vida como lla deu o Risco. Pobre Risco! Sempre lle quedará o humor, ou? A min, non. Por iso prefiro ao Ramón. Sigamos
Castelao sentou cátedra na definición de nación. Mereceu matices. Deullos o Beiras. Mais houbo outros que se cegaron coa democracia. Son progresistas. Nós somos tradicionalistas. Non, mellor somos saudosos porque somos galegos, verdade? Xente boíña, agradábel, parva, submisa... Saudade, claro. Señardade, soidade, nostalxia, morriña... Parvos, ou?
Os iluminados economistas fixéronse políticos. Filisteos (dixit Risco). Abundan e por iso escasean os debates ideolóxicos profundos, ilustradores e didácticos. Todo se resolve con... co capital! Tería razón o Otero cando falaba da Idade Media: mellor, sermos un país precapitalista. E católico, claro. Menos mal que contabamos co Porteiro Garea, co Peña Novo ou cun Viqueira. Trabes de ouro do noso país.
Estatuto de nación? Nación, para que? Nación para ter selección galega de fútbol? Nación para falar galego ante a cámara de televisión? (Na intimidade falo castelán porque son bilingüe “harmónico”, e tamén coas amizades e coa muller e cos pequenos e co médico e co camareiro...) Nación para autodesprezármonos aos poucos? Sermos nación e dotármonos dos mecanismos propios da nación: autodeterminación. E isto díxoo Risco, Castelao, os Villar Ponte, Bóveda, Lousada Diéguez, Otero, Celso Emilio, Del Riego, Beiras, Ferrín e dígoo eu.
Procuremos o volksgeist. Échevos máis intelectual falar de volksgeist. Tamén é máis sinxelo. Estudarei a Fichte e a Herder. Logo a Locke, Kant... Que che parece? Así pasaran os días. Non me pidas que estude e logo participe na materialización e formalización da nación galega. Non hai tempo. Pois sabedes que vos digo? Que mallades no mesmo grao e así non imos a ningures!
O meu país é unha nación. Píntalle o que che pete pero Galiza é unha nación. Moitos antes ca min traballaron a treu para que ficase clara a cuestión. Para min está clarísima. Para os filisteos non. Claro, Risco, xa sei, son filisteos. Desculpa.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »