Rebeldes. Así foron os irmandiños que abouraron todo o territorio galego. “Hai que romper, romper, romper”, berraba esperanzado o Avilés de Taramancos nun fermoso poema adicado á primeira revolución, a do Roi Xordo no 1431. E agora seguimos nas mesmas: hai que romper, romper, romper. Romper co autodesprezo, primeiramente.
A mentalidade xusticeira dos irmandiños propiciou a emancipación social. Loitaron para vencer, para darlle paz ao reino e implantar a xustiza social. Para iso, a partir da Santa Irmandade do Reino de Galiza fundaron a Xunta de Galiza. Estamos pois ante o primeiro autogoberno popular da nosa historia, soberano e dignamente gañado. Os irmandiños son exemplo na Europa e simboliza o poder que sempre tiveron (e teñen) as camadas sociais traballadoras. Logo daquel fito, mudou para sempre a relación entre señores e vasalos. Conseguiron abrir unha porta para a esperanza, esperanza na que aínda vivimos arelando un futuro libre e noso, noso da clase traballadora.
Os Ulloa, Lemos, Andrade; o Mariscal Pardo de Cela, o Pedro Madruga... ningún deles puido deter a furia, aquel lume incendiario rexenerador das clases populares do noutrora Reino de Galiza. Exiliáronse na procura de refuxio nas cortes foráneas. Galiza foi tomada polos irmandiños, polos rebeldes.
Reparade en que o nacionalismo galego durante anos homenaxeou a figura do Mariscal. Lembrábaselle como insubmiso ao centralismo español dos Reis Católicos. Por iso foi decapitado un 17 de nadal, na praza de Mondoñedo namentres a súa dona enleada no tempo por uns monxes na ponte de Ruzos.
O Antón Villar Ponte propuxera na IIª Asemblea das Irmandades da Fala (Compostela, 1919) aquela data, o 17 de nadal, como día da patria galega. Como ben sabemos, perdeu ante a outra postura, a relixiosa, a do día do Apóstolo. Mais ninguén lembrou aos irmandiños.
Aqueles galeguistas (léase nacionalistas) non tiñan, seguramente, un coñecemento profundo daquela acción. É no 1926 cando se descobre o preito Tabera-Fonseca, fonte fundamental para o estudo daquela época, e no 1984 a súa edición. Os “irmandiños” do século XX tiñan pouca información. Se cadra, algo lles chegou polo Murguía e máis polo Benito Vicetto que na súa obra “Los Hidalgos de Monforte” (1856) imaxina ao Mariscal como un caudillo irmandiño. Craso erro.
Hoxe en día, no século XXI, cando se fala da recuperación da memoria histórica, non hai escusas para deixar de lembrar, recuperar e difundir aquela revolución. Moitos esquecen que cando se fala da recuperación da memoria histórica refírese á toda historia e non só a centrada na Guerra Civil. As dúas revolucións irmandiñas e mailas insurreccións esporádicas nese mesmo século son memoria histórica, e para máis importancia, historia galega. Lembremos a María Castaña, aos Guímaros da Pobra do Brollón, a Roi Xordo, a Alonso de Lanzós... Fagamos memoria recuperando o pasado para sermos capaces de construír o futuro.
A Segunda Revolución Irmandiña (1467-1469) non foi derrotada. E así nolo confirma Carlos Barros, especialista na materia, nun artigo ben documentado publicado na Murgía número 9. Os nobres pactaron o fin daquela insurrección.
Cómpre, logo, o recoñecemento oficial e institucional daquela fazaña dos humildes. Cómpre darlle ao pobo galego o acceso a esta historia. Cómpre espallar e ensinar á sociedade aquela historia que hoxe apenas ninguén lembra e xa non é por mor da desinformación (moito se ten traballado no tema). Por que non declarar a data como día da Rebeldía Nacional?
Mais eu tamén quixera interrogar por que existen castelos en mans privadas. Aínda que se alongue un chisco o artigo, quixera enumerar algunhas destas “propiedades” privadas por provincias nas que se limita a entrada. Pontevedra: castelo de Tebra (O Seixo, Tomiño); A Coruña: as Torres de Mens (Malpica), Torres de Xunqueiras (Pobra do Caramiñal): Ourense: castelo d´A Porqueira (A Porqueira); Lugo: castelo de Pambre (Palas de Rei), castelo de Doiras (Cervantes), Torre de Miraz (Friol)... E todos eles, atacados, asediados e case todos tomados polos irmandiños no século XV. E ollo, moitos deles aínda que sexan de acceso libre están en mans de particulares e non do Estado nin da Xunta.
Como se pode permitir nestes tempos que un ben de interese cultural e histórico estea en mans privadas que limite na entrada? Se Galiza fose un estado de seu, soberano, onde non existise a autoxenreira, o desprezo polo noso, outro galo cantaría. Teremos que agardar a que veñan os investigadores alemáns, ingleses ou franceses a dicirnos que posuímos unha riqueza monumental da Idade Media? Agardamos a que nos digan que as revolucións irmandiñas son un feito histórico de gran relevancia para o continente europeo para darlles o valor que merecen? Mentres, aran os bois e chove.
Pois eu non sei se a Xunta terá competencias na materia mais no caso de ser así, ten dúas solucións: ou ben negocia a compra dos castelos aos donos ou ben opta pola expropiación.
O 25 de Abril foi a “Revolução dos Cravos” en Portugal. E alí moitos poñen os seus ollos neste día. Non fan mal mais que non esquezan que neste 25 de Abril, tal e como nos documenta un coengo da catedral de Ourense, Gonçalvo Nunes, dérase inicio ao derrocamento das fortalezas señoriais en toda a nación.
Remato agora cuns versos do Darío Xohán Cabana: “Impuxemos na anchura de galiza/ a razón, a igualdade e a xustiza,/ e expulsamos o bispo e o señor; // mais cando a liberdade era señora, / viñeron os exércitos de fóra/ e outra vez sementaron o terror”. E aínda ecoa: hai que romper, romper, romper...
Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »