Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Verbo dun informe lingüístico do Eo-Navia

17:18 29/03/2007

Este sábado 31 de marzo presentarase na Biblioteca Municipal de Navia ao medio día o “Informe Lingüístico sobre a Nosa Terra Eo-Navia”, editado pola asociación Abertal. No acto participarán, entre outros, Carlos Varela Aenlle, membro correspondente da Academia Galega para o Eo-Navia.

Échevos un informe necesario nestas alturas do panorama por varias razóns: a discusións histórica de considerar como un dialecto do galego o falado entre as comarcas do Eo e o Navia; polo debate que suscitou un mapa de Galiza que incluía os territorios baixo administración asturiana; pola campaña de asturianización do Principado nos concellos limítrofes co noso país (precisamente galegofalantes)...

Mais tamén é un informe imprescindíbel para a sociedade galega que tantos prexuízos ten (irradiados polo pensamento hexemónico) sobre a consideración dos territorios actualmente asturianos (tamén zamoranos e leoneses) como parte da comunidade galegofalante.
Agora ben, o informe, redactado na fala propia da comarca, indica na súa introdución: “Con independencia de consideraciois históricas, antropolóxicas, etnográficas ou culturais sobre a terra Eo-Navia [...] a Asociación Abertal elabora el presente documento centrándose nos aspectos lingüísticos (e sociolingüísticos)”. Logo estamos ante un estudo lingüístico: sobre a situación legal, o número de falantes, as variedades de falas dentro da propia comarca, comparacións co galego normativo... É pois un traballo breve, sintético e non académico que urxe para as persoas que se queiran achegar a esta realidade.

Pasemos a outro tipo de ideas
Os movementos pola defensa do galego en Asturias vénse moitas veces desprotexidos ante as constantes agresións dos galegófobos. Non resulta curioso os impedimentos constantes para non ceder a biblioteca municipal de Navia para o acto do sábado. Na mesma liña van os cualificativos de imperialistas, colonialistas, anexionistas e outros cos que se tachan ás organizacións que reclaman a posibilidade de incorporar estes territorios a Galiza ou canto menos, recoñecer oficialmente as falas do Eo-Navia como galegas e non galego-asturianas, asturianas ou considerala unha nova lingua romance(sic). Cantas veces haberá que repetir que a “historia é a mestra da vida”? Non sabe a Academia de la Llingua Asturiana de historia e lingüística? Se cadra, e seguramente, non lles interesa saber.

Aínda así quen ten unha responsabilidade de capital relevancia é a Xunta de Galiza pois debe asumir plenamente a condición de galegofalantes aos da comarca do Eo-Navia. Que tipo de accións ou iniciativas se teñen promovido para a defensa deses 50.000 falantes reais baixo administración asturiana? Non basta con pequenas campañas, cómpre do recoñecemento oficial e legal do galego do Eo-Navia. Non basta con incluír na Lei de Normalización Lingüística unha mención á protección do galego nos territorios limítrofes, cómpre meterse de cheo no tema. Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale, ou?

A nosa lingua en Asturias carece de protección, tanto a nivel rexional, estatal e europeo. Ninguén recoñece a situación existente e por tanto ninguén se preocupa. Así chegan os galegófobos a chimpar topónimos como Santalla de Ozcos para chantar un “progresista e innovador” Santaolaya d´Ozcos. Agás os movementos de defensa da lingua, como a Abertal, ninguén protesta, ninguén incluída a Xunta que andan aos biosbardos (ou queren andar en tal).

Hai moitos anos que Castelao escribira unha metáfora que vén ao fío do tema: “¿Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo”. E o artista dedicado á causa tiña en conta os territorios limítrofes, como o Estatuto do 36.
Agardaremos logo á desaparición do idioma no Eo-Navia para comezar a reivindicalo? Padecerá a Xunta de tanta auto-xenreira para non responsabilizarse de tan alta misión? O tempo aperta e a Xunta de Galiza debe falar.

4,74/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...