Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Sr. Urgoiti: pita será, pero ulir, úleme a can

19:00 16/07/2008

O noso pobo sábevos moito, évos moi aprendido, abofé! Por iso sabe dicir ás cousas coa finura da retranca, malia seren ben serias. É o xeito de facer dos nosos.

Botei man deste dito galego co que finalizara o anterior artigo mais, inda que non me preste este encabalgamento, non atopei mellor oración para dicir o que quero dicir. Dille axeitado.

Ben sabedes que é o Sr. Urgoiti, Juan Manuel Urgoiti López de Ocaña, ou? Si hom, o banqueiro que agora é presidende da nova fundación da Cidade da Cultura, fundación mixta con control privado. Claro, inda terían razón aqueles que dicían o de “a dereita saber xestionar mellor ca esquerda”. Xaora que o noso goberno pensa tal. Tantos anos encerellando este mausoleo fraguiano para rematar cedéndollo a un banqueiro nado en Madrid de estirpe vasca que a única relación que debe tener coa nosa cultura é ser accionista de Zara e membro da fundación Amancio Ortega, a fundación filantrópica que tanto axuda aos pobres, pobriños, pobres, Eses que viven realmente mal, traballando a eito, en condicións miserentas, sen contratos… A Fundación benéfica Amancio Ortega, benia para el!

Ben sei que somos uns ‘analfabetiños’, uns benditiños de deus que non sabemos ren. Ben o sei, si ho, paletiños perdidos todos os galegos que falen galego. Pero éche os adiantos da civilización que xa aprendemos a ler e entón Touriño di á prensa: chis! que o Sr. Urgoiti éche un especialista da materia. Velaí a restra de méritos: Presidente do Patronato do Centro de Arte Reina Sofía, membro do Real Patronato do Museo del Prado, membro do Consello Asesor do Museo Real de Arte Moderno de Nueva York e presidente da Fundación José Antonio de Castro. Eu engándovos outra: membro da Fundación Silos.

Meu rei, estamos ante un experto na materia! Si hom! un experto que chegou no 1997 á presidencia do Museo Reina Sofia e aos dez anos, sae. Xusto, xustiño, coincidindo co goberno aznarista e compartido, en diferentes etapas, consello con Mariano Rajoy, Esperanza Aguirre ou Pilar de Castillo, por seren ministros de cultura, de cultura si. E vaia a coincidencia que non houbese máis expertos nese padroado ca empresarios e banqueiros. Mirade por internet que persoas integraban o padroado do Reina Sofía durante a súa presidencia. Internet, si, que os paletiños que falamos galego tamén aprendemos a andarche nestas trangalladas. Como somos tan parviños pensastes que non nos iamos enterar, verdade?

Pero Touriño e Ánxela Bugallo/José Ramón Fernández esquecen aquelas cousiñas que ben poden ter máis sentido en toda esta lea da cultura. Á merda a cultura! Éravos ben doado de dicir e non andarmos de lerias pero…

Pois resulta que o Sr. Urgoiti é director do Banco Gallego, entidade financeira coaligada con Caixanova para montar unha empresa eólica para o reparto do Plan Eólico. Xa miraremos canto leva a Efenín-Enervento (que che é o nome da empresa con sede fiscal en Madrid).

Pero o Sr. Urgoiti tamén che anda metido en ENDESA. Mesmo negociou a entrada de capital de Manuel Jove (alegre almorzo aquel), que denegou por agora, e logo do amigo Amancio Ortega. Amigo porque xa dixen que é accionista de Inditex e vicepresidente de Acciona tamén! Vaites! Anda metido en ENDESA que foi a empresa que furou na Consellaría de Industria de tal xeito que algo estrano pasou no INEGA coa saída do primeiro presidente. Saber, sábese pero dicir... Logo, ENDESA, con Manuel Gago (presidente da patronal das eólicas EGA e representate de ENDESA), pasa a ser moi amiguiña do goberno galego. Vaites!

O Sr. Urgoiti viña dende tempo atrás traballando o tema renovábel. En 2005 xa dicía deste sector: “dará muchísimas alegrías en el futuro”. Carallo se chas dou, e o que falta! Tamén é o Sr. Urgoiti (atraveso do Banco Gallego) accionista (nun 25%) de Luzentia, sociedade para a enerxía solar.

Mais isto é unha lea do nabo e entón aparece no consello de administración do Banco Gallego Epifanio Campo, o amigo de Jove e Jacinto Rey que se meteron en ENCE para optar ao reparto eólico. Disque foi unha operación impulsada polo goberno galego. Seguramente chegado da man de Anxo Quintana, moi amigote de Jacinto Rey, ou? Algo soa iso de ENCE, As Pontes, ENDESA…

Pero logo resulta que o Sr. Urgoiti tamén é membro de libre designación do padroado do Real Madrid, o de fútbol, si. E sabedes a que outro consello empresarial pertence? Ao da Fundación Internacional para la Libertad, que leva de presidente ao demócrata Mario Vargas Llosa. Por iso o seu respecto polo idioma galego na súa web é visíbel.

Non se pode continuar que o artigo chega a mamotreto. Penso que abandou para saber que persoa será presidente dunha fundación privada para a cidade da cultura (galega?) e o papel que xoga o goberno de ‘esquerdas’ liderado por Touriño e Quintana.

Só unha notiña: importa unha miga a situación dos arquivos de Galiza, a rede de bibliotecas, o desleixo dos fondos, a nula dixitalización da documentación, as trabas que lles poñen a historiadores interesados en recuperar a memoria do noso pobo, o respecto polos arquivos municipais (onde deberán residir a documentación orixinal que pertenza ao seus lindeiros inda que logo se dixitalice para un arquivo unificado), a impericia dos encargados que adoitan ser funcionarios adeptos ao filisteísmo na versión risquiá…? E seica houbo unha promesa hai catro anos de crear un novo Seminario de Estudos Galegos que levaría o nome de Castelao e estaría en Ourense. Si home si. Imos camiño do Seminario de Empresarios Galegos de apelidos patrióticos: Toujeiro, Jove…

Como di a veciñanza de Vilachá, a miña aldea de adopción: zúmballe a verga!

4,38/5 (47 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...