Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Do turismo e o faro de Fisterra (S.L.)

09:30 17/08/2007

Disque hai un fin do mundo. Entendámonos: un fin do mundo en termos alegóricos. Non falamos da apocalipse. Aínda non escoitamos as trompetas. Mais todo chega pois a auga fura a pedra.

O fin do mundo está en Galiza. Reitero, en sentido figurado. Non me refiro aos incendios, mareas negras, especulación urbanística... Non. Saben onde está? Abofé que si: en Fisterra. Xa o decidiran aqueles romanos medoñentos e abraiados.

Hoxe poden ir ata alí a mirar se é certo que o mundo é redondo, o mar azul e que do solpor xorden os roibéns. Se van con outro propósito, reneguen de ir. Ou non. É cousa vosa.

Hai uns poucos anos, o camiño que levaba ao faro de Fisterra era de terra, había uns acantilados moderados, coios polos camiños, matos, silveiras... É dicir, o faro construírase nada máis que para servir de faro. E saben como funciona o faro? Saben se vive alguén alí? Que alcance teñen as luces? A que ritmo xira a lente? Que sucede en caso de avaría? De quen depende o faro: do estado ou da Xunta? Accédese por oposicións a fareiro? Chámanse fareiros?

Unha restra de preguntas coma estas, e tantas outras que se lles poidan ocorrer, poderían roldar ao turista ávido de interese. Claro, ávido de interese por aumentar o seu acervo cultural. Mailo faro de Fisterra, a que tipo de turista está dirixido?

Fisterra é tamén un centro de peregrinación. Si, logo de chegar a Compostela hai quen aínda cumpren por enteiro a tradición xacobea e vai até o “fin do mundo”. Será por iso que queren facer de Fisterra un recuncho turístico ao estilo compostelá, é dicir, vender a cuestión relixiosa coma un ben cultural sen que iso implique afondar na cultura, alén de atraer aos turistas para que gasten. Claro, o turista prototípico que só olla pedras, non historia nas súas diferentes vertentes, para fachendear dun prestixio presuntamente adquirido polo consumo de bens culturais. De tal xeito, eu mesmo escoitei no propio cabo a unha turista: “mira, pobres, hasta aquí les llegaron los incendios”. E non meto o “pobres” coma recurso retórico de meu exemplificando o tópico senón que reproduzo o dito por unha turista, que reproduce á súa vez o tópico do “gallego pobriño” que produce compaixón e que aceptou o seu grupo coma verdade científica. O tópico coma verdade científica. O que descoñecía esta persoa é que en Fisterra os peregrinos queiman as súas roupas coma unha parte máis do ritual do camiño para se purificaren. Por iso había restos de pequenas fogueiras nas rochas do faro de Fisterra. Esta persoa tampouco tiña culpa ningunha da súa parvada. Algunha si. Ou non. Depende do que entendamos por viaxes de lecer.

Volvamos ao rego. O turismo é consumo. Non se promove un turismo cultural. Iso tanto ten. Por tal, en Fisterra non hai unha mísera explicación das cuestións que antes presentabamos. Iso si, a uns pasos do faro hai un edificio (antigamente servía para emitir sinais á mariña de guerra) inaugurado por Fraga coma restaurante que ofrece marisco e viño albariño. Non se puido facer alí un museo do faro de Fisterra, un museo homenaxe aos “fareiros” ou canto menos unha sala que explicase un pouquechiño de algo. Non. Fixeron un hospedaría de turismo rural.

A culpa é tamén de quen vende a cultura coma negocio, coma unha fonte de ingresos. A cultura só vale a pena se trae consigo réditos monetarios. Así andan as cousas. Así se move o mundo.

E en Fisterra, a terra non se acaba. Incluso se constrúe. Constrúese da man da inmobiliaria “Faro de Fisterra, S.L.”, entre outras. Constrúese ao carón do mar, na costa de Fisterra, onde disque o mundo tiña o seu fin. Quen sabe!

4,45/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...