Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Tradescola: botamos un rouso?

10:50 11/11/2008

Na fraga amurallada afíncase un proxecto cultural de recuperación, difusión e aprendizaxe da música e baile tradicional. Tradicional de noso, o herdado no pouso dos devanceiros nas xeracións mozas que innovan e revoltean cos sons e puntos sen se afastar do celme, a verdadeira herdanza indelébel en nós.

Mais volvamos á foliada que se armou aló pola rúa Pintor Corredoira número 4 de Lugo, no complexo residencial Lug II. Fóichevos cousa da Asociación de Gaiteiros Galegos que teimaron no seu e agora inauguran un novo chanzo musical. Entre as actividades: formación, aulas, cursos monográficos, audicións, recollida do folclore, mediateca… Unha boa iniciativa que cómpre recoñecer.

Galiza posúe un acervo cultural de indubidábel prestixio. Bon, dubidábel para os catro papaxoubas paranoicos de continuas aldraxes ao raciocinio humano que denuncian ser perseguidos polo idioma e por iso mandan aos fillos a Sevilla a aprender castelán. Eu tamén dubido da súa conexión neuronal. Dicía que posúe ese acervo que ten unha mostra na riqueza musical. Cumpría recuperar e manter o legado das cantigas, dos instrumentos co cadanseu xeito ou os puntos dunha danza; cumpría tamén difundir a aprendizaxe dese instrumento de voz luída como é a zanfona que noutrora acompañaba aos parrafeos do cego. Velaí dúas das tarefas máis ambiciosas da Tradescola, entre outras tantas.

Mais este traballo debe ser posto en valor, en colectividade pois só dese xeito poderemos coñecer e comprender este acervo. En colectividade como é o ensino, nos cativos e na mocidade. Se cadra é hora de darlle a importancia que merece á música á vez de que un mestre de música non sexa un desleigado da mesma. Tanto me ten saber quen era Chopin ou Gustavo Freire se logo non sei apreciar o son da súa música. Digo eu, ou? Do contido pedagóxico que enraíza na música non falo ren.

Ao inicio faleivos do celme no herdo dos devanceiros como formante da nosa identidade. Abofé porque nel vén a memoria, a historia, a fala, o traballo e o noso aquel tan noso que até os castelánfalantes fachendean fóra de Galiza. Nós ampliamos esa herdanza coa nosa propia experiencia e deixarémoslla aos vindeiros. Nesa herdanza tócanos hoxe tomar posición, posición ante o desafino financeiro, entoar verbas que nunca foron falsas para xebrar a falacia do humanismo capitalista. Ser bailador pola romaría de Monterroso non quita de nos manifestar contra o sistema o 13 de novembro nas rúas das principais cidades da nosa nación.

Algún día poderemos aturuxar a peito descuberto, cunha perniña para arriba e outra para abaixo, marcando os puntos como quen sabe e botándolle un rouso como buxainas, cando no mundo vallan máis as persoas cós bancos.
Déixoume de lerias. Benzón aos músicos da Asociación de Gaiteiros Galegos.

4,2/5 (55 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...