Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Non acabou aí o conto

10:51 20/06/2007

Alá polo mes de marzo, cando comezaba a agromar unha nova primavera, unha folla murcha caía, cuase podemos dicilo, definitivamente. Segundo nos comunicaba LVG (5/3/07) e nos comentaba atinadamente eltoupoquefuza, La Voz de Galicia vendía o Diario de León, en pleno desenvolvemento, ao grupo Begar. Díxonos Xosé Luis Vilela, na Casa das Letras, en Ribadeo, que a operación saíra redonda: “quen non vendería a súa casa se che pagaran cinco veces o seu valor?! Tempo habería para mercar outra e mudarse.” Ademais, tal e como recoñecía o xornal coruñés, a incapacidade de expandirse cara a Asturies restaba valor á posesión leonesa. Cumpría repregarse para centrar os esforzos inversores no mundo audiovisual galego. LNE fixo un cativo comentario nunha discreta media columna nas súas páxinas de Sociedade. Semellaba algo así como a calma tras dous anos (e moitos máis que fican ao lonxe) de tempestuosa actividade xornalística no Eo-Navia fronte ás “tropas imperialistas da vella Gallaecia”.

O proceso de reforma estatutaria en Galiza trouxo consigo o tema do galego exterior e a posíbel incorporación ao país de territorios limítrofes vinculados histórica, cultural e lingüisticamente a nós. Sempre o trouxo: na IIª República, no ano 81 e agora. E cando volva tocar. Por certo, o Sr. Rajoy gabouse do papel xogado polo seu avó na redacción do Estatuto do 36. É de supoñer que tamén fará referencia a ditos temas. Cando, pola súa banda, o PSOE reivindica dito Estatuto do 36 tamén recoñecerá a presenza nel de tal cuestión. Ben é certo que uns e outros poderían dicir aquilo de “eran outros tempos, ho!” Pois no Estatuto do 81 tamén se aprobou, en Compostela, unha referencia ao galego exterior e ás terras vinculadas histórica, cultural e lingüisticamente a nós. En Madrid, dita referencia foi retirada da redacción definitiva. Pero tanto os relatores vinculados á dereita (UCD e AP) como ao PSOE e o PCG da Comisión que elaborou o Estatuto déronlle para adiante a esas disposicións ao remate do texto. De novo poderiamos dicir aquilo de “eran outros tempos, ho!” Home non!

Durante a campaña feita polo BNG a prol dun estatuto de nación abordouse, como non podía ser menos, o tema do galego exterior e a posíbel incorporación de territorios vinculados histórica, cultural e lingüisticamente a Galiza, “sempre por decisión democrática dos interesados e polos mecanismos que a lei determinara no seu caso”. A reacción non se fixo agardar. Foi tan desmedida e tan pouco afortunada, que ao BNG non lle quedou máis que dicir que tanto Asturies como Castela e León contemplaban situacións similares nos seus Estatutos en vigor. Para alén do Eo e do Padornelo non puideron dicir ren. Pero impórtanos máis a reacción dos nosos compatriotas, en especial a do PP e o PSOE. Todos aproveitaron para acusar ao nacionalismo de volver ao monte, de recuperar vellas pantasmas do pasado. Cales? As do Sr. Enrique Rajoy, as dos relatores do Estatuto do 81? Memoria selectiva, non é?

A besta negra
A maiores do tema da reforma estatutaria, cada certo tempo abórdase no Parlamento Galego a cuestión do galego exterior, nomeadamente cando se trata da Lei de Normalización Lingüística (besta negra tan ben sobredimensionada nas páxinas do xornalismo asturiano) ou de aspectos relacionados co seu desenvolvemento. Lembremos todos e todas que se trata dunha lei aprobada por consenso. Mais iso sempre o recoñecen na prensa asturiana coa letra pequena, ben cativa por certo.

Nos tempos que corren, e nos que a cultura está a xogar un papel cada vez máis importante (tamén no eido económico) nesta economía global é fundamental ter unha marca diferenciadora. Cando alá polos anos 80 o goberno asturiano encargou un estudo sobre as posibilidades de proxección de Asturies cara ao exterior, os resultados indicaron que había que potenciar o propio, incluída a lingua. Pouco caso lle fixeron. Como moito, aceptaron unha visión folclorista, por moi urbanita que poida parecer, da realidade asturiana. E un dos territorios asturianos que mellor se definía e define sociolingüisticamente, o Eo-Navia, tiña á súa beira unha Galiza coa que sempre mantivo lazos afectivos, de parentesco, económicos e culturais. Ben o viron os encargados da mercadotecnia de LVG. Foi tal o acerto, que ata os castropolenses, veigueños, tapiegos, e demais eonaviegos mercaban dito xornal en Uviéu, Avilés ou Xixón para ver o que pasaba na súa terra.

A carraxe nos despachos

A carraxe acumulada nalgúns despachos preto do parque de San Francisco levou a bosquexar unha campaña destinada a desprestixiar todo o que soase a galego. O esquema centrípeto de desenvolvemento económico asturiano non podía consentir elementos esóxenos nas ás, en concreto na occidental. Moito menos, que un medio de comunicación das dimensións de LVG puidera usar o Eo-Navia como panca de introdución para establecerse no centro de Asturies. Resultaba cómico ler crónicas nas que se identificaba ao propietario do xornal coruñés como aliado incondicional do BNG, e viceversa, na invasión galega de Asturies. Como vangarda dese proceso colonizador, a emigración galega alá establecida. Fixádevos que ben se define, e denigra, o que non era máis que mercado potencial de dito medio, ademais do eonaviego polo xa dito anteriormente. Coa sobreidentificación Galiza-BNG-nacionalismo radical de extrema esquerda delimitaban unha fronteira simbólica infranqueábel ou, no seu caso, ameazante para quen non a respectara. Por suposto, para curarse en saúde, os gallegos buenos non tiñan de que preocuparse, non ía con eles a cousa.

Como diciamos ao principio, poderiamos pensar que agora, unha vez que o (para eles) verdadeiro problema desapareceu, este conto está rematado. Pois non. Tivemos estes días ocasión de comprobalo. O Sr. Bieito Lobeira volveu destapar a caixa dos tronos: máis unha vez, co desenvolvemento da LNL. A reacción foi inmediata. «Vade retro!» Non é de estrañar: fálase de recuperar toponimia, estudos sociolingüísticos... «o que, ho!»; mais tamén de que unha comisión do parlamento galego visite a zona... «¡alto al invasor!»; pero, sobre todo, e iso si que doe, de mellorar a recepción do sinal da TVG e a Radio Galega, mesmo de aumentar a cobertura informativa da zona, ata con programas territoriais propios se for o caso. E volveu soar a alarma preto do parque de San Francisco. «De eso, ¡ni hablar!»

4,2/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...