"E o "atraso económico de Galicia"- o feito- sigue a ser unha punxente realidade, por moito que datos e mesmo caracteres teñan mudado notoriamente. Inda máis: se hoxe conquerira arrecadar os folgos pra escribir outravolta encol do tema, non escribiría un "atraso"; escribiría "A espoliación de Galicia".
Velaí así escribía o Xosé Manuel Beiras no segundo limiar do seu O atraso económico de Galicia, asinado nunha primavera grisenta de 1981 na cidade compostelá na súa vertente antitroiana. Escribíao un ano antes da fundación do Bloque Nacionalista Galego, onde o propio Beiras sería o seu brado máis potente e referencial, aínda que só fose a golpe de zapatazos, e non precisamente ao xeito flamenco da Lola Villariño.
O Atraso converteuse nun éxito de ventas nun intre de reformulación do nacionalismo galego que precisaba de estudos socio-económicos de Galiza, isto é, precisaba das análises dende a óptica da esquerda para superar os postulados ruralistas do vello Partido Galeguista. Non foi o único en redactar obras dese estilo: Xavier Vence, Camilo Nogueira, a Revista de Economía de Galicia...
A importancia das diagnoses socioeconómicas de Galiza axudan a artellar uns trebellos de resposta á problemática que xera o sistema. Cómpre logo coñecer neses termos a nosa realidade para poder actuar sobre ela senón andamos coma cegos atoutiñando no ar e non che é tempo para iso. E cómpre dende o prisma da esquerda e de Galiza, xaora.
Precísase un decurso histórico para abordar a temática mais hoxe penso que xa choveu de abondo. Non fai falla ir aos tempos de María Castaña, heroína popular da Pobra do Brollón. Só analizando as repercusións da entrada do Estado español na daquela CEE no sector agropecuario galego ou o impacto da globalización e das multinacionais na nosa sociedade é argumento inquebrantábel para unha nova versión do "atraso" porque no atraso segue a vivir a nosa nación.
Se xa Beiras se laiaba da fuxida do capital empresarial cara a metrópole ou do esquilme da produción enerxética, arestora a situación estache en termos ben semellantes mais por condicións obxectivas ben diferentes.
O Camilo Nogueira vén de sacar do prelo galaxián dous ensaios verbo da relación de Galiza con Europa e a Unión Europea, que nos axuda ao debate e ao avance por tanto na dialéctica.
A publicación dunha obra na liña do Atraso é unha reclamación cidadá. Se cadra o autor podería vir sendo o mesmo, pois foi e é peza chave no nacionalismo galego e debe exercer como tal, por experiencia, coñecementos e compromiso, tanto na análise socioeconómica como na praxe política máis inmediata. Arrecadaría os folgos necesarios para ese chimpo?
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »