Nos derradeiros días de 2009 o Foro Enrique Peinador realizou unha homenaxe ao arquitecto galeguista Manuel Gómez Román. Un busto xunto á súa placa lembran ao extinto persoeiro. A cidadanía de Vigo, e de Galiza no seu conxunto, descoñecen o seu legado artístico.
“Proclamar a soberanía estética da nazón galega”, pregoaba un dos puntos do manifesto de 1918, aprobado en magna asemblea no hotel Méndez Núñez de Lugo. Dende o berce, cando o nacionalismo tatexaba as súas primeiras reclamacións políticas, houbo unha preocupación pola ‘estética’ que abrangue a arquitectura e o urbanismo.
Gómez Román foi un dos arquitectos máis en voga da época. Proba disto son as numerosas edificacións que fixo na cidade olívica procurando engarzar a modernidade co tradición encaixándoas na harmonía urbana e paisaxística. A verdadeira estética da nación.
Deica hoxe non existe en Vigo unha xeira que nos ensine os edificios de Gómez Román. Tralo acto do Foro Enrique Peinador houbo unha promesa dende o concello para sandar tal vergonzoso baleiro cultural. Sen tempo non era. Agora a cumprir dilixentemente e atender aos estudos que Xaime Garrido leva feito verbo de tal particular.
A concepción de urbanismo que tiñan Antonio Palacios e Gómez Román parece distar da contemporánea dos responsábeis da corporación local. Apostar pola especulación trouxo derrames económicos. Que imos dicir hoxe tralo estoupido da famosa burbulla coñecida denantes do seu estoupido mais libremente inchada polos filisteos! Ben se sabe: non por moito correr se chega máis lonxe.
O tristeiro da situación é a destrución que se operou no patrimonio urbano vigués. Entre outras está a Panificadora, obra de Gómez Román, agardando a súa recuperación e revalorización para pór ao servizo do pobo. Está a rentes da casa consistorial dende a cal se olla o afundimento do Casco Vello vendido á mellor chequeira.
A realidade é a nosa ruda adversaria. Vigo carece dunha protección do patrimonio arquitectónico. Unha imaxe simbólica: os papeis orixinais do Plan Palacios están pendurados nunha sala do arquivo municipal de difícil e restrinxido acceso. Se queren miralos pregunten polo garaxe do concello e atoparán alí a porta de entrada.
O protagonista deste artigo comprendía a desfeita que se adviña con proxectos como o Gran Hotel de Samil: “se intenta con ello ‘urbanizar’ -¡oh, el urbanismo!- un paraje que no debe urbanizarse sino conservar su sentido original”. Tan sinxelo o di que resulta indescifrábel para algúns.
Galeguismo foi a verba que acompaña o facer de Gómez Román. Dende os inicios foi fiel á Galiza de ideas republicanas. Exerceu de dirixente e foi candidato polo Frente Popular á alcaldía da súa cidade natal, Vigo. Non perdeu nunca o fío ideolóxico deica morrer como Secretario Xeral do Partido Galeguista, Vicepresidente de Galaxia e da Fundación Penzol.
Coma outros, foille prohibida a lectura do seu discurso de entrada na Academia Galega, na que recuncaba nas súas teses arquitectónicas, por estar en galego. En galego! Non coñezo exemplo que afecte ao castelán malia as teimas ruíns dalgúns caloteiros.
Foi a homenaxe. Degoiramos que se atenda ao discurso arquitectónico e urbanístico que fixo o mestre don Manuel Gómez Román, un senlleiro veciño de Vigo, un sobranceiro nacionalista galego.
Se así fose, recibirémolo co palio.
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »