Denuncia diante o pobo galego da perseguizón do idioma galego po-la glotofaxia.
Velaí a mensaxe: o galego perseguido por unha argumentación xerada no sumidoiro da decadencia cultural. Non mudou o día. Vénvos de moi lonxe. A súa expresión pública depende do contexto sociopolítico e da febleza na resposta do axente atacado. O auxe do discurso centralista que sementou o aznarismo está abrollando. Conta coa artillería dos distinguidos señores e dunha capa social urbana fagotizada na autoxenreira, xunto ao paladín do paleto aldeán que renega do seu. Sonvos tempos de glotofaxia, tempos de analfabetismo, tempos de atraso racional.
No sea bárbaro! Nós sómolo segundo máxima franquista por falar en galego. Outros sono na máxima orteguiana do “barbarismo da especialización”. Burbullaron milleiros de lingüistas e sociolingüistas. E a filoloxía non tiña futuro. Carallo se o ten! Pois supoño que estes persoeiros terán a licenciatura para falar con semellante solvencia, ou?
Dende 1983, coa Lei de normalización lingüística, moito temos avanzado. Dende aquela teimuda posición da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que hoxe se debruza en diferentes colectivos (galeguizargalicia.com), até facer do galego o idioma oficial do movementos político, sindical e asociativo (ollo! hai un evidente retroceso). Non nos conformamos quen aspiramos a un pobo normalizado nas súas múltiples vertentes e que asuma o galego como lingua de seu. Se aprender matemáticas en galego, por exemplo, é unha ofensa para o intelecto dos pequenos estudantes, non chegamos á normalización lingüística. Así só poderá haber diglosia no canto de bilingüismo.
A resposta social
Algún anaco do pobo galego anda preocupado polas políticas de orde cultural e lingüística do vindeiro presidente. Eu, persoalmente, estou máis preocupado na resposta social que lle poidamos dar. Non falo só das mobilizacións senón da actuación dos colectivos de normalización lingüística, organismos culturais e de defensa dos dereitos dos galegofalantes (entre outros), na capacidade de argumentación que temos para reclamar os nosos dereitos e deberes como cidadanía galega.
Debemos dotar ao pobo galego de respostas ante os prexuízos lingüísticos, fornecelos de argumentación para que no debate social do cotián saiban responder con seguridade, precisamos invadir socialmente para nos converter en hexemonía lingüística xebrando a falacia bilingüe e a decadencia cultural que chega a estremos propios de réximes intempestivos: abajo la inteligencia!
Mais toda esta batería de réplicas e afirmacións polo galego deben ser dadas como pobo que somos, non como militantes de tal ou cal organización. O galego non cabe dentro dos lindeiros icónicos. O galego racha as cancelas de calquera ideoloxía política. Quen queira facer do galego unha sigla ou unha coartada por motivacións espurias, trabúcase.
Mañá, é día de garabullos. Ei, parroquia!
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »